Unión de Uniones considera un desatino que a INLAC cobre a cota interprofesional

Tras coñecer a extensión de norma proposta pola Organización Interprofesional Láctea INLAC, Unión de Uniones de Agricultores y Ganaderos presentou as súas alegacións. A entidade considera que vulnera o regulamento europeo da organización de mercado e que non cumpre cos criterios de representatividade esixidos para poñela en marcha. Así mesmo, valora como un desatino cobrar a cota interprofesional coa crise actual.

A organización agraria argumenta que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación está obrigado a verificar que se dan as condicións impostas pola norma europea mediante controis periódicos. Inciden en que a representatividade da Interprofesional ten que ser un requisito fundamental da extensión de norma, recalca que o Ministerio non debería aprobala ata que non comprobase que a mesma se cumpre.

Ademais disto, a organización cre que o importe do gandeiro debería ser cero xa que o sector produtor lácteo leva arrastrando unha grave crise desde hai tempo que mingua de maneira importante a renda dos gandeiros. Na proposta actual preténdese aumentar as achegas do sector, tamén as dos produtores, de maneira que a cotización obrigatoria suporía para a INLAC un montante de 11,8 millóns de euros no período 2023-2026. “É un desatino que as organizacións que están dentro da INLAC pretendan subir o que cobran aos gandeiros cando se están matando vacas e pechando granxas”, afirman desde Unión de Uniones e subliñan que “aos gandeiros, os millóns de euros que cada ano recada e manexa a INLAC non nos serviron para nada”.

A organización sopesa chegar ata a vía xudicial para defender aos gandeiros: "Se o Ministerio non nos fai caso nas nosas alegacións, recorreremos aos tribunais, como xa fixemos coa extensión de norma Provacuno", conclúen.