Un amor forxado entre dúas Córdobas coas vacas como testemuñas

Loreto Pardo (nacida en Córdoba, España) e Diego Ezequiel Ruiz (natural de Córdoba, Arxentina) son veterinarios e a súa é unha historia de amor de parella, pero tamén de paixón por un modelo de vida. Levan case vinte anos traballando no Valle de los Pedroches, en Córdoba, e neste #YoSoyCampo, de Virbac, coñecemos o seu día a día, que xira ao redor do medio rural e dos gandeiros, polos que amosan un profundo respecto e admiración. Máis en Vaca Pinta 45.

Loreto Pardo e Diego Ruiz son dous veterinarios que medraron nun lugar co mesmo nome; ela na provincia española de Córdoba e el na homónima arxentina. Coñecéronse na Universidade de Córdoba en España en 1996, aínda que a súa relación sentimental comezou tres anos máis tarde no país suramericano. “Vendeume unha camiseta da súa promoción; chamoume a atención porque Loreto, na Arxentina, é un nome máis común nos homes”, relata Diego sobre o seu primeiro contacto, despois de establecerse temporalmente en Andalucía para elaborar a súa tese de doutoramento.

Diego regresou ao seu país e, tempo despois, foi Loreto quen apostou por realizar o camiño á inversa e desenvolver a súa investigación noutro continente. “Aos dous anos de volver á Arxentina, chegounos unha solicitude de España dun tal Loreto que quería preparar o doutoramento. Eu díxenlles aos meus compañeiros que Loreto era unha rapaza, todos riron e o meu director de cátedra indicoume que me correspondía responsabilizarme dela”, comenta Diego entre risas.

Este foi o punto de partida dunha relación que Loreto lembra con moito agarimo: “Estaba todo o día con Diego porque el era profesor na universidade e, ademais, traballaba como veterinario rural co seu pai. Aprendín moito profesionalmente e coñecín o home da miña vida”.

Tras os primeiros anos como parella en terras arxentinas, decidiron trasladarse a España; en concreto, ao Valle de los Pedroches. “A min encántanme as vacas de leite. Cando estaba na universidade en España, cada vez que preguntaba por vacas, mandábanme á Cooperativa Ganadera del Valle de los Pedroches (Covap). Fixera bos contactos na entidade e, cando decidimos instalarnos aquí, a solución máis fácil era retomar o trato coa Covap para ver se podiamos vivir da gandería de leite nesta zona”, sinala Diego. Loreto actuou de anfitrioa, aínda que ela non nacera no Valle: “É a conca gandeira máis importante na provincia de Córdoba. Sentímonos moi ben acollidos”.

Ruiz conseguiu ocupación na cooperativa, da que formou parte durante 22 anos, mentres que Loreto exerceu a docencia universitaria ata 2006. A partir de aí, comezou a traballar no Valle de los Pedroches como consultora agropecuaria avalada pola súa especialidade en economía agraria. “Diego comentoume que os gandeiros necesitaban alguén que lles axudara coa parte documental porque había falta de organización. A min ensináronme que unha gandería é unha empresa específica que necesita un veterinario e un técnico que os asesore en máis aspectos que o estritamente clínico”, explica Loreto. Na actualidade, continúa xestionando a documentación de varias granxas da zona; en cambio, desde hai ano e medio, Diego actúa como profesional independente.

O Valle marcou a filosofía de vida que Loreto e Diego intentaron transmitirlles aos seus tres fillos. “Se son felices, abertos e sociables é porque se puideron criar no medio rural”, subliña Loreto. “No campo hai moitas realidades, boas e malas, pero é importante vivir ambas. Nunha aldea pálpase unha relación humana diferente”, confirma Diego, quen engade que “o campo permite calibrar cal vai ser o teu papel na vida, nin vas ser o Deus que revolucione o mundo, nin unha piltrafilla”.

CRENZAS SOBRE O SECTOR

A idea de vida que a parella inculcou nos seus fillos non encaixa cos pensamentos que algúns exhiben sobre o medio rural. “A xente fala sen saber, invitaríaos a que visitaran algunha das granxas que nos dan de comer para que vexan como funcionan. O gandeiro non é ningún explotador. Estou traballando en negocios de 700 vacas e os donos coñécenas a todas. Vin como choran cando teñen que sacrificar aos seus animais por unha enfermidade de erradicación obrigatoria”, razoa Loreto.

“Temos que transmitirlle á sociedade a realidade do sector”, apunta Diego, que expón un caso persoal: “Coñecín unha estudante de Agrónomos e por un vídeo que vira dun minuto nas redes sociais pensaba que as vacas se muxían as 24 horas do día”.

Ambos os veterinarios amosan un gran respecto polos gandeiros e piden que se eliminen os prexuízos. “Deben sentirse orgullosos de ser tan importantes na vida das persoas. Moitos pensan que non teñen dereito a protestar; eu sempre apoiei as súas reivindicacións porque merecen ser escoitados e axudados”, realza Pardo.

A SITUACIÓN DAS GANDERÍAS

“Ás novas xeracións estamos ensinándolles que todo é de cor rosa, pero esa non é a realidade. O punto máis crítico do sector nos vindeiros anos vai ser o dilema ético que provoca o sacrificio dun animal. Desde a veterinaria temos que vivilo e afrontalo tamén como sociedade”, expresa Diego.

A pesar de todas as circunstancias, os dous profesionais manifestan o seu optimismo respecto ao futuro. Ela afirma con rotundidade que “os gandeiros non van desaparecer”, aínda que si é certo que “teñen que adaptarse ás novas tecnoloxías como facemos todos nas nosas vidas; isto permitirá que as explotacións sexan máis eficientes e que os seus propietarios teñan unha mellor calidade de vida”.

Ruiz argumenta que “a humanidade necesita proteínas de alto nivel e iso só o poden producir os ruminantes; son os únicos capaces de transformar a herba en comida”. Con todo, recoñece que Os Pedroches “é un lugar complicado porque non temos auga. Aquí, se puidesen escoller, ninguén escollería o vacún de leite. A súa presenza débese ao esforzo dos gandeiros, ao exemplo da Covap e ao traballo de moita xente. O futuro vai depender de que sexamos capaces de ser máis eficientes”.

Nese camiño, Loreto anima os estudantes de Veterinaria a que se especialicen en produción animal: “Hai moi poucos veterinarios que se dediquen a traballar cos gandeiros nas zonas rurais. É absolutamente necesario e existen moitas oportunidades de traballo, non só no coidado”. Para Diego, “é o ámbito da Veterinaria máis artístico; hai unha parte do espírito humano por desenvolver. A min encántame poder perfeccionar o coñecemento en áreas que non están definidas”.

Á pregunta de se haberá remuda xeracional na casa, os proxenitores non se agochan: “Non sei se acabarán sendo gandeiros ou non, pero estou segura de que van seguir vinculados ao campo; é o que mamaron, apréciano e valórano. A miña filla maior está estudando bioquímica e quere especializarse no medio ambiente e na xenómica animal”. Non sabemos se a profesión, pero o legado de Loreto e Diego xa está herdado.