GUILLERMO MARTÍNEZ (CASA GRANDE DE XANCEDA - MESÍA, A CORUÑA)

“Hai que ter en conta o grande esforzo laboral que están facendo produtores, industrias e distribución"

No traballo cos animais non hai cambios, mantéñense todas as actividades e as vacas continúan saíndo a pacer todos os días. Desde o primeiro momento adoptamos medidas para evitar os contaxios, entre elas a división do traballo en quendas separadas para coincidir o menos posible. Iso si, traballar todos os días coa metade dos empregados supón que algunhas tarefas non poden ser levadas a cabo por nós e tivemos que externalizalas, por exemplo, a xestión de xurro e esterco e outros traballos agrarios.

Outras medidas que adoptamos son o uso de máscaras e luvas na sala de muxido, o reforzamento da limpeza de zonas comúns, o acceso a vestiarios de forma separada e unha constante formación e recordatorio das medidas de seguridade.

Os traballos veterinarios foron considerados esenciais. Non podemos prescindir nin do control de reprodución nin do de calidade de leite, pois baixar a garda nestes aspectos supón pór en risco a eficiencia futura da granxa. Os dous profesionais encargados destes temas están perfectamente equipados con máscaras, luvas e batas desbotables.

Para o resto das persoas externas que teñan que visitar as instalacións, técnicos da sala de muxido ou veterinarios clínicos se fose necesaria a súa presenza, séguese o mesmo protocolo de seguridade.

Respecto da venda dos nosos produtos, nos primeiros momentos do confinamento produciuse unha compra compulsiva por parte dos consumidores e tivemos que repoñer rapidamente os stocks. Nas seguintes semanas a demanda normalizouse, aínda que tivemos que facer fronte a uns pedidos das tendas un pouco inestables. Agora, que xa quedaron atrás esas primeiras semanas, podemos dicir que produtos coma o leite pasteurizado, que habitualmente é de compra diaria, teñen un pouco menos de demanda, mentres que os iogures, o queixo e a manteiga manteñen un nivel de pedidos normal. Por suposto, todo o que se viña servindo en comedores escolares, hoteis, restaurantes e comedores de empresa cancelouse.
 


CAMPAÑA DE ÁNIMO E SOLIDARIEDADE

Durante este tempo desde Casa Grande de Xanceda tamén puxeron en marcha varias iniciativas:

“Unha delas é unha mensaxe de ánimo e confianza en forma de vídeo que circula polas redes sociais e pola Televisión de Galicia co lema “Seguimos por ti”. Por suposto, tamén axudamos os nosos clientes que peor o están pasando para que poidan sobrevivir a esta crise sanitaria, que está facendo dano en todos os sectores. Aínda que sigamos producindo, hai que ter en conta o grande esforzo laboral que están a facer tanto produtores como industrias e distribución alimentaria para manter os niveis de servizo e a calidade dos produtos nas condicións actuais de seguridade.

Ademais, tamén puxemos en marcha unha iniciativa solidaria para axudar as protectoras de animais que, debido á pandemia, se están quedando sen voluntarios e sen doazóns.

Propuxémoslles a todos os nosos seguidores de Instagram que subisen unha foto dándolle unha lambetada a algún dos nosos produtos coa etiqueta #lametazoscontraelabandono e, por cada foto, doaremos un euro a protectoras de animais. Marcamos un obxectivo de 2.000 lambetadas, que converteremos en 2.000 € de comida para estas protectoras”.


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE