CARLA ANTELO (SAT PERILLA - SANTA COMBA, A CORUÑA)

“Esperemos que se valore o traballo que facemos”

Os cambios que notamos son a nivel social, pois á hora do traballo seguimos igual que sempre. Hai que muxir e facer as tarefas que xurdan durante todo o día, sen variacións pola covid-19. O transporte do leite tamén é normal e a recollida, de momento, non sufriu alteracións.

Tentamos manter a distancia de seguridade, sobre todo coa xente que non é da casa. En canto ás medidas de hixiene, sempre se levaron a cabo, xa que as empresas obrigan a manter unha limpeza para que non se contamine o alimento que producimos, o leite.

Se pensamos nos contratos, de momento non se notaron variacións, pero a longo prazo non se sabe o que pode pasar. Co peche da hostalería e da restauración pode baixar o consumo de produtos lácteos, polo que é un feito que lles pode afectar aos contratos que hai no noso sector. Esperemos que se valore o traballo que facemos e que esta situación non lle afecte á economía das granxas e das familias, xa que con coronavirus ou sen el nós temos que seguir traballando e as vacas non entenden de confinamento.


REIVINDICAR O SECTOR EN MOMENTOS DE CRISE

Ante a situación provocada pola covid-19 os gandeiros da comarca galega do Xallas compartiron en redes sociais un vídeo de ánimo que serviu para recoñecer o traballo realizado polo sector. Carla Antelo, promotora da iniciativa, conta como a levaron a cabo:

“A idea xurdiu a raíz do aburrimento dunha noite. Ao non poder saír, ocorréuseme que nos poderiamos xuntar virtualmente os gandeiros da zona de Santa Comba e facer un vídeo reivindicativo. Despois de falar con varios veciños, empezamos a contactar coa xente e xuntamos 25 persoas. Logo decidimos que a canción que iamos interpretar era a de “Vivir”, de Rozalén e Estopa, xa que a letra se adapta moito á situación actual, e despois diso repartimos a letra entre todos. A verdade é que non esperabamos tanta repercusión e isto anímanos a seguir así, xa que pode ser unha ferramenta para que a sociedade valore o noso traballo e para que se dea a coñecer”.

 


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE