Presentada a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego cara a 2025

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, participaron esta mañá na presentación da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego 2020-2025.

Durante o acto, Feijóo aseverou que esta iniciativa, con 125 accións, ten como obxectivo dar resposta ao sector do futuro, con competitividade e sostibilidade. “Unha folla de ruta para os vindeiros cinco anos co fin de fomentar unha industria máis innovadora e competitiva, ampliar a súa pegada internacional e potenciar a transformación do noso leite”, abundou, recordando o obxectivo de acadar a transformación do 75 % do leite que se produce en Galicia.


O obxectivo é acadar a transformación do 75 % do leite que se produce en Galicia

Así mesmo, anunciou que a Xunta dará un novo paso para apoiar, acompañar e titorizar o desenvolvemento de proxectos no rural, cun reforzo da estrutura territorial. Deste xeito, nos Orzamentos de 2021 incluirase unha partida para modernizar e mellorar a rede de oficinas agrarias comarcais que, na actualidade, conta con 68 sedes. “Queremos sedes áxiles, que dean respostas e asesoramento ao sector e que sexan axentes intermediarios entre as administracións públicas e o sector”, dixo, aseverando que para iso unificaranse nas vilas a atención agrícola, veterinaria e forestal nunha única sede da Xunta.

Así mesmo, modernizaranse os sistemas de atención e de tramitación dixital, mellorarase a formación dos traballadores, renovarase o parque móbil, “e crearase unha oficina agraria móbil para chegar ás aldeas máis pequenas de Galicia e poder ofertar estes servizos”, engadiu.

UN PLAN DIRIXIDO AO FORTALECEMENTO DA COMPETITIVIDADE

Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural, José González, debullou o contido da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, poñendo de relevo que é froito dun exhaustivo proceso de acordo e diálogo artellado a través de distintas mesas de traballo e coordinado pola Fundación Juana de Vega. Segundo dixo, englóbase en cinco grandes obxectivos estratéxicos, relativos á produción, á industria e aos mercados, pero tamén á propia cadea de valor do leite e á formación e innovación.

Así, no tocante á produción, a Xunta persegue garantir a continuidade das granxas con viabilidade, creando un Banco de explotacións que acolla as que non teñan relevo e establecendo un programa de preparación para a sucesión. Para apoiar a remuda xeracional, contémplanse incentivos fiscais e outras medidas de apoio financeiro, para as que o conselleiro pediu o apoio do Goberno central. Na súa intervención, José González puxo de relevo a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria, que permitirá contar con explotacións con máis base territorial, e a normativa galega que regulará a xestión integral das dexeccións gandeiras. Sinalou, ademais, que se seguirán promovendo procesos de reestruturación parcelaria.

Canto á industria, a finalidade é aumentar a transformación do leite en Galicia apostando pola diversificación de produto. Así, quérese aumentar o peso das DOP de queixo galegas, adaptando os formatos e os envases ás novas demandas de consumo. A maiores, traballarase no asentamento de novos operadores industriais en Galicia. No relativo aos mercados, o conselleiro do Medio Rural sinalou que se avoga por mellorar o posicionamento dos produtos lácteos galegos a nivel nacional e internacional, ampliando -entre outras cuestións- o ámbito xeográfico de promoción da marca Galega 100 %. Tamén se regulará o leite de pastoreo como elemento de diferenciación para abordar novos nichos de mercado. 

En relación á cadea de valor, reforzaranse as relacións entre os distintos axentes implicados, impulsando o asociacionismo profesionalizado dos produtores como empresarios. Nesa liña, fomentarase a entrada das cooperativas no capital de novos investimentos industriais en Galicia para reforzar o seu papel como aglutinadores da oferta do leite dos seus socios e promoverase que esas cooperativas se constitúan como organizacións de produtores profesionalizadas, asumindo un papel relevante na negociación do leite e na prestación de servizos aos seus asociados. No entanto, para mellorar a transparencia, apostarase por reactivar o “acordo lácteo” a nivel estatal e o Observatorio do Sector Lácteo a nivel autonómico, así como por implantar un sistema de estudo de custos de produción do leite en Galicia, habilitando un programa informático para que o gandeiro poida calcular os seus gastos e facer estudos comparativos con respecto ao sector.

Por último, no tocante á formación e innovación, o conselleiro do Medio Rural salientou que se traballará por responder ás necesidades dos gandeiros e industrias, fortalecendo as estruturas de formación, investigación e innovación da nosa comunidade, así como a tecnoloxía a disposición do sector.