NANTA: JOAQUÍN PEINADO (DIRECTOR DE MARKETING)

“Nestes tempos, máis que nunca, traballamos pola calidade e a seguridade alimentaria dos nosos pensos”

Exactamente igual que a todos os gandeiros, esta situación supúxonos un gran reto como persoas e, evidentemente, como profesionais. Así, a deriva desta crise, que sacou o mellor de nós coma membros comprometidos e responsables da sociedade, levounos a un cambio nos nosos hábitos e obrigounos a facer un esforzo por sintonizar e asumir a “nova realidade”.

No que respecta á nosa actividade habitual, a fabricación de pensos, non paramos; é máis, como os gandeiros, non podiamos parar! Tiñamos que estar con eles para que non lles faltase de nada.

Agora ben, cambiáronse moitos protocolos de seguridade para manter os nosos traballadores a salvo. A mellor medida que adoptamos para a seguridade é o teletraballo: quedar na casa para deter a rápida transmisión da covid-19.

No que se refire a persoal de oficinas e comercial, aplicamos todas as medidas suxeridas polo noso Goberno e, sobre todo, polo sentido común. O último era expoñernos aos nosos clientes, polo que soamente en casos de urxencia e solicitados acudimos ás explotacións. Os compañeiros que dan servizo e están máis en contacto coas granxas adaptáronse a esta situación: realizaron unha maior e mellor planificación das súas actividades en remoto e só atenderon as necesidades máis críticas dos clientes en visitas, sempre cumprindo con estritas medidas de seguridade e sempre porque o gandeiro o pediu.

Dentro dos nosos centros de traballo, para os compañeiros de produción e dos laboratorios de calidade, que non poden quedar na casa e seguiron traballando a tope, reorganizáronse quendas e distancias entre traballadores, distribuíronse carteis de concienciación, temos novas medidas para o transporte e adaptouse a loxística e entrega dos pensos para salvagardar a seguridade dos nosos clientes. Podo afirmar con orgullo que, nestes tempos, máis que nunca, traballamos pola calidade e a seguridade alimentaria dos nosos pensos.

Logo deste “realiñamento de antenas” e da adaptación dos nosos hábitos de traballo, puidemos ver reafirmada a importancia de tres puntos clave no noso desempeño: a comunicación, o sentimento de equipo dentro do sector e a capacidade de reaxuste. Os equipos de Nanta e os gandeiros tiveron que dar paso ao uso das novas tecnoloxías para realizar “cibervisitas” e, aínda estando separados e tendo que traballar a contrarreloxo para readaptar moitos plans que estaban en marcha, sentímonos más preto que nunca nese sentido.

Nada do anterior tería sentido sen un gran compoñente humano incrementado pola sensibilidade ante esta situación que impregna todas as actividades que realizamos. En definitiva, esta situación supuxo un gran reto para toda a empresa e superámolo con nota debido ao gran compromiso de todos os meus compañeiros.


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE