CLUN e a Fundación Arume alíanse para a restauración ambiental dos montes galegos

Xestión sustentable do medio rural e alcanzar os obxectivos de descarbonización que ten formulados Galicia marcan a folla de ruta conxunta da cooperativa CLUN e a Fundación Arume. O acordo de colaboración asinado hoxe entre o presidente da cooperativa, José Ángel Blanco, e o presidente do padroado da Fundación Arume, José Carballo, representa a primeira alianza de carácter privado entre o sector forestal e o agrogandeiro para a restauración ambiental dos montes galegos afectados por incendios a través da plantación de especies autóctonas.

O acto de firma tamén estivo apoiado pola xefa de Calidade e Innovación de CLUN, Sabela Oca, e polo vicepresidente da Fundación Arume, Francisco Dans, encargados de explicar o desenvolvemento técnico e as implementaciones do convenio.

Compensación total de CO2

A través deste convenio, CLUN e a Fundación Arume acometerán conxuntamente a restauración dun total de 60 hectáreas de monte queimado. Desta forma, Únicla terá en 2021 todas as súas emisións de carbono compensadas, un fito que se recollerá tamén nos seus envases con información específica.

“Trátase dunha alianza histórica entre os sectores agrogandeiro e forestal que nos enorgullece liderar desde CLUN a través da nosa marca Únicla. E facémolo cun obxectivo claro: contribuír a lograr cero emisións no noso país. O primeiro paso está dado e celebramos poder facelo de man dun leite galego, unha asociación galega e en bosques galegos”, explica o presidente de CLUN, José Ángel Blanco.

“Tanto Arume como CLUN consideramos de máximo interese colaborar na restauración dos terreos degradados, no impulso da silvicultura do monte para combater o seu abandono e na execución de proxectos forestais de compensación de gases de efecto invernadoiro en beneficio da nosa comunidade. Manifestamos así o noso compromiso de contribuír a alcanzar os obxectivos de descarbonización que ten formulados Galicia, colaborando no desenvolvemento da xestión sustentable do espazo rural galego”, sostén Sabela Oca.

Un leite único, pioneiro en sustentabilidade e benestar animal

Con este novo fito, leite Únicla continúa avanzando no seu compromiso coa sustentabilidade, sendo pioneiro tanto neste campo como no de benestar animal. Desde o seu lanzamento hai xa máis dunha década, as súas granxas foron as primeiras explotacións europeas certificadas en seguridade alimentaria no ano 2010, as primeiras granxas en Galicia en lograr a certificación en Benestar Animal en 2016 e a primeira en reducir un 20 % a súa pegada de carbono en 2017, ano no que ademais se converteu no primeiro leite en usar o formato Elopak Pure-Pak® Sense Aseptic, primeiro para lácteos de longa vida no sur de Europa, que ademais contribuía á reciclaxe do produto grazas ao seu práctico sistema de encartado. Un ano máis tarde, converteuse na primeira láctea española con certificación Carbón Neutral no seu envase e, en 2019, revolucionou o packaging dos lácteos co lanzamento do primeiro envase 100 % reciclable e un 86 % vexetal polo seu cartón renovable e procedente dunha xestión forestal responsable.

Máis información na nota de prensa emitida por CLUN
INFORME: Sinerxías entre o sector lácteo e o sector forestal (PDF)