MANUEL MORALES - OCEVA SC (ZAMORA)

“O tema do día é o coronavirus e aprovéitase para falar das medidas de seguridade que debemos establecer”

“O tema do día é o coronavirus e aprovéitase para falar das medidas de seguridade que debemos establecer”

Desde o inicio da corentena pechamos a oficina e os servizos administrativos realízanse desde a casa. Por outra banda, aínda que o traballo nas granxas non sufriu modificacións en canto a periodicidade e intensidade, si que houbo que cancelar actividades formativas e de asesoramento que se realizaban no centro de traballo.

Establecemos medidas de seguridade, a maiores das habituais, como son uso de material de protección en granxa (luvas, máscaras e batas impermeables); non levar nin traer ningún material (papelería, utensilios, bolígrafos etc.) das granxas; vehículos de traballo de uso exclusivo para un só veterinario, sen compartilo con ninguén máis e extremando as medidas de limpeza e desinfección; tentar non coincidir no centro de traballo máis dun veterinario cando hai que acudir a repoñer material; manter as medidas de distanciamento social e, no posible, non entrar en locais pechados (leiterías, oficinas...), e recollida e envío de datos por e-mail ou WhatsApp.

Durante as visitas o tema do día é o coronavirus e normalmente aprovéitase para falar das medidas de seguridade que debemos establecer todos, insistindo moito na hixiene das mans, o uso de material de protección, limitar as visitas non imprescindibles e o mantemento da distancia de seguridade entre todos os traballadores da granxa. Aclaramos tamén preguntas e bulos, que a todos chegan.

Creo que os veterinarios deberían formar parte do comité asesor do Goberno. Ninguén mellor ca eles coñece e ten experiencia na prevención, o tratamento e a erradicación de enfermidades colectivas e epizootias. O uso das diferentes técnicas analíticas para detectar enfermidades de rabaño (optimizando os recursos), o control de movementos de animais, o uso de vacinas, a cualificación sanitaria de granxas individuais e colectivas etc. son estratexias sanitarias coas que convivimos a diario e sería de gran valor poder achegalas na situación actual.


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE