Remitida | ENTREVISTA A DANIEL FERREIRO, DIRECTOR XERAL DE AIRA

AIRA: cumprindo obxectivos, consolidación e crecemento

Compartimos esta entrevista remitida polo departamento de comunicación da cooperativa Aira na que Daniel Ferreiro, director xeral de Aira, fai balance destes tres primeiros anos desde o proceso de integración da cooperativa, con sede central en Taboada (Lugo). Con el coñecemos a situación actual da entidade, os resultados económicos, os proxectos polos que apostaron neste tempo e os obxectivos que se marcan para os próximos meses.

-Tres anos despois do proceso de integración de AIRA, que balance fai?
-Visto dende calquera ángulo que se analice, o balance é moi positivo. Tamén é verdade que, se non coidásemos que fose resultar positivo, xa non o teríamos proposto. Como en todo, algúns obxectivos alcanzáronse antes e outros fóronse logrando ó longo deste tempo, pero sobre todo os esforzos centráronse no que se refire ós dous piares sobre os que se asentaba o proxecto de integración: a valorización da produción dos socios mediante a comercialización e transformación das mesmas e, a sostibilidade e desenvolvemento das actividades de produción, abastecemento e servizos.

Deixamos de ser un proxecto para ser unha realidade. As perspectivas iniciais de medrar o 3,5 % anual quedáronse cativas. Así é que, dende o 2018 medramos un 25 %. Paralelamente, tamén melloraron os resultados de explotación da entidade, o que permitiu que practicamente duplicáramos as inversións previstas para os tres primeiros anos. Tanto é así que, cando comezamos a darlle forma á integración no 2017, previamos unha inversión de 7,5 millóns de euros, sendo optimistas, porén no exercicio do ano pasado chegamos xa case ós 13 millóns de euros.

“Nestes tres anos crecemos non só en facturación, senón na comercialización e nos servizos que ofrecemos ós socios. Medramos no volume de ventas, o que nos permite ser máis competitivos”

-No marco económico, que resultados de facturación manexaron no último ano?
-Medramos tódolos anos a un ritmo sostible, por encima do 8 %, sendo aínda maior nos últimos dous anos. Isto levounos no 2020 a unha facturación de 125 millóns de euros, fronte ós 97,8 millóns do 2017. A nivel de EBITDA, partiamos duns 2,6 millóns de euros e no 2020 acadamos os 4,7 millóns. Aínda máis salientable que o propio crecemento en facturación é que medramos en volume de actividade en tódalas áreas: na comercialización e nas actividades e servizos que desenvolvemos. Isto amosa tamén un gran apoio por parte dos socios.

 

-Como foi o camiño para lograr estes resultados?
-Profesionalización, moito traballo e compromiso por parte de todos. O crecemento da actividade e a mellora da eficiencia tamén fixo posible unha mellora dos resultados. Profesionalizouse aínda máis a cooperativa logo do proceso de integración e houbo un gran compromiso por parte dos socios, dos traballadores e directivos para conseguir lograr os obxectivos fixados inicialmente. Pasar de 97 a 125 millóns de euros, no contexto no que nos movemos vai máis aló dunhas simples cifras, por moi boas que parezan, tamén supón incrementar as oportunidades no rural galego en forma de emprego e renda. Moitas veces non se acaba de ver a importancia real que ten o cooperativismo nun entorno rural.

 

“Pasar de 97 a 125 millóns de euros de facturación tamén supón incrementar as oportunidades no rural galego en forma de emprego e renda”

Non medramos a base de subir as marxes de beneficio dos produtos. Incrementamos a facturación porque aumentamos o volume de actividades e servizos desenvolvidos, o que nos permite ser máis competitivos e xerar mellores resultados. O certo é que recortamos as marxes brutas, e aínda así, co incremento do volume de actividade, conseguimos seguir medrando, tamén coa incorporación de novos socios. Os bos resultados para a cooperativa sono tamén para o socio, non só polos servizos e prezos que ofrecemos, tamén polo retorno cooperativo. Cómpre ter presente que, de media, as ganderías socias capitalizan 1,2 euros por cada 100 euros de actividade coa cooperativa, o que en moitos casos supuxo unha suma importante.


-Tamén medraron en persoal? Con cantos socios e traballadores conta agora a cooperativa?
-Ata agora, as altas de novos socios están a compensar as baixas por cese da actividade e xubilacións, polo que seguimos un pouco por encima de 2.500 socios. No 2018 cando comezamos, contábamos con 228 traballadores e agora temos 254 empregados fixos directos, case na súa totalidade procedentes do entorno rural no que nos desenvolvemos. Este é un xeito de devolverlle ó rural unha boa parte dese crecemento que experimentou a Cooperativa. O forte crecemento e desenvolvemento dos servizos require de máis man de obra, por iso tamén temos un incremento maior.


Dende o comezo do proceso de integración o compromiso, dedicación e implicación dos traballadores foi moi importante na consecución dos obxectivos. De feito, ese marco propiciou que asináramos recentemente un convenio de empresa que agardamos sexa bo para a Cooperativa e os propios traballadores, e proporcione unha maior estabilidade ás relacións de traballo. Nestes anos tamén nos estamos atopando algunhas dificultades para encontrar traballadores con certos perfís especializados.

 

-Que liñas de traballo priorizaron na cooperativa nestes primeiros anos?
-O primeiro foi garantir que tódalas actividades e servizos seguiran funcionando con normalidade e, paralelamente, fomos ampliando e mellorando todas as áreas. Para logralo, fortalecéronse as mesmas con importantes inversións e realizáronse melloras nos centros de atención ós socios, como nas delegacións de Sarria, Becerreá, Silleda... Dese conxunto de inversións de case 13 millóns de euros, a parte máis importante foi para a comercialización. Unha das nosas prioridades sempre foi a comercialización e  transformación dos produtos das ganderías. Fíxose un gran esforzo en desenvolvemento e inversión para rematar a planta industrial de Melide, Galacteum. Agora xa rematada, posta en marcha e nestes momentos ó 100 % da súa capacidade. No tema da comercialización de leite nestes tres anos medramos un 21 % e comercializamos 115 millóns de litros.
Cómpre ter presente que este incremento do volume de leite comercializado a través da cooperativa fíxose nun contexto no que máis de 60 de ganderías deixaron a actividade, o que supón que tamén se incorporaron granxas que non estaban a comercializar o leite a través da cooperativa e, ademais, as que xa o estaban a entregar tamén medraron.

 

“Comercializamos 115 millóns de litros de leite e transformamos case a metade do que recollemos. Este ano agardamos que o 90 % do leite das nosas ganderías sexa certificado en benestar animal”

Vimos incrementando a porcentaxe de transformación do leite que comercializamos. Este ano imos transformar case o 50% dos 115 millóns de litros que comercializamos. Aumentamos o volume e a transformación propia e as previsións para os próximos anos son de seguir medrando en volume de transformación de leite. Nestes anos apostamos por melloras en ámbitos como a sostibilidade e a calidade nas nosas granxas, de feito este ano agardamos que o 90% do leite das nosas ganderías socias sexa certificado en benestar animal.


Ademais retomouse a comercialización do vacún de carne, coa creación a finais do 2019 dunha área específica para a venda de xatos, recría e descarte. É unha liña que agardamos seguir reforzando, logo de que algunhas das accións previstas non as puideramos abordar debido á crise sanitaria e ás súas repercusións no sector. Foi unha actividade que non parou de medrar, pese a un contexto de crise e moi complicado en canto a prezos e mercado.

 

-E nos servizos ós socios, en que están centrando os esforzos?
-Seguimos facendo un esforzo por achegar tódolos servizos que precisan os socios. Hoxe mesmo estamos facendo unha ración diaria á carta a máis de 300 ganderías, que son máis de 21.000 vacas de leite. Isto supúxonos un esforzo inversor nos carros e en maquinaria. Este ano fixemos un investimento en maquinaria de 1,5 millóns de euros, co que buscabamos reforzar e ampliar os servizos ós socios en zonas como Sarria ou Guntín, onde creamos novos puntos con equipos fixos.


En Aira levamos tempo apostando por un modelo sostible a nivel de gandería, con iniciativas centradas en reducir a pegada hídrica e de carbono das granxas, así como de  mellorar o benestar animal, tanto en vacún de leite como de carne. Estamos facendo un esforzo moi importante en áreas máis concretas que teñen que ver co día a día da gandería, como o desenvolvemento de produtos máis respectuosos co medio ambiente tanto na leitería coma no campo. Tentamos ir da man de empresas punteiras a nivel mundial en desenvolvemento de produtos máis sostibles.


-En cuestións que afectan ó día a día dos gandeiros como o prezo do penso e tendo en conta a situación actual mundial, haberá cambios nos próximos meses?
-Vainos haber e non precisamente para mellor. Esta situación de prezos de materias primas tan altos, unido ós fortes incrementos dos custes da enerxía eléctrica e dos  combustibles, está a levar ó sector a unha situación insostible.

 

“En Aira, as subas dos prezos do penso foron mínimas e chegamos a subir o prezo do leite”

Sen dúbida, debera de moverse tamén o prezo do leite, xa que non é posible continuar así. En Aira, estamos a facer un esforzo na contención dos prezos. As subas dos  prezos do penso foron mínimas e chegamos a subir o prezo do leite. A distribución ten que darse conta de que o leite non pode venderse a 0,60 céntimos, xa que ese prezo  non é sostible. A Lei da cadea alimentaria ha de ser sostible en todos os elos e cumprirse. Entre produtores e transformación temos que ser capaces de facerlle entender tanto á distribución como ó consumidor que ese prezo provoca a desaparición de moitas ganderías. É preciso que o consumidor sexa consciente desta realidade, xa que a supervivencia dos produtores é clave na loita contra a España baleirada. Apostar polos gandeiros e agricultores é un xeito de manter vivo o rural galego, pero para iso  cómpre que a actividade que desempeñan sexa rendible e agora non o é. Os gandeiros non poden pasar de ser un sector esencial, como quedou demostrado durante a  pandemia, a estar ó borde da extinción por estes prezos. O gasto de producir e transformar un litro de leite, sen incluír os gastos da distribución nin as marxes, é máis alto que 0,62 céntimos e o 40 % do leite en España está a venderse entre 50 e 60 céntimos. Así, é imposible.

 

-Como afrontan nestes momentos a comercialización do leite das ganderías de Aira?
-Estamos totalmente comprometidos coa comercialización e a transformación do leite. A participación en Acolat (Clesa) e Galacteum son proba diso. En Aira, vimos facendo un importante esforzo en Galacteum. Tanto é así que, nestes tres anos fixemos investimentos por encima dos 22 millóns de euros, bastante máis do previsto inicialmente. Galacteum foi un proxecto moi complexo, cunha aposta decidida por un produto diferente, xa que non optamos polo leite líquido en brick e desenvolvemos outros produtos diferenciados, que tamén levou o seu tempo sacar adiante e que poden xerar importantes oportunidades. Nestes momentos, a nova planta está operativa ó 100 % e agora iremos sacando rendibilidade a tódolos esforzos que fixemos neste tempo. Tamén é verdade que seguirémonos esforzando por valorizar máis cantidade de leite e obter maior valor engadido que repercuta nos nosos socios.

 

-¿Valoran un proxecto galego común para a transformación do leite como se está a falar nos últimos meses?
-Estamos completamente comprometidos e dispostos a abordar calquera proceso de transformación serio que contribúa a xerar valor engadido nas ganderías, posto que é un piar básico e así o decidiron os socios xa no comezo. As inversións que fixo AIRA nesta liña amosan claramente o compromiso da cooperativa.

 

“Presentamos proxectos por máis de 18 millóns de euros en materia de xestión sostible e da Economía Circular nas ganderías”

-Nun momento en que a vista está posta en moitos sectores nos fondos Next Generation, en que eixos traballan dende a cooperativa para optar a estes fondos europeos?
-Dixitalización, sostibilidade e Economía Circular. Estamos preparando un conxunto de actuacións destinadas a mellorar a sostibilidade das actividades desenvolvidas tanto pola cooperativa como polas ganderías socias. Nese senso, estamos a traballar en temas como a dixitalización, a xestión de datos e Big Data. Fixemos un importante esforzo a nivel organización, xa que chegamos a presentar proxectos por máis de 18 millóns de euros en materia de xestión sostible e da Economía Circular. Con estas propostas  tratamos de axudar ás ganderías a asumir as transformacións que dende Europa se están esixindo e que están encamiñadas a unha produción agrogandeira cada vez máis sostible e respectuosa co medio ambiente.