Experiencia de campo proba a redución á metade do uso de antibióticos sen aumento das mamites clínicas

Ante a entrada en vigor do Regulamento UE 2019/6 do Parlamento Europeo sobre Medicamentos Veterinarios en xaneiro de 2022, no que se determina que os medicamentos antimicrobianos non se utilizarán con fins profilácticos salvo en casos excepcionais, Zoetis está a reforzar a súa aposta pola terapia selectiva en gando vacún leiteiro.

Con este obxectivo, a multinacional liderou unha experiencia que levou a cabo en 6 explotacións comerciais en España nas comunidades autónomas de Andalucía, Castela-León, Cataluña, Galicia e Navarra. Nela, os veterinarios de calidade de leite fixeron o control e seguimento da proba nas correspondentes explotacións. En cada granxa establecéronse dous grupos de animais: vacas sas (sen mamite ao secado), ás cales só se lles aplicou un selador intramamario (Orbeseal®), e vacas con mamite ás que se lles aplicou ademais un antibiótico de secado.

A taxa de mamites clínicas analizada no postparto foi moi semellante en ambos os grupos, sendo a súa diferenza non estatisticamente significativa. Polo que se conclúe que cunha boa selección de animais que non precisen ser tratados con antibióticos, a taxa de mamites clínicas ao postparto vai ser similar á do grupo que utilizou antibiótico de secado, ademais da consecuente redución do uso de antibióticos de secado (57 %).