Desde que Miguel Bruzos asumiu a xestión da gandería dos seus pais en 2018, a súa aposta pola modernización foi constante, e o último gran cambio chegou en abril de 2024 coa implantación do muxido robotizado mediante dúas unidades GEA R9500. Asesorado polo equipo técnico de GEA e do distribuidor na zona, Tecnor Lalín Maquinaria, optou por un deseño con sala de espera con porta preselectora e accesos automatizados aos robots para un manexo máis fluído e eficiente do rabaño. Máis en Vaca Pinta 54.
Actualmente, moxe 105 vacas, cunha produción media de 47 litros por animal, o que supón un notable incremento respecto aos 38 litros diarios que obtiñan co sistema anterior de dúas muxiduras en sala.
A incorporación de colares CowScout e un arrimador automático F4800 reforzou o control sobre a alimentación, a detección de celos e o benestar animal.
Esta nova etapa implicou tamén unha mellora na conciliación e na flexibilidade horaria, ao permitir unha xestión máis autónoma e menos esixente fisicamente. Entre os seus próximos obxectivos está automatizar a alimentación da recría cunha amamantadora.
GRANXA BRUZOS
Localización: Palas de Rei (Lugo)
Número total de animais: 200
Vacas en muxido: 105
Número de robots: 2
Media de número de muxidos: 3,1
Media de produción: 47 l/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 3,70 %
Porcentaxe de proteína: 3,35 %
RCS: 165.000 céls./ml
Cando empezou a muxir co robot GEA?
Nós antes muxiamos nunha sala de 12 puntos e comezamos a traballar cos robots o 6 de abril de 2024.
Por que deseño se decantou?
Contamos cunha sala de espera con porta preselectora á que acceden só as vacas que teñen permiso de muxido e, desde este espazo amplo, entran aos robots, colocados compartindo a parte traseira no mesmo foso. Cada un deles inclúe unha saída guiada que as devolve ao establo ou a unha zona de enfermería.
Decidímonos por este sistema tras visitar varias ganderías con este deseño. Comprobamos in situ o ben que funcionaban e volvemos coa idea clara de que isto era o que queriamos. É un sistema cómodo para o traballo na granxa e que pode xestionar unha soa persoa.
Como foi o proceso de adaptación dos animais e dos traballadores?
O cambio implantámolo pouco a pouco. Comezaron a entrar nos robots só para comer penso. Quizais esta etapa foi a máis difícil e estivemos así arredor dun mes. Saían do muxido en sala e entraban nos robots.
No momento no que comezamos a muxir xa cos robots, os medos eran moitos, pero foi moi doado. A verdade é que as vacas entraron moi ben xa desde o primeiro muxido.
Nós tivemos que adaptarnos a cousas novas, pero fixémolo pouco a pouco bastante ben.
Cantas vacas moxe actualmente no robot e cal é a súa media de produción por vaca e día?
Agora estamos a muxir 105 vacas e a media de produción está sobre os 47 litros por vaca.
En comparación coa produción que tiña antes, notou un aumento?
Na sala faciamos só dous muxidos e tiñamos unha produción duns 38 litros diarios por animal. O incremento foi notable: uns 8 ou 9 litros por vaca.

Por que escolleu os robots GEA?
Ollamos outras marcas, pero os técnicos de GEA foron os que máis confianza nos transmitiron e nos axudaron a decidir o deseño do proxecto.
Logo, estiveron aquí durante o arranque para todo o que fixese falta e, agora, a calquera hora que chames, sempre están dispoñibles para resolver calquera dúbida.
Cales son as características que máis valora do robot de muxido GEA?
Entre os aspectos máis importantes, subliñaría o foso —para poder acceder ben ao ubre e realizar secados ou tratamentos—, a separación por cuartos e a opción de muxido manual, sobre todo para as xovencas e os primeiros muxidos. É algo que che permite, ao principio, non ter que descartar vacas.
Coa instalación dos robots, tamén lle puxo colares CowScout a todas as vacas. Como traballa con este sistema e de que maneira mellora a xestión e o control do rabaño?
Son algo fundamental. Vemos moi ben os celos, achégannos un control preciso do rabaño e axúdannos a xestionar mellor o traballo.
Ademais dos robots e dos colares, conta co arrimador F4800. Que buscaba con esta incorporación?
Incorporámolo tamén cos robots porque buscabamos que as vacas tivesen acceso á comida en todo momento, día e noite. Arrima a comida cada dúas horas e é un xeito de asegurar que as vacas teñan máis inxestión e, en consecuencia, máis produción.
Que valoración fai do cambio?
Por unha banda, temos un maior control do rabaño con acceso a toda a información desde o ordenador ou o móbil. Sabemos en cada minuto como están as nosas vacas, se están muxidas, se están ben. Pola outra, o ritmo de muxido en sala é moito máis estresante e así lévase con outra tranquilidade. As vacas vense moito máis relaxadas e para nós é moito máis doado. Ademais, incrementamos a produción uns 8 ou 9 litros.
Finalmente, temos moita máis flexibilidade de horarios e isto permítenos unha maior conciliación co ámbito familiar, pois podes programar o día doutra maneira e facer certas cousas que antes non podías.
Cales son os seus plans de futuro?
Queremos estabilizarnos co que temos, facelo todo moito máis cómodo. Neste sentido, estamos a pensar en automatizar a alimentación da recría coa instalación dunha amamantadora.
De que maneira traballan coa ferramenta de xestión de datos?
Por unha banda, recompilamos todos os datos e as demandas de mellora que os veterinarios, os técnicos e os gandeiros consideran necesarias nos nosos programas de xestión, e trasladámoslle toda esta información ao noso equipo de desenvolvemento co fin de levar a cabo cambios e conseguir unha boa ferramenta de traballo o máis actualizada posible.
Pola outra, a nosa tarefa, unha vez que se executa cada actualización ou cada nova versión do programa, é darlle a coñecer á distribución que melloras se aplicaron para que se actualicen nas ganderías e explicárllelas aos técnicos das granxas para que saiban como funcionan e poidan traballar comodamente co noso programa.
E de cara á eficiencia enerxética das ganderías que confían en GEA?
Desde GEA traballamos para diminuír os custos que poida supoñer toda a parte eléctrica e o funcionamento do propio robot, co obxectivo final de reducir ao máximo os seus custos operativos.
Neste sentido, desenvolvemos un sistema para os robots que nos permite acadar unha das mellores eficiencias enerxéticas do mercado.