Cun rabaño de 150 vacas en muxido, a gandería Os Arroxos SL (Castro de Rei, Lugo) deu un paso decisivo cara á automatización.
Tras anos realizando tres muxidos diarios, Edgar Paz, xunto á súa nai Fina Iglesia e á súa muller María Luz Álvarez, substituíu a súa sala traseira 2x8 por tres robots de muxido GEA R9500 coa finalidade de gañar calidade de vida e, sobre todo, obter maior información para xestionar mellor cada un dos seus animais. Máis en Vaca Pinta 57.
En novembro de 2023 iniciaron o muxido robotizado con tráfico libre e, a día de hoxe, destacan a tranquilidade coa que ven ás súas produtoras, a mellora na saúde do ubre que conseguiron e a flexibilidade que lles permitiu este sistema para conciliar o seu traballo coas súas obrigas familiares.
Ademais dos robots, monitorizaron os animais cos colares Cow Scout, incorporaron un arrimador de comida F4800 e completaron a automatización da gandería coa instalación dunha amamantadora para a recría.
Actualmente, manteñen unha produción duns 43 kg por vaca e día nunha media de 3,6 muxidos diarios, e a súa prioridade agora é lograr maior eficiencia e rendibilidade cos mesmos animais.
OS ARROXOS SL
Localización: Castro de Rei (Lugo)
Número total de animais: 280
Vacas en muxido: 150
Número de robots: 3
Media de número de muxidos: 3,6
Media de produción: 43 kg/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 4,10 %
Porcentaxe de proteína: 3,50 %
RCS: 150.000 céls./ml
Que sistema de muxido tiñan antes de instalar os tres robots GEA?
Traballabamos cunha sala de muxido traseiro 2x8 con saída rápida.
Por que decidiron dar o salto ao muxido robotizado?
Realizabamos tres muxidos ao día e case sempre os faciamos nós. Iamos informatizar a sala, pero, ao estudar opcións, vimos que o robot nos achegaba dúas vantaxes: máis calidade de vida e máis información para xestionar mellor o noso rabaño. Con tres muxidos, o horario condiciónate moitísimo e cos robots gañariamos flexibilidade e datos por vaca.
Cando comezaron a muxir cos tres robots de muxido GEA?
En novembro de 2023, en canto estiveron instalados. Empezamos con dous porque o terceiro se montou na zona da antiga sala de espera e houbo que compatibilizar muxido e obra.
Por que elixiron GEA?
Visitamos granxas con outros robots, pero GEA foi o que mellor encaixou co noso xeito de traballar. Conven- ceunos o trato ao leite, as súas dúas unidades finais, o muxido individual por cuartos e o acceso ao ubre grazas ao foso, que é clave para revisar, tratar e actuar rápido. Ademais, xa coñeciamos a marca e o equipo, pois levamos anos traballando co seu distribuidor na zona Agrícola Acevedo, e iso suma.
Por que deseño se decantaron?
Temos tres robots, un por lote. Organizamos os grupos por tipo de animal: primíparas e posparto; segundo parto, e adultas de maior produción, con menos animais para que estean máis cómodas. O tráfico é libre, non hai portas selectoras nin nada que lles impida entrar ou saír. As enfermerías xestionámolas manualmente, porque non se usan a diario e preferimos non engadir barreiras ao seu paso.
Como lembra o proceso de adaptación?
Ao principio estiveron uns dez días a penso. Iámolas pasando sen apuralas nin forzalas e, logo, xa quedaron traballando co robot. O máis difícil foi romper a rutina do terceiro muxido, pero en poucos días normalizouse. O cambio foi máis esixente para nós que para as vacas.
No cambio de sala a robot, descartaron vacas?
Non, non tivemos que descartar ningún animal.
Que é o que máis valora de ter robotizado o muxido?
Por un lado, o benestar. As vacas están máis tranquilas e menos estresadas, e notamos moi boa saúde do ubre. Por outro, a organización; antes muxiamos a primeira hora, ao mediodía e pola noite, e iso marcaba todo. Co robot gañamos conciliación familiar e tempo para outras tarefas. En campaña, tamén se nota moito.
Ao ter horarios menos ríxidos, podemos compaxinar mellor o traballo na granxa coas nosas obrigas coa familia, sobre todo cos nenos e coas persoas maiores. Calquera imprevisto lévase mellor sen que todo dependa do muxido.
Fan fincapé na calidade do traballo.
A limpeza e a hixiene son fundamentais: traballamos con animais e cun alimento para consumo humano. Tamén coidamos moito o ambiente laboral. Con pequenos detalles, coma os graffitis, facemos o traballo máis agradable.
Ten algún equipamento máis de GEA?
Si. Temos os colares de monitorización, un arrimador de comida, un tanque de 15.000 litros e unha amamantadora para a recría.
Os colares Cow Scout achegan datos diarios: actividade, celos e avisos de posibles problemas que a simple vista non sempre se ven; ademais, axudan a acertar co momento de inseminación e a anticiparte.
O arrimador F4800 mantén comida fresca e ao alcance das vacas as 24 horas, o que me parece indispensable.
A amamantadora, instalada en 2020, axudounos na recría para regular as tomas, dar o leite sempre á mesma temperatura e lograr menos problemas sanitarios.
Que valoración faría da decisión tomada?
Hoxe non contemplaría o muxido sen os robots. O cambio foi moi positivo, máis do esperado. O investimento impón, pero compensa pola información, o benestar animal e a nosa calidade de vida. Chegas pola mañá e atópaste con moitos datos e prioridades claras. Para nós os robots foron unha liberación, a nivel mental e físico.
Pensan en crecer ou instalar máis robots no futuro?
Agora mesmo non buscamos crecer de forma exponencial. Se xorde, iremos pouco a pouco, pero o obxectivo é mellorar en eficiencia e rendibilidade.
Como foi o paso ao muxido robotizado?
Esta era unha granxa con tres muxidos e había problemas de man de obra, por iso valoraron o muxido robotizado. Nese momento, unha das súas principais dúbidas era perder rendemento. Eu, coma técnico, estou totalmente a favor do muxido robotizado, pois ben manexado, no que respecta á produción, é imbatible.
Instalaron os tres robots GEA en tráfico libre e a adaptación foi boa e rápida, e axiña alcanzaron os 3,3-3,5 muxidos de media.
Ademais, considero que os robots están moi ben colocados, nunha zona con moita luz e boa ventilación, o que permite que as vacas accedan con facilidade.
Mantéñense en 42-43 kg, con 12-13 quilos de media por entrada, e o que estamos buscando é aumentar a produción un pouco máis ata os 45 kg.
No tocante á alimentación, como preparou esa adaptación?
A estratexia é ter forraxes moi dixeribles, de alta calidade e ben procesadas, para lograr racións apetecibles no presebe e consumos altos, de 20-22 kg de materia seca. Así, as vacas non están obsesionadas co robot. Prefiro que vaian 4 ou 5 veces ao box e se muxan 3 ou 4 veces, con poucos rexeitamentos, e que pasen máis tempo comendo ou deitadas, sen gastar enerxía paseando.