COVAP: EMILIO DE LEÓN (DIRECTOR DE ACTIVIDADE LÁCTEA E COMPRAS)

“Destacaría o altísimo grao de compromiso que todos os que interveñen nesta rede agroalimentaria mostraron unha vez máis”

Os servizos que presta a Cooperativa Ganadera del Valle de los Pedroches (Covap) pódense dividir en dous grandes grupos. Por unha banda, a entrega de provisións e a recollida das producións gandeiras dos nosos socios e, pola outra, o asesoramento profesional dos servizos técnicos da Cooperativa nas áreas de alimentación animal, calidade de leite, reprodución etc.

A entrega de provisións ás ganderías, así como a recollida de todas as producións, xa sexan lácteas ou cárnicas, mantivéronse con absoluta normalidade, para o que se implementaron medidas co fin de garantir a seguridade e a saúde tanto dos gandeiros coma dos transportistas. Destacaría o altísimo grao de compromiso que todos os que interveñen nesta rede agroalimentaria mostraron unha vez máis.

En canto aos servizos técnicos, reducimos o número de visitas dos nosos técnicos ás ganderías nun 50 %, co que se evitaron contactos e deixáronse só activas as indispensables, como o seguimento do programa reprodutivo. Paralelamente implantouse o teletraballo, que nos permitiu desenvolver a implantación de ferramentas postas xa en marcha, como o software de seguimento das granxas. Isto permítenos asesorar en tempo real sen estar presentes nas ganderías.

Desde a primeira semana comezamos con formación a todos os traballadores e púxose en marcha o Plan de Prevención Especial Covid-19, a través do cal se desenvolveron accións como o control de temperatura de todas as persoas que acceden ás nosas instalacións, a suspensión de todo tipo de visitas que acoden a coñecer o noso modelo Covap, xa sexan profesionais ou de colectivos, a subministración de EPI a todo o persoal, a instalación de dosificadores con xel hidroalcólico en distintos puntos das fábricas, o reforzo do plan de hixiene e desinfección e a implementación de desinfeccións específicas semanais. Ademais, implantouse o teletraballo para postos de planificación, administración, compras etc. Outras accións consistiron en habilitar unha zona de descanso e aseo para transportistas, así como en pór á súa disposición produtos lácteos de maneira gratuíta.


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE