DE HEUS: PATRICIA SCHWARZ (DIRECTORA DE MARKETING Y ESTRATEGIA)

“Estamos a dirixir os nosos esforzos a apoiar e promover iniciativas dos nosos clientes, que buscan innovar e achegarse ó consumidor"

Dende un primeiro momento tratamos de adiantarnos aos acontecementos e de actuar con rapidez para protexer a saúde dos traballadores e garantir a continuidade do noso negocio. Mesmo antes da declaración do estado de alarma implantamos estritas medidas de prevención para evitar os contaxios entre os traballadores.

O noso compromiso co sector primario e a cadea alimentaria é firme e por iso a nosa estratexia dende o inicio da crise foi protexer e illar as plantas de produción, desenvolvendo en paralelo solucións telemáticas para preservar o contacto entre o equipo e os clientes.

Así, as principais medidas de seguridade que adoptamos foron o distanciamento social, o incremento da hixiene nos centros produtivos, o impedimento de visitas e reunións nas fábricas, e medidas especiais para a recepción de transportistas, como aseo específico para uso fóra do ambiente de produción e uso de xel hidroalcólico.

Os protocolos de limpeza e desinfección tamén se expuxeron de maneira máis frecuente e estrita, tanto nas fábricas coma nas oficinas, pero, sen dúbida, a medida de protección máis efectiva foi o teletraballo en todos os casos nos que foi posible realizalo.

Ao longo deste tempo atravesamos diferentes fases, dependendo do momento da pandemia no que nos atopabamos. Nos primeiros días do estado de alarma realizáronse os axustes necesarios para adaptar a operativa das fábricas e os transportes ao notable incremento que experimentaron os pedidos. Foron semanas de grande incerteza. Os gandeiros estaban moi preocupados por un posible desabastecemento e a tendencia foi realizar provisión masiva de pensos e materias primas. Pasados eses primeiros momentos, quedou perfectamente constatada a fortaleza do sector primario e que, traballando xuntos, fabricantes e gandeiros, podiamos garantirlle á poboación unha provisión de alimentos puntual e suficiente.

Superada esa primeira fase, asumimos o desafío de adaptar os servizos especiais e de asesoramento que o noso equipo lles ofrece aos clientes ás limitadas opcións que nos brindaba o confinamento. Así, derivamos a maior parte deses contactos e servizos cara a plataformas dixitais, xerando respostas concretas e adaptadas ás necesidades dos gandeiros.

Como é natural, a dinámica dos traballadores de campo viuse moi condicionada por esa situación e, aínda que os nosos técnicos estiveron sempre dispoñibles para intervir en situacións urxentes, o certo é que descubrimos que na maior parte dos casos podemos ser tan eficientes proporcionando asistencia en remoto como o somos en visitas presenciais.

Respecto das vendas, polo momento non sufrimos un impacto económico directo na nosa conta de resultados, pero participamos da preocupación polo devir de certos sectores, como a canle Horeca, e non descartamos que poida afectarnos a medio prazo. Por iso, agora mesmo estamos a dirixir os nosos esforzos a apoiar e a promover iniciativas dos nosos clientes, que buscan innovar en termos de canles de venda e aproximación ao consumidor.


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE