A compañía portuguesa Fertiprado, especializada en mesturas de sementes para pastos e forraxes, organizou a pasada primavera unha xornada técnica no municipio coruñés de Santa Comba. Técnicos, gandeiros e outros profesionais do sector comprobaron de primeira man o aspecto das plantas no terreo e analizan nas seguintes páxinas as súas características principais e o seu valor engadido. Máis en Vaca Pinta 54.
O outono volverá ser época de sementeira para os gandeiros. Na comarca do Xallas, na Coruña, agardan que o tempo se comporte de maneira axeitada para sementar antes das datas nas que o fixeron na campaña anterior. Con todo, conseguiron un produto de categoría, que Fertiprado puxo como exemplo na súa xornada técnica celebrada o 10 de abril en Santa Comba.
“O campo de ensaio foi sementado o 4 de novembro tras unhas condicións climáticas adversas. O terreo estaba moi mollado e, posteriormente, continuou chovendo moito”, relata Joel Presa, director de estratexia e desenvolvemento de produto en Fertiprado, ao tempo que comenta que as recomendacións “sempre dependen do tipo de granxa, das parcelas e de se se van realizar un ou máis cortes”.
A firma orixinaria de Portugal realizou estes encontros noutras zonas de España, como en Castela e León, Cataluña ou Andalucía. “No campo, os agricultores teñen a oportunidade de validar o que nós transmitimos”, destaca Ana Margarida Bagorro, técnica comercial e de márketing de Fertiprado. “Intentamos dar a coñecer todo o proceso que realizamos ata conseguir a mestura que se lle entrega ao gandeiro. Existe un traballo de investigación e desenvolvemento para cubrir as necesidades que teñen os clientes”, acredita.
NOVAS MESTURAS
Fertiprado conta cunha gama de sementes chamada Proterra, coñecidas como mesturas funcionais. No campo de Santa Comba sementáronse dúas, aínda que a empresa xa dispón de oito no mercado. “Un exemplo é N-Max AC, composta ao 100 % por leguminosas. En lugar de deixar as terras ermas, pódense cultivar leguminosas no inverno para fixar a máxima cantidade de nitróxeno posible. Despois, todo ese material producido incorpórase ao solo, achegando máis de 100 unidades de nitróxeno para favorecer o cultivo do millo”, explica Presa.
INVESTIGACIÓN CONSTANTE
Fertiprado naceu xa na década dos noventa coa filosofía das mesturas biodiversas. “A empresa loitou durante moitos anos contra a corrente da máxima produción, do uso de nitróxeno barato e do emprego exclusivo de raigrás como gramínea. Hoxe camíñase cara a unha gandería máis sostible, equilibrando a rendibilidade coa rexeneración do solo”, sinala Joel.
A compañía lusa continúa a investigar para optimizar as súas sementes. “Traballamos na mellora dos tipos de rizobio, co obxectivo de que a planta sexa máis eficiente á hora de captar nitróxeno. Tamén estamos a probar un recubrimento da semente con algas, que poida actuar como bioestimulante para incrementar a capacidade de defensa das plantas fronte ao estrés causado por posibles enfermidades ou por circunstancias climáticas. Queremos conseguir plantas máis sas, que necesiten menos achegas e que produzan máis”.
Que importancia ten para Fertiprado a comarca do Xallas, en Galicia?
Os gandeiros son moi profesionais, gústalles a nova tecnoloxía e probar diferentes ferramentas. Ademais, están dispostos a escoitar cuestións técnicas e recoñecen o valor engadido dos bos produtos. Aprendemos moito con eles e propóñennos retos, que nós levamos ao noso departamento de investigación e desenvolvemento para poñelos en práctica. O C-Mix é unha das nosas sementes deseñada xunto cos gandeiros galegos e ten un éxito enorme.
Cales son os principais beneficios económicos do uso de mesturas con leguminosas?
As leguminosas teñen a capacidade de extraer o nitróxeno atmosférico e poñelo dispoñible para as plantas. Este proceso permite un aforro nos fertilizantes de síntese química. Pode alcanzar os 50 euros por hectárea, evitando así un 50 % de fertilización de cobertura. Cómpre destacar tamén o aforro en proteína, o alimento máis nutritivo e caro nas vacas de leite. É frecuente que unha mestura rica en leguminosas poida ter ata un 5 % máis de proteína que unha composta só por gramíneas. Ao prezo da soia da pasada primavera, isto tradúcese nun aforro directo que pode chegar aos 250 €/hectárea.
De que xeito contribúen a manter o ecosistema?
Parte do nitróxeno que estas leguminosas fixan queda no ambiente. Alimenta os microorganismos do solo, permanece para o cultivo seguinte e mantén o nutriente en circulación. A biodiversidade ten moitas vantaxes. As plantas acompañadas producen máis que cando están illadas, porque establecen relacións de competencia.
En que medida o uso deste tipo de mesturas pode axudar ás ganderías a alcanzar as metas da inmunidade carbónica?
Vai haber restricións na aplicación de nitróxeno de síntese química e, quizais, tamén na do xurro e do esterco. Por este motivo, para non perder produción pola súa falta, temos que aproveitar as leguminosas ao noso favor. Así mesmo, cantas máis plantas teñamos, máis organismos doutras especies aparecerán. Traballamos nunha agricultura que deixa máis do que colle.
Os gandeiros son conscientes das vantaxes destas producións?
Temos a consciencia de deixar un mundo mellor do que herdamos. Isto só se fai con estas prácticas de agricultura rexenerativa. Non é fácil, hai que aprender e adaptarse.
Animas a que os gandeiros analicen as súas mesturas. Por que se debe medir?
Ter un 3 % máis de proteína supón un aforro de 250 €/hectárea en soia. Sen medir, non se xestiona unha granxa. Presentar números económicos sempre é discutible, pero que cada quen realice as súas medicións e estou seguro de que detectarán as vantaxes.
Que diferencia a Fertiprado no mercado das leguminosas?
Traballamos moito en investigación e xunto cos gandeiros. As leguminosas hai que coñecelas e dispoñer dunha boa selección xenética. Temos inscritas máis de trinta variedades nos nosos catálogos oficiais. Cada ano seguimos intentando engadir máis, sempre buscamos xenética que optimice a produción, a dixestibilidade, a proteína e a adaptación a cada terreo.
EXPERIENCIAS CON FERTIPRADO
Alejandro Alonso, responsable de semente de pratenses en Campoastur (Asturias)
Hai varios anos que introducimos as mesturas de Fertiprado. Incrementamos progresivamente o número de vendas e en 2024 convertémonos no distribuidor para Asturias, o que nos permite ofrecer un prezo máis competitivo. A calidade é indiscutible, tanto en proteínas como en fibras. O trato técnico co noso distribuidor é moi profesional. O prato estrela é Speedmix, que conta cun alto valor proteico, boa calidade de fibras e encáixalles a moitos clientes da zona de occidente, preto do mar, para realizar dous cortes. Daráselle prioridade a reducir a pegada de carbono e, en canto ás sementes, Fertiprado cumpre perfectamente.”
José Agra, socio de Botica do Xallas (Santa Comba, A Coruña)
Levamos 13 anos traballando con Fertiprado. No seu momento foi unha aposta, que hoxe supón un dos nosos produtos máis vendidos. As súas mesturas teñen moi boa implantación no terreo, tanto polo inoculado coma pola semente. Ademais, ao contar con campos de ensaio próximos, podemos analizar as novidades que van lanzando e o seu comportamento nas distintas zonas. Nunca nos pechamos a unha única mestura; cada explotación ten as súas necesidades. Algunhas deben antepoñer moito a cantidade e outras a calidade, en función da súa base territorial. Estas mesturas son as únicas que nos poden axudar a reducir o custo das fertilizacións e permiten que sexamos máis respectuosos co medio ambiente”.
Carlos Ures, socio de Finca O Prado S. Coop. Gal. Vimianzo (A Coruña)
Este é o segundo ano que sementei produtos de Fertiprado. Cultivo arredor de 20 hectáreas da variedade Fertifeno, que se adapta moi ben á nosa zona, na que non hai un clima excesivamente frío. Sementamos, facemos un corte, xuntamos e ensilamos; a continuación, aramos, aplicamos fertilización en cobertura, gradamos e sementamos directamente o millo. Faláronme moi ben delas, especialmente José Agra (de Botica do Xallas), e o ano pasado quedei moi satisfeito con este sistema. Na nosa granxa tiñamos bastante carencia de xurro e a leguminosa axúdanos a mellorar o solo, ao achegar nitróxeno ao terreo, e a obter unha mellor calidade na ración. Na campaña anterior notamos como o millo arrancaba moito mellor. Ademais, aforramos en abonado porque necesita menos que unha gramínea máis convencional. As vacas comen máis cantidade de materia seca grazas ao aumento da dixestibilidade”.
Roberto Moreira, socio de Torres SAT Vimianzo (A Coruña)
A miña relación con Fertiprado comezou hai uns doce anos. Sementamos a variedade Fertifeno e, neste tempo, fomos aumentando as hectáreas cultivadas ata chegar ás trinta na actualidade. Gústanme moito as calidades que obtemos no silo de herba, particularmente encántanme os trevos e as vezas. O terreo onde se desenvolven as mesturas está moito máis esponxoso á hora de sementar o millo. As vacas teñen unha mellor inxestión do alimento. Nun futuro non descartamos seguir aumentando a superficie de hectáreas”.
En que punto se encontran as sinerxias entre Fertiprado e Fertiberia Tech?
As condicións desta zona da Coruña, coas boas materias orgánicas dispoñibles no solo e cos prados de leguminosas, son ideais para nós. Se as sementes de Fertiprado xa veñen inoculadas con rizobio, os nosos produtos tamén o incorporan e, deste xeito, potenciamos moito máis o desenvolvemento da planta.
Que camiño segue Fertiberia Tech de cara a unha fertilización máis eficiente?
A última novidade que lanzamos foi NSAFE®, o primeiro bioinhibidor do mercado. Con el protexemos o nitróxeno do mesmo xeito que un inhibidor químico, pero conseguimos que o noso produto sexa máis sostible e rendible.
Que outros produtos recomendades para a produción de forraxes e pradeiras?
Dispomos de dous produtos biofertilizantes dentro da liña Neofosker. O primeiro é Enfixer, un fixador de nitróxeno. Este biofertilizante aplícase ao inicio do ciclo do cultivo, de xeito que aseguramos un bo enraizamento e un bo desenvolvemento vexetativo inicial. O outro produto é NeoForce Improver, máis enfocado á actividade do fósforo. Con el conseguimos solubilizar fósforo inorgánico e ten efectos tamén de mitigación de estrés, bioestimulación, desenvolvemento radicular e vexetativo.
Cal é o método de traballo de Fertiberia Tech?
Contamos cun equipo bastante amplo, que nos permite manter un trato directo cos distribuidores e co agricultor. Transferimos toda a investigación do grupo Fertiberia para ver os produtos en campo e optimizar os rendementos das ganderías.
Que aspectos hai que ter en conta no cultivo de herba para unha maior dixestibilidade?
O primeiro é o estado de madurez no que se colle a planta. Ademais, inflúe a climatoloxía. Nas zonas frías, a dixestibilidade da herba é maior. En cambio, se hai estrés hídrico, diminúe a dixestibilidade da fibra neutra. A maiores, tamén interveñen a xenética e a cantidade de sementes que se utiliza por hectárea.
Como se debe optimizar a dixestibilidade e, ao mesmo tempo, favorecer a ruminación?
Un grupo de bacterias específicas encárganse de degradar a fibra que chega ao rume e, neste proceso, obtense enerxía. Polo tanto, canto maior é a dixestión, máis enerxía proporciona e iso tradúcese en máis leite. Ademais, se as forraxes son moi dixestibles, dixírense rápido e permanecen menos tempo no rume. Non obstante, debemos ter unha boa combinación daqueles ingredientes que achegan fibra deterxente neutra (NDF) para estimular a ruminación, que é necesaria.
Que solucións nutricionais existen para mellorar a dixestibilidade das forraxes?
O primeiro é manter un pH óptimo no rume. Ademais, pódense utilizar lévedos vivos; ácido palmítico, que pode aumentar ata un 6 % a dixestibilidade da fibra; os minerais Intellibond, exclusivos de Nutreco, ou as encimas exóxenas.
Como valoras o proxecto de Fertiprado e as posibles sinerxias entre empresas?
As leguminosas teñen menos dixestibilidade que o raigrás, pero achegan ese plus de inxestión que ás vacas lles gusta. O intercambio de opinións entre compañías que colaboran xunto ao gandeiro sempre é positivo. É moi bo para os nutricionistas aprender moito de agronomía para entender como se comporta determinada forraxe no terreo e cales son as recomendacións que ofrece o fabricante á hora de collela.