Segundo encontro entre os sectores lácteos de Galicia e Israel

Este verán tivo lugar o segundo encontro virtual entre gandeiros galegos e representantes do Ministerio de Agricultura de Israel, promovido pola embaixada de Israel en España, como xa contamos en Vaca Pinta 18. Nesta ocasión realizouse baixo o formato de webinar e os temas tratados foron o impacto da calor nas vacas de alta produción e o manexo de datos nas explotacións.

ESTRÉS POR CALOR EN GRANXA

O primeiro dos relatorios correu a cargo de Gaby Adin, director do Departamento de Produción Animal, do Servizo de Extensión do Ministerio de Agricultura de Israel. Adin explicou que a calor é un dos principais factores que levan á redución da cantidade de leite que pode dar cada vaca e mesmo a unha perda de calidades, e trátase dun problema cada vez máis serio en Israel (entre 1963 e 2012 a temperatura media no mes de agosto incrementouse en 10 °C no país).

Entre os efectos negativos que ten na saúde da vaca sinalou o aumento da temperatura corporal e do ritmo respiratorio, a baixada da inxesta de alimento e da produción e os problemas de fertilidade e coa recría.

O técnico israelí sinalou que, aínda que a calor afecta os meses de verán e primavera, pódese traballar todo o ano para reducir os seus efectos. Como principais métodos de combate a través de melloras nas instalacións destacou a prevención da radiación solar (sombra) e a refrixeración directa (duchas, ventilación) e indirecta (nebulización) dos animais.

Adín indicou ademais que, en condicións de calor, é necesario ter en conta a necesidade de facer cambios na alimentación das vacas para reducir o impacto das altas temperaturas.

XESTIÓN DE DATOS

A segunda intervención correspondeu a Daniel Werner, director de Proxectos e Misións Especiais do Ministerio de Agricultura de Israel. Werner ofreceu algunhas cifras do sector lácteo hebreo, que arroxan unha produción anual (2019) dun millón e medio de toneladas, que saen de 723 explotacións nas que se manexan en total 117.852 vacas, cunha produción media por animal/lactación de 11.852 litros. O consumo de leite e derivados per cápita en Israel é de 177,3 litros por persoa e ano.

Estes datos son moi diferentes en canto a volume dos que se manexan en Galicia. Con todo, hai ferramentas que poden ser comúns e moi útiles a ambos os sectores para afrontar problemas que tamén son comúns, como a inestabilidade dos mercados, a globalización ou os requisitos de sustentabilidade.

A nivel xeral, Werner sinalou que as novas tecnoloxías e especialmente os diferentes tipos de sensores son xa unha ferramenta indispensable nas explotacións.

O especialista israelí destacou que moitos datos non equivalen a moita información e que é necesario procesalos de xeito que resulten útiles para a toma de decisións. Por iso, apostou por que todos os actores do sector fagan a recollida que lles corresponde e que se cren mecanismos de interrelación entre eses datos para mellorar a eficiencia. Así mesmo, insistiu na necesidade de que toda a información se faga pública e accesible porque iso garante a transparencia e permite establecer análises comparativas para detectar onde se pode mellorar.

Desde a Embaixada de Israel manifestaron a súa intención de seguir mantendo ao longo do outono encontros virtuais cos produtores de leite galegos para intercambiar experiencias e información e fortalecer así o sector en ambas as rexións.

As presentacións de ambos os relatorios están dispoñibles para os lectores de Vaca Pinta que desexen recibilas por vía telemática.