A plataforma Gando, de Ceva Salud Animal, utilizada xa nun milleiro de granxas

Un milleiro de granxas e os seus veterinarios xa se benefician das vantaxes de Gando, a plataforma de integración de datos online comercializada por Ceva Salud Animal para explotacións de vacún de leite. A ferramenta, que permite visualizar e xestionar de forma sinxela e cómoda os principais parámetros das granxas, converteuse nun recurso de gran utilidade no día a día destas explotacións, que suman uns 100.000 animais.

"Estamos moi contentos coa acollida que está a ter Gando. Non só pola cantidade de usuarios veterinarios e gandeiros que xa se benefician da plataforma, senón, sobre todo, por todos os comentarios que recibimos a diario do útil que lles resulta", destaca Antonio Jiménez, veterinario e técnico de gando vacún de Ceva Saúde Animal.

Parámetros de saúde, de produción, de calidade de leite ou de reprodución son algúns dos datos clave que poden analizarse na plataforma, desenvolvida por unha startup tecnolóxica en Galicia. O seu obxectivo é sacar o maior partido posible á gran cantidade de información que se xera diariamente na granxa, axudando a veterinarios e gandeiros na toma de decisións.