Vaca Pinta 14, xa dispoñible on-line!

Recibimos o Nadal cun novo número de Vaca Pinta, a revista técnica do vacún leiteiro. No seu interior atoparedes tres especiais sobre xenética e reprodución, abonado de pradeiras e medio ambiente. Este exemplar tamén contén unha reportaxe da Gandería Xuíz, de Bóveda (Lugo), dirixida polo mozo Pablo Rodríguez, que nos conta as razóns que o levaron a emprender no rural e no sector do vacún leiteiro. Nesta publicación tamén se inclúen os resultados das probas de novembro de Conafe e a listaxe dos touros seleccionados para a campaña de seme de Galicia. Na sección de ‘Opinión’, o presidente do Club de Xovenes Gandeiros de Galicia, Avelino Souto, asina un artigo titulado ‘Ser gandeiros é para estar orgullosos’.

ESPECIAIS

O especial sobre xenética e reprodución aglutina tres artigos titulados “Axustes no ICO e novos IM€T, como nos afectan na selección xenética”, de Fernando Rego (Africor Lugo) e José Luis Méijome (Africor Pontevedra); “A selección xenómica”, dos técnicos ruminantes de Zoetis Eugenia Peralta, Alfredo Suárez, Nacho Peón e José M.ª San Miguel, e “Como reducir os partos xemelgares por medio do manexo da proxesterona”, de Antonio Jiménez (Ceva).

No especial de abonado, o profesor do CIFP La Granja de Cantabria Gregorio Salcedo asina un texto sobre o valor fertilizante do xurro segundo a súa forma de aplicación. No outro artigo do especial recóllense unha serie de consideracións para a fertilización de pradeiras da man do director rexional de Fertiberia Tech, Nemesio García.

O terceiro especial, centrado en cuestións de benestar, contén outros tres artigos. O primeiro, autoría de Antonio Jiménez (Ceva), trata da existencia dun erro no cálculo dos “equivalentes de CO2” do metano e da necesidade de aplicación da nova metodoloxía de cálculo do seu impacto no quecemento global. O segundo artigo, por orde de aparición na revista, aborda as emisións e a pegada de carbono nas explotacións leiteiras de Galicia;  asínano Gregorio Salcedo (CIFP La Granja) e varios investigadores do AGACAL-CIAM (M.ª Dolores Báez, M.ª Isabel García, Juan Castro e Carme Santiago). O terceiro e último artigo deste bloque fírmao o técnico internacional de Marketing de Elanco Juan Cainzos, que aborda o debate social que existe ao redor da contaminación do medio ambiente por parte do sector lácteo.

SAÚDE PODAL, MANEXO E AGRICULTURA

O técnico de podoloxía de Seragro José María García asina un estudo no que se establece unha relación entre os diferentes tipos de camas e a saúde podal dos animais. Na sección de ‘Manexo’, Marcello Guadagnini (Ruminants Technical Manager Italy & Iberia – Elanco Animal Health) fala da procura continua da eficiencia na produción e na de ‘Agricultura’, Gonzalo Flores-Calvete, Sonia Pereira-Crespo e Juan Valladares (AGACAL-CIAM) revisan algúns aspectos relativos ás rotacións de cultivos forraxeiros en sistemas ecolóxicos.

ENTREVITAS

En Vaca Pinta 14 publicamos unha entrevista con Ysabel Jacobs, propietaria da granxa canadense Ferme Jacobs, unha das mellores do mundo en canto a calidade morfolóxica, e xuíza internacional. Ademais, incluímos tres entrevistas con expertos en nutrición animal (Fabio Lima, Universidade de Illinois; Tanya Gressley, Universidade de Delaware, e Andrew Lapierre, Universidade de Cornell) sobre suplementación con aminoácidos.

A PÉ DE PISTA E ACTUALIDADE

Na sección de ‘A pé de pista’ dámoslles cobertura a tres concursos morfolóxicos da raza frisona: o Micaelense de Outono de Azores, o de Euskal Herria e o de Gordexola (Bizkaia). Así mesmo, incluímos os resultados da Poxa de Gando Frisón de Mazaricos (A Coruña), durante a cal se lle rendiu homenaxe ao que fora director técnico de Africor Coruña, José Moreira, falecido o ano pasado.

Na de ‘Actualidade’ publicamos senllas reportaxes das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro e de Servet Talavera, así como unha referencia á clausura da quinta edición do Máster en Produción de Leite.