MODELO LELY DE GRANXAS XL

A filosofía Lely para o muxido en grandes explotacións (III): a alimentación no robot de muxido

A tecnoloxía revolucionou a forma en que operan as granxas leiteiras nos últimos anos e, neste sentido, un dos aspectos máis impactantes é a alimentación das vacas nun negocio con sistemas de muxido automatizado, tema abordado en Vaca Pinta 40. Os robots de muxido Lely Astronaut non só transformaron a maneira en que se extrae o leite, senón que tamén impulsaron unha nova era de alimentación precisa e personalizada para as vacas.

Unha das claves para que un robot de muxido funcione á perfección, é dicir, que as vacas acudan de forma regular a muxirse sen que o gandeiro teña que levalas ou forzalas a acudir á cabina de muxido, é a alimentación.

O equilibrio alimentario entre o que os animais comen no presebe e o que comen no robot é vital para o bo funcionamento dunha explotación láctea, pero que, ademais, o que busca unha grande explotación, por norma xeral, cando cambia a un sistema de muxido automatizado, é mellorar o rendemento do seu negocio en canto a produción de leite, ademais de ter menos man de obra e máis benestar e lonxevidade no seu rabaño.



PMR FRONTE A TMR

Unha boa ración para unha explotación con sala de muxido non adoita ser unha boa ración para unha granxa con robots. Na sala, as vacas son levadas ao muxido, non incentivadas a ir en ningún momento, polo que comen unha serie de quilos de comida no presebe ao longo do día antes de acudir á hora indicada a muxirse. Cada vaca pode comer máis ou menos, sen ter en conta o que produce, os días de leite nos que está ou o seu estado de saúde.

Todo o concentrado e alimento que inxire ao longo do día parte única e exclusivamente do que hai no presebe, é o que se chama TMR (Total Mix Ration), buscando unha ración única para todos os animais da granxa, sen importar as características individuais de cada vaca.

En cambio, co robot de muxido o que se persegue é unha alimentación baseada no PMR (Partial Mix Ration), ou o que é o mesmo, unha ración máis equilibrada e compensada vaca a vaca. Ese equilibrio conséguese no presebe, pero tamén no robot, onde a vaca, á parte de muxirse, comerá ese penso que lle fará gañar máis rendemento leiteiro, o que conseguirá que incremente a súa produción, que estabilice máis os seus picos de lactación e que acuda con moita máis frecuencia ao Lely Astronaut.

O PENSO NO ROBOT

Non se trata de “quitarlle” penso da cornadiza para darllo no robot. Débese buscar un equilibrio. O penso do presebe vai ser diferente ao que se utiliza no robot: o primeiro adoita ter máis compoñentes proteicos e o do Astronaut é máis enerxético. A vaca ten que poder manterse ben alimentada coa ración que come no comedeiro, pero necesita unha achega extra de enerxía que ten que buscar no robot.



Se as vacas cobren as súas necesidades nutricionais no comedeiro, a súa asistencia ao robot verase reducida, de aí a importancia de ter unha ración ben axustada e animais que non estean saciados no presebe, xa que un desaxuste levará a un aumento no traballo do gandeiro, que terá que levar máis vacas cara ao robot.

É crucial coidar a palatabilidade do penso do robot. Sen o incentivo da subministración de concentrado na máquina, a frecuencia de muxido será baixa e, sobre todo, variable. É necesario incentivar os animais para que acudan ao robot de forma voluntaria cun concentrado ben formulado e que incorpore na súa composición unha selección de ingredientes con alta palatabilidade, sempre granulado con máxima durabilidade.

Ademais, os robots de muxido Lely Astronaut permiten a utilización de varios pensos diferentes, mesmo líquidos. Podemos utilizar tres tipos diferentes de granulado e un corrector líquido grazas ao Lely Titania.

O concentrado nos robots Lely repártese a través de senfíns que descargan o penso nunha moega, que, á súa vez, se depositan no comedeiro por medio dun dispensador pneumático. Ese dispensador en cada ciclo de traballo fornece entre 50 e 70 gramos de penso. Cada tipo de penso debe ser calibrado para saber con exactitude a cantidade que achega o dispensador.

Grazas a esta maneira de distribuír o concentrado, a vaca come o penso aos poucos mentres está no box de muxido. Se a visita é interrompida, ou dura menos tempo do que a esa vaca en concreto lle adoita levar muxirse, non comerá todo o concentrado que tiña pautado, xa que, se non, o que ocorrería é que este quedaría no comedeiro e se desaxustaría a fórmula para o resto das vacas do rabaño.



PENSO POR VISITA E TÁBOAS DE ALIMENTACIÓN

O concentrado fornecido a cada vaca no robot de muxido depende de varios factores. O primeiro, a cantidade diaria programada para ese animal. O segundo, o tempo transcorrido desde o último muxido e a previsión de futuras visitas. O Lely Horizon realiza de forma automática o cálculo de concentrado para ordenalo a través de cada muxido, aínda que sempre pode ser modificado polo gandeiro, tanto na propia pantalla do robot, de forma manual, coma no programa informático.

En canto ás táboas de alimentación atopamos catro posibles procesos. O primeiro é a preparación para a lactación. Hai gandeiros aos que lles gusta pasar as vacas polo robot uns días antes de parir, sobre todo as xovencas, para que non descoñezan o sistema de muxido.

O segundo período está comprendido entre o día do parto e o pico de lactación. A alimentación. A alimentación neste primeiro mes vai ser independente da produción da vaca e o concentrado incrementarase de forma progresiva e lineal.

O terceiro, a lactación. Este período é o comprendido desde o pico de lactación, día 45 en adultas e 70 en primíparas (dependendo de cada granxa), ata 20 días antes do secado esperado da vaca. A cantidade de concentrado neste caso vai exclusivamente en función da produción láctea do animal, entendendo que se lle dará máis penso no box a medida que a súa produción sexa superior.

O cuarto e último proceso, o secado. Durante os 20 días previos ao secado da vaca, váiselle reducindo aos poucos a cantidade de concentrado que come no robot para favorecer o secado e que logo non teña ningún problema.