LECHE GAZA: IGNACIO QUINTANILLA (DIRECTOR XERENTE)

“Esta crise está a servir para pór de manifesto que o gran problema de contaminación que temos non está causado polo sector agrogandeiro”

Non é un escenario agradable para ninguén, pero estamos a vivir esta situación con tranquilidade, adaptándonos e tratando de xogar o noso papel, que é o de seguir ofrecéndolles un produto da máxima calidade a todos os nosos clientes.

Para iso, impuxemos severos protocolos de actuación e fixemos un esforzo importante para aumentar a produción un 25 %, co obxectivo de responder así ao aumento de demanda de leite UHT. En contrapartida notamos caídas significativas na canle Horeca e en produtos B2B.

Os traballadores demostraron unha grande implicación (non tivemos absentismo e fixéronse horas extras nas fins de semana para poder sacar adiante os pedidos) e, por este motivo, todos eles recibiron unha gratificación extraordinaria no mes de marzo de 300 euros. Así mesmo, facilitouse o teletraballo cando foi posible e ao persoal que segue traballando de forma presencial dividímolo en dous edificios, nos que estamos a usar as salas de reunións como despachos provisionais. Reforzamos a formación relativa ás medidas necesarias para evitar contaxios e pedímoslles a todos que se controlen a temperatura diariamente e, no caso de ter febre, deben quedar na casa.

Desinfectamos diariamente a fábrica, as oficinas e os postos de traballo en cada cambio de quenda, prohibíronse as visitas ás nosas instalacións salvo que sexan imprescindibles e os condutores que veñen cargar ou traer mercadoría non poden baixar do camión.

En canto aos nosos gandeiros, adoptamos medidas de prevención contra os contaxios e seguíronse as pautas que tiñamos previstas, polo que a produción non se viu afectada.

Gustaríanos destacar tamén que cremos que esta crise está a servir para pór de manifesto que o gran problema de contaminación que temos non está causado polo sector agrogandeiro. Tamén está a axudar a que o consumidor valore máis o produto de calidade, local e de proximidade, e para pór en valor o traballo de agricultores e gandeiros a nivel social e económico.


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE