Belén García probou traballar lonxe da casa e mantivo un estilo de vida nada semellante ao do campo. Porén, pasado un tempo, decidiu regresar á súa localidade natal, Castillo de Bayuela, para continuar coa granxa de vacún de leite que fundara o seu avó: Ganadería Moro del Castillo.
“Nunca imaxinei que acabaría onde todo comezou”, declara Belén, que traballou durante uns anos en Madrid como condutora de ambulancias. “Era unha vida moi diferente, pero vir o meu lugar de orixe era o que me facía feliz”, destaca. Aínda que no sector lácteo tamén se poden dar situacións de emerxencia, Belén salienta “a tranquilidade do campo” e “o gusto polos animais”.
Co apoio do seu home, alleo nese momento a todas as funcións dunha granxa de leite, comezou unha nova etapa. En Castillo de Bayuela agardábaa un negocio familiar, que do seu avó pasara ás mans do seu pai e do seu tío. “Para moita xente sería un retroceso, pero para min foi un paso adiante”, confesa.
Na actualidade, Moro del Castillo alberga unhas seiscentas cabezas de gando, das cales unhas trescentas vinte se corresponden con vacas en lactación. A súa filosofía é “facer sempre todo o necesario para que as vacas queden o maior tempo posible connosco”, sinala.
“Teño animais que criei desde pequenos e téñolles moito cariño. Para min é igual ca cos coidados do meu can, por exemplo: coido as miñas vacas e, se a algunha lle pasa algo, sufro. Preocupámonos máis nós ca calquera persoa que non viva este mundo, porque son animais moi sensibles. Elas valórante con calquera acción que fagas; mesmo se un día non moxes á hora habitual, nótase. Son as primeiras en avisarte e póñense en folga de muxido. É coma traballar baixo presión, pero porque elas son as xefas”, relata.
Belén recoñece que “ser gandeira é bastante difícil” e manifesta os problemas que sofre por ser muller: “Aínda existen persoas que se sorprenden ao verme manexar maquinaria pesada ou tomar decisións relacionadas coa produción dos animais”. Con todo, quere deixar clara unha mensaxe positiva: “Cada vez somos máis mulleres á fronte de ganderías, a paixón non ten xénero”.
Aínda que o seu caso non é o máis común, Belén reivindícao. “Este estilo de vida estase a perder, pero erguerse cada día, chegar ás instalacións e comprobar que as vacas están ben sempre reconforta, malia a madruga. O ritmo de vida do campo é moi diferente ao que eu tiña en Madrid, pero estou feliz de continuar co legado familiar. O meu avó botou a semente, meu pai e meu tío crearon o que temos agora e eu, grazas a eles, podo vivir disto”, conclúe.