Obxectivo: blindar o rural fronte ao Covid-19

Obxectivo: blindar o rural fronte ao Covid-19

Un grupo de veterinarios galegos pon en marcha unha interesante iniciativa que ten por obxectivo blindar o rural e as persoas que o habitan fronte ao Covid-19.

Despois de analizar os puntos críticos estas últimas semanas e de comprobar que nas aldeas existen certas rutinas que a xente maior non acaba de interiorizar, como a prevención dos riscos existentes en lugares de uso común (tendas, centros de saúde, farmacias etc.), chegaron á conclusión de que é preciso insistir de forma máis directa e sinxela, unha tarefa para a que piden a colaboración de todo o mundo.

En que consiste a iniciativa?

  1. Elaborouse un cartel de “PUNTO VERMELLO”, que xa se repartiu polos locais actualmente abertos (bancos, farmacias, centros de saúde, tendas de alimentación, estancos…) de varios concellos de A Coruña e Lugo, coa idea de que o coloquen en lugares ben visibles.
  2. Difúndese a imaxe do cartel entre os veciños (a través de grupos de WhatsApp) para que se familiaricen con el e o poidan falar cos máis maiores e o máis pequenos da casa. O obxectivo é que cando vaian a estes locais identifiquen ben esa imaxe e a asocien á necesidade de respectar as prevencións que anuncia.
  3. Elaborouse unha infografía onde se explica o efecto protector da aldea e os sitios onde se atopan as ameazas, xunto coas sinxelas medidas que se deben respectar para manterse a salvo do virus. Esta infografía difundirase para que os adultos a poidan imprimir e os nenos interactúen con ela, pois son de grande axuda á hora de recordarlles normas e rutinas aos maiores.
  4.  Fomentarase a difusión de forma masiva, xa que cada un de nós forma parte da solución.

O obxectivo destes veterinarios é chegar a todo o rural, pero para iso precisan axuda e piden que todas aquelas persoas interesadas en facelo se poñan en contacto con eles a través do enderezo electrónico carlosriveirab@yahoo.es.

Os impulsores desta campaña de sensibilización saben que a implicación dos máis pequenos é fundamental. Por iso lles piden que fagan un debuxo ou unha narración sobre o tema “Cento e mil maneiras de derrotar un virus. O día que na aldea vencemos o coronavirus”. Co material que recompilen daranlle forma a un libro co que pretenden homenaxear os máis pequenos e as súas aldeas.