J. Pascual: “Todos precisamos coñecer que argumentos podemos dar cando no noso día a día escoitemos voces que difaman a produción”

Razones para ser omnívoro. Por tu salud y la del planeta é o título do libro que Juan Pascual, veterinario con máis de 25 anos de experiencia na industria da sanidade animal, acaba de presentarlle ao gran público. A continuación en Vaca Pinta 38, conversamos con el sobre os aspectos centrais desta publicación.

Como xurdiu a iniciativa para o desenvolvemento de Razones para ser omnívoro?  
A idea xorde da necesidade de explicar a importancia, a miúdo descoñecida, do que lle achegan os animais á sociedade. A pesar das mensaxes que adoitan propagar os medios xeralistas, os produtos de orixe animal seguen a ser imprescindibles para nós (en moitos casos, como medicamentos únicos ou, se non, como vía para a obtención de fertilizante). Ademais, o gando recicla: moitos subprodutos, como os talos do millo ou as maltas das cervexeiras, non se tiran, senón que se lles dan aos animais. Hai que explicalo, porque os animais son imprescindibles, fan moitas achegas positivas e a sociedade debe sabelo.

As persoas somos omnívoras, é unha realidade. Porén, cada vez hai máis debate ao respecto. Que é o que está levando á sociedade a cuestionalo?
En realidade, o consumo de carne en Europa segue aumentando. Unha cousa é o que din as enquisas e outra o que de verdade consumimos. Mesmo aqueles que optan por unha dieta sen produtos animais confesan, segundo varios estudos de mercado, que a saltan e comen con moita frecuencia ovos ou lácteos. Púxose de moda, queda ben en certos círculos dicir que es vexetariano ou flexitariano. Hai moito postureo, pero tamén está a calar como tendencia social. Ademais, hai continuos titulares que relacionan os animais cos gases de efecto invernadoiro, coas pandemias, coa falta de auga, coa deforestación... Coma se se tratase das sete pragas de Exipto!

Fálase do non consumo de produtos de orixe animal como unha moda, pero é tamén o reflexo das desigualdades crecentes entre as distintas zonas do planeta?
O consumo de produtos animais é altamente desexado por aqueles que non teñen acceso a eles. Os nosos maiores aínda lembran que en plena posguerra civil comer un polo era un luxo que só se podían permitir no Nadal. Hoxe quizais o exceso de oferta, e o abaratamento destes produtos­ ­–­algo que deberiamos celebrar–, lévanos a sospeitar deles nos países ricos. Porén, en rexións onde non poden ­ac­ceder a eles, como na India, afeccións como a anemia, a avitaminose e a falta de crecemento causan estragos. Dous informes deste mesmo ano da FAO e de Unicef alertan de que non se debe prescindir dos produtos de orixe animal na dieta, e o mesmo sinalan, polo menos, 10 asociacións médicas de distintos países.


 “Púxose de moda en certos círculos dicir que es vexetariano ou flexitariano. Hai moito postureo, pero tamén está calando como tendencia social”

A relación entre o afastamento do rural e a explosión de novos hábitos parece evidente. Como podemos favorecer unha aproximación a este sector?
En primeiro lugar, non menosprezando á outra parte, pois ao final queremos que nos escoiten. Iso pasa por participar en debates, por involucrar a persoas influentes, por conseguir un espazo na prensa, por intervir máis nas redes sociais... Pasa, en definitiva, por explicarse.

Cada un de nós debemos formarnos. Falamos tanto do sector gandeiro e do rural en xeral como de persoas que traballen indirectamente con animais, de industrias lácteas, de calquera que queira seguir tendo cans e gatos (que, ao final, comen carne) e daqueles aos que lles guste gozar dun prato de queixo ou de tortilla... Todos necesitamos formación, coñecer que argumentos podemos dar cando no noso día a día escoitemos voces que difaman a produción ou a posesión de animais. É unha tarefa conxunta.

Entre as principais ideas que aborda no seu libro, atópase a do lugar dos animais na sociedade, aspecto que, sen dúbida, cambiou radicalmente nas últimas décadas. É necesario reconducir isto?
Hai unha parte positiva, e é que hai unha maior preocupación polo benestar, que é moi importante. Pero tamén hai un extremo que leva a algúns a considerar que a vida dun animal ten o mesmo valor que o dunha­ vida humana e, na miña opinión, e explícoa no texto, iso é unha profunda inmoralidade.


A que nos referimos cando se fala do “status moral dos animais”?
Á posibilidade de que teñan dereitos (cando somos nós, como humanos, os que nos impoñemos obrigacións para con eles) e de que a súa existencia teña o mesmo valor que a nosa. Se debemos ter consideración cara aos animais é porque non somos unha especie como as outras, pois todas as demais procuran só para os seus. O feito de que teñamos estes debates é posible porque non somos unha especie máis e por iso o noso status moral como humanos é distinto ao do resto do reino animal.

AS RAZÓNS DE JUAN PASCUAL PARA SER OMNÍVORO
Indagar na condición omnívora dos humanos, analizar os grandes desafíos aos que se enfronta o mundo para erradicar a fame e estudar a produción de alimentos necesarios para unha crecente poboación, todo iso dende o respecto ao benestar animal, son os eixes centrais do libro que asina o veterinario Juan Pascual.
Licenciado en Veterinaria pola Universidade de Zaragoza e executiveMBA polo Instituto de Empresa, no sector da sanidade animal, Pascual exerceu funcións de vendas, publicidade e dirección en distintos países de América Latina, así como tamén en España, nos Estados Unidos, en Francia e en Italia. Na súa faceta de divulgador, nesta obra desenvolve consideracións éticas dende o rigor e a estatística e repasa todos os aspectos que a sociedade debate ao redor do animalismo sen eludir temas complexos, como a experimentación en laboratorio con seres vivos, as vacinas ou a alimentación das mascotas.

Fai alusión na súa obra ao “veganismo como relixión” e á “superioridade moral do animalismo”. Pode desenvolver estas dúas ideas?
Dous xuíces, un en Inglaterra e outro no estado americano de Ohio, determinaron que, aínda que o veganismo non supón crer nun ser superior, si implica crer que se atende a un ben superior seguíndoo e, por iso, ditaminaron que ese modo de vida estea protexido como unha relixión. Así, por exemplo, unha enfermeira rexeitou vacinarse de gripe porque para fabricalas se usan ovos e, como o fallo do xuíz a protexeu, o hospital no que traballaba non puido tomar medida ningunha.
Así pois, a pretendida superioridade moral de moitos veganos (ethical­ vegans, en inglés) é esa actitude de desdén que mostran moitos deles –e as súas asociacións– cara aos que non seguen os seus postulados. É unha actitude inxustificada, claro, pero que está moi presente. 


 “O feito de que teñamos estes debates é posible porque non somos unha especie máis e por iso o noso status moral como humanos é distinto ao do resto do reino animal”

Cre que se subestimaron estas tendencias ou non hai razón para alarmarse en exceso?
Hai moi poucos veganos (un 0,2 % en Francia, por exemplo) e o 84 % déixano aos poucos meses, pero a súa influencia social é enorme e convértese en lei cando as autoridades nos convidan a reducir o consumo de carne: xa pasou en Nova York, onde se implementou o luns sen carne nas escolas públicas. Si, hai razóns dabondo para alarmarse e para responder, pero sempre con educación, paciencia e datos.

É posible dialogar cos que defenden estas ideas deixándose levar polas súas sensacións?

É moi difícil convencer os xa convencidos, pero a maioría da sociedade non está en posicións extremas, e é a eles aos que nos debemos dirixir para que non escoiten só unha versión e teñan acceso aos datos, a unha visión quizá menos emocional, pero factual. A ciencia está do noso lado. Iso pretendo demostrar no libro.

Temos a ciencia do noso lado, pero xogamos contra as emocións. Entón, habería que aludir máis á emoción e menos á lóxica á hora de debater?
Ambos deben ir da man. É difícil condensar a ciencia nun titular, pero temos historias moi fermosas que contar: o gando recicla, o biogás xa é o 10 %­ do gas usado en Alemaña, a piscicultura freou a pesca en moitos caladoiros salvaxes, os animais de experimentación salvan millóns de vidas...
Por outra banda, convén ter presente que cultivar vexetais tamén supón acabar con moitas vidas animais como, por exemplo, as mortes nas recolledoras de especies como a tartaraña cincenta, que aniña nos cereais, ou múltiples roedores e réptiles. Comer unha vaca de pasto supón menos mortes animais que substituír esa proteína por proteína vexetal.


Así pois, onde está o equilibrio entre achegar veracidade fronte ás falacias e chegar aos consumidores de maneira efectiva?
Ninguén vai vir a resolver este problema, non hai solucións máxicas. Cada un de nós podemos influír na nosa contorna. Debemos conversar, explicar por que son imprescindibles os animais, como reciclan, como grazas a eles temos heparina e outros medicamentos, como sen eles arde o monte, como contribúen a la ou a seda a eliminar microplásticos no mar (a primeira causa dos microplásticos son as fibras sintéticas da roupa)... Hai moito e moi bo que contar. Contémolo!

Neste senso, diría que unha materia pendente do sector é aprender a venderse mellor de portas para fóra?
Dentro do sector, as asociacións fan moitos esforzos, os cales son imprescindibles, pero para o cidadán medio poden ser percibidos como parte interesada. Por iso insisto en que o esforzo individual é clave, e para ser efectivos debemos apoiarnos en datos como os que achega o libro, usalos no boca a boca. Non vai cambiar todo en cinco minutos, pero, se nolo propoñemos, terminará por facelo.