CALIDAD PASCUAL: JOAQUÍN LORENZO (DIRECTOR DE COMPRAS AGRO)

“Aseguramos a compra local en España e garantimos unha seguridade no abastecemento; non temos que saír a comprar a outros mercados”

Atopámonos fronte a un escenario tremendamente retador, cunhas dificultades que tratamos de afrontar coa máxima responsabilidade. A pesar dos obstáculos, estamos e estaremos en contacto constante cos nosos colaboradores (distribuidores, clientes, transportistas, provedores...) para poder, entre todos, saír adiante.

Asistimos a un incremento xeneralizado da demanda, sobre todo nas primeiras semanas, aínda que estas vendas son adiadas, é dicir, hanse de consumir para que se volvan demandar. En hostalería a demanda viuse alterada debido ao peche dos establecementos e ao confinamento, o que levou a unha caída do consumo. Neste sentido, somos conscientes da importancia do sector Horeca para a economía do país, polo que estamos comprometidos a apoialos.

Para nós, as persoas e a súa saúde son o primeiro. Achegamos ferramentas e mecanismos para apoiar os nosos empregados (teléfonos internos de consulta médica e psicolóxica, recomendacións para un traballo máis útil e eficaz, sistemas tecnolóxicos adecuados...) e implantouse o teletraballo en todos os postos nos que é posible, que é unha boa parte da empresa. Nas fábricas establecéronse plans de prevención e continxencia específicos para preservar ante todo a saúde e a seguridade (EPI, desinfección das instalacións, distancias de seguridade), pero tamén a subministración como parte da nosa responsabilidade social. Neste sentido, a poboación necesita saber que o fluxo de alimentos non se vai interromper.

En canto aos gandeiros e agricultores, activamos diferentes protocolos para cumprir con todas as advertencias sanitarias. Ademais, recomendámoslles que reduzan ao mínimo as visitas á granxa e extremen as medidas de protección individual. Estamos en permanente contacto con eles vía telefónica para asesoralos e axudarlles no que necesiten. Pospúxose o traballo de verificacións e auditorías e só imos ás granxas para casos moi puntuais.

Como en calquera crise, o posible impacto é impredicible, pero, pola nosa banda, estamos preparados ante calquera imprevisto grazas ao traballo continuado que vimos facendo desde as nosas orixes, forxando relacións de confianza con todos e cada un dos nosos partners e clientes. No caso das ganderías, das 400 granxas que aprovisionan de leite a Calidad Pascual, o 80 % colabora connosco desde hai 15 anos ou máis e o 100 % do gasto en compras de leite destínase a provedores locais, españois.

Como parte do noso compromiso como negocio responsable desde a orixe da compañía, aseguramos a compra local en España e, coa nosa estratexia de contratación a un ano, garantimos unha seguridade no abastecemento, polo que non temos que saír a comprar a outros mercados.


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE