Novos contidos sobre inmunoloxía en Bovinium.es

Novos contidos sobre inmunoloxía en Bovinium.es

Bovinium, a plataforma técnica enfocada na Síndrome Respiratoria Bovina (SRB), mantense fiel á súa cita cos profesionais do sector coas súas actualizacións mensuais de contidos. Entre os últimos materiais publicados na web destaca, na sección de Inmunoloxía, a segunda entrega do bloque “Elementos solubles do sistema inmune”, un vídeo no que se repasan as moléculas sinal e os mecanismos efectores do sistema inmune innato.

Ademais, Bovinium publica na sección SRB Essentials un artigo no que se fai un estudo observacional sobre a inmunidade pasiva en xatos mamóns de carne e leiteiros. Neste texto, abórdase o diagnóstico do fallo de transferencia de inmunidade pasiva e as asociacións coa saúde e a eficiencia produtiva.

Máis aló destas novas entregas, Bovinium actualiza a súa sección de noticias do sector bovino e mantén activo o calendario de eventos (pendente de actualizacións en función da evolución da crise sanitaria ocasionada pola covid-19) para ofrecer as últimas novidades en todo o relacionado co SRB.