A empresa lucense Durán Maquinaria inaugurou esta mañá en Sucs (Lleida) a súa primeira delegación en Cataluña. A apertura desta nova sede forma parte do proxecto de progresivo crecemento da empresa e, din, responde á necesidade de dar un servizo máis rápido e próximo aos agricultores e gandeiros cataláns e aragoneses e un mellor soporte aos seus distribuidores nesa zona.
Durante o evento, tamén se deron a coñecer as últimas novidades sobre as súas marcas (Pöttinger, Caruelle, Pichon, Gilibert, McHale e AGM) e presentaron a nova picadora FR780 de New Holland.
Instalacións
Estas instalacións ocupan unha área total de 25.000 m², dos cales uns 1.500 están destinados a oficinas, almacén de recambios e máquinas, e súmanse ás inauguradas o ano pasado no parque empresarial do Corgo, en Lugo, e dedicadas a taller, así como ás de La Cistérniga, en Valladolid, que albergan un almacén de máquinas e recambios, centro loxístico e oficinas.