Os retos e os desafíos dos veterinarios de granxa, a debate

Juan Rodríguez, Fermín Rico, Roi Capón e Román González foron os veterinarios participantes na mesa redonda que tivo lugar na Xornada de Africor Lugo-Vaca Pinta e que se centrou nos temas de actualidade que afectan a estes profesionais. Conversamos cos catro sobre o polémico Real Decreto 666/2023 e sobre a posible falta de remuda xeracional, asuntos que protagonizaron o encontro. Máis en Vaca Pinta 51.

Os veterinarios de animais de produción enfróntanse a cambios importantes no seu traballo que influirán inevitablemente no futuro da súa profesión. O Regulamento (UE) 2019/6 e, en especial, o Real Decreto 666/2023, suscitaron queixas e manifestacións dentro do sector, polo que se solicitaron emendas ao decreto e incluso a súa derrogación.

Por outra parte, as persoas que se acaban de licenciar en Veterinaria non teñen, en xeral, moito interese na rama dos animais grandes, aspecto que será crucial para o futuro da profesión.

Ante estes problemas, o diálogo pode ser unha iniciativa que achegue ideas e solucións para tratar de mellorar entre todos.

VETERINARIOS, PERO TAMÉN GANDEIROS

Neste contexto, conversamos cos catro participantes da mesa redonda sobre estes temas e sobre a súa traxectoria profesional, moi ligada á gandería en case todos os casos.

 

Román González é veterinario en SAT Prolesa, unha granxa situada en Sarria, que posúe 900 exemplares de vacún de leite. “Hai 18 anos que empecei a traballar. Nas miñas orixes fun veterinario clínico e por amor vinme a Sarria, onde empecei nesta gandería”, relata. Actualmente, é o encargado de SAT Prolesa e leva a xestión dos protocolos. “Xa tiña claro que quería ser veterinario aos 10 anos. Na miña casa había vacas, a miña nai era gandeira e sempre me gustaron estes animais. Se non fose veterinario, sería gandeiro ou técnico gandeiro”, conta González sobre a súa vocación.

Roi Capón traballa en Aira realizando labores de reprodución, asesoramento e nutrición. Capón tamén se decantou pola veterinaria de campo; influíu nesta decisión o feito de que a súa familia conta cunha granxa en Chantada: “Desde moi pequeno gustábame axudarlle ao meu pai e sempre tiven a ilusión de ir máis alá, non só coidar as vacas dándolles de comer e muxíndoas, senón prestándolles atención cando se atopan mal”. En 2015 Capón rematou a carreira. Despois fixo prácticas cun veterinario que traballaba na zona onde el residía, máis tarde estivo dous anos e medio en Asturias e, finalmente, volveu a Chantada e comezou a súa traxectoria na cooperativa Aira, onde xa leva uns sete anos.

Fermín Rico leva exercendo como veterinario máis de trinta anos e é o director e fundador do Centro Veterinario Meira, onde atenden máis de 15.000 vacas en reprodución, clínica, alimentación, calidade de leite… O seu papel no centro consiste en coordinar, organizar e xestionar o grupo. Ademais, desde hai catro anos dirixe e é socio dunha gandería de vacas de leite. A súa vocación tamén lle vén desde pequeno: “Eu son de orixe rural e estou moi familiarizado coas vacas, sempre quixen estudar Veterinaria”, narra.

Juan Rodríguez, que forma parte do Servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras na Subdirección Xeral de Gandería da Xunta de Galicia, tamén tivo claro dende pequeno que quería estudar Veterinaria e dedicarse aos animais de produción. Os seus avós tiñan unha pequena granxa de vacas de carne e sempre lle apaixonaron. Rodríguez iniciou a súa traxectoria coas vacas de leite na zona da Mariña lucense e, posteriormente, en Curtis (A Coruña), centrando a súa atención en clínica. Actualmente, dedícase á seguridade alimentaria nas granxas e á aplicación dun control oficial nestas, e enfócase sobre todo en medicamentos, hixiene, subprodutos…


Juan Rodríguez
“Como non se fagan políticas para coñecer o rural, vai haber problemas coa remuda xeracional”

DIFERENTES PUNTOS DE VISTA SOBRE O NOVO REAL DECRETO

Os integrantes da mesa redonda compartiron as súas distintas perspectivas en relación ao RD 666/2023. Juan Rodríguez adopta unha postura máis amable con esta norma e expón que debemos ter en conta o contexto no cal se lanza tanto o regulamento europeo coma o Real Decreto e cal é a finalidade de poñer en marcha esta normativa. “Existen problemas de índole mundial coa resistencia aos antimicrobianos en humanos: non estamos a falar de animais. Viuse que había un problema que había que tratar de solucionar, polo que comezou a lexislarse para salvagardar a saúde pública”, explica este veterinario.

Para obter a mellor solución posible, son necesarios os datos, “se non os temos, non os podemos analizar nin chegar a certas conclusións”. Rodríguez asevera, polo tanto, que con este decreto se tenta obter información de todas as maneiras posibles empregando unha base de datos chamada Presvet. No real decreto incídese na redución do consumo de antimicrobianos e nas medidas a tomar.

Juan Rodríguez indica que moitas das críticas que se están a dar se centran no criterio clínico: “É certo que o criterio clínico ten que prevalecer sempre. O veterinario é o que está con ese animal, sabe que patoloxía ten e é el coa súa experiencia quen decide tratalo cun antibiótico ou outro, pero isto ten que ir de acordo co que di a normativa”.

A opinión de Fermín Rico, ao igual que a dos outros membros da mesa redonda, tórnase máis dura. Ben é certo que comparte o obxectivo do real decreto, que é o uso racional dos medicamentos e os antimicrobianos para reducir as resistencias antibióticas, garantir a saúde pública, a animal e o respecto ao medio ambiente. Non obstante, as súas críticas céntranse nalgúns puntos do citado decreto; máis concretamente, denuncia o apartado no que se explica que só se poden usar os medicamentos baixo as condicións da ficha técnica: “Antes, en función da nosa experiencia, podiamos cambiar a dose, a vía de administración etc., para conseguir o fin: curar os exemplares. A partir deste real decreto, estamos supeditados ás fichas técnicas e á súa falta de actualización”.

Rico considera, polo tanto, que se debería obrigar ás farmacéuticas a actualizar as fichas técnicas máis rápido para que estivesen adaptadas aos coñecementos actuais e, mentres non sexa así, que lles permitisen os expertos poder prescribir indicacións e doses que non están nas fichas: “Na situación actual conséguese o efecto contrario ao desexado, porque igual acabas utilizando un antibiótico de categoría superior por non poder modificar a dose do de categoría inferior”. Rico tamén fala da gran carga burocrática que recae tanto no gandeiro coma no veterinario, e que debería simplificarse dunha maneira ou outra, “porque, tal e como está agora, resulta todo moi tedioso”.


Fermín Rico
“A partir deste real decreto estamos supeditados ás fichas técnicas e á súa falta de actualización”

O veterinario Roi Capón concorda coa necesidade de que haxa certo control sobre o uso dos antibióticos. Resalta que con esta nova lexislación afloraron algúns aspectos positivos, por exemplo, desenvolvéronse moitos máis test de detección rápida de determinados tipos de enfermidades. “Dito isto, o problema é que nin tanto, nin tan pouco; ten que haber un termo medio”, argumenta. Un dos temas que saca a relucir é a evolución do sector, xa que o feito de aferrarse exclusivamente aos prospectos sen analizar a que exemplar se lles está dando “vai xerar máis resistencia aos antibióticos, no sentido de que moitas veces as doses non son suficientes para algúns exemplares en concreto”.

Como modificación para esta norma, Capón propón, ademais das sancións, simplificar todo o traballo, tal e como afirma tamén Rico: “Para min algo que podería ser moi cómodo sería que, por exemplo, tivésemos un usuario con todas as oficinas agrarias dos nosos clientes e que desde aí se poida dispensar a receita dentro de cada gandería; que aparezan todos os censos de cada un dos animais. Sería moito máis sinxelo levar a cabo unha trazabilidade e un seguimento: incluso se esa vaca se move dunha granxa a outra teríala localizada, saberías onde está e que tratamento vai asociado”. Tamén insiste en que debe primar o criterio veterinario, “porque se non, non facemos falla. Ante un problema agudo, hai que actuar. Se seguimos os protocolos que están establecidos, probablemente perdamos varios exemplares. Iso a día de hoxe non se pode tolerar”.


Roi Capón
“Ante un problema agudo, hai que actuar. Se o facemos seguindo os protocolos establecidos, probablemente perdamos varios animais”

Román González tamén suxire algunhas emendas nesta norma; por exemplo, se o encargado de prescribir e de facerse responsable do que prescribe é o veterinario, o seu coñecemento e o diagnóstico deberían prevalecer sobre que tipo de antimicrobiano elixir ou cal é a pauta de tratamento e número de días, aínda que iso implique unhas responsabilidades asociadas.

Sobre o libro de receitas, este veterinario cre que debería haber un modelo que sexa voluntario, para que as granxas que queiran e o dese-xen inclúan as súas prescricións nese libro dixital: “Así gañamos todos”. González expresa que agora están nunha disxuntiva onde hai disparidade de criterios e ninguén sabe que ten que levar un libro de tratamentos, nin as obrigacións de quen ten que facerse cargo del. “O máis útil sería que, a través da oficina agraria virtual, se xere unha pestana do libro de tratamentos con acceso ás plataformas e técnicos homologados de cada gandería”, explica.

“Hai unha palabra que se repite infinidade de veces: ‘rexistro’. Sempre estamos rexistrando algo e, realmente, non temos a ferramenta para facelo todo nunha mesma plataforma. Das oito horas que debería traballar, catro pásoas rexistrando cousas que non me achegan nada. Xera moito estrés. A realidade das granxas non vai por aí”, declara.


Román González
“Espero que nun futuro máis xente se involucre e queira traballar na veterinaria de produción”

MODIFICACIÓN DAS SANCIÓNS

Un dos aspectos que máis queixas provocou por parte dos veterinarios con respecto ao Real Decreto 666/2023 foron as sancións, que se consideran “esaxeradas” e que se senten tratados coma “criminais”. Neste decreto considérase unha falta leve a comunicación de datos erróneos, con sancións que van dos 600 aos 3.000 €; unha falta media sería comunicar datos erróneos en reiteradas ocasións, con sancións que van dos 3.000 aos 60.000 €; finalmente, se non se comunican os datos nun prazo superior aos 15 días despois da utilización dos antibióticos, a multa pode variar desde os 60.000 aos 1.200.000 €.

A Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe) solicitoulle ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) modificar a infracción de non notificar no prazo a Presvet a receita veterinaria de “moi grave” a “leve”, e sen sanción se se xustifica correctamente. O Congreso aprobou o devandito cambio no decreto e xa foi publicado no Boletín Oficial de las Cortes Generales (BOCG), á espera de que finalice o trámite e se faga público no Boletín Oficial del Estado (BOE). Por outra parte, as demandas de derrogación do RD 666/2023 foron desestimadas.

REMUDA XERACIONAL NOS VETERINARIOS DE CAMPO

Outro tema importante comentado durante a mesa redonda baseouse no futuro dos veterinarios de grandes animais. “Agora mesmo faltan novos licenciados interesados na veterinaria de produción. Eu trato de coidalos á hora de facilitar prácticas e impartir coñecementos. Tento convencelos de que veñan a traballar ao sector”, admite Román González sobre este problema. Engade que os labores que se poidan facer á hora de mostrar, abrir portas e intentar convencer os novos licenciados e as futuras xeracións de que fan saúde pública dende as súas posibilidades, de que é un traballo que está ben remunerado e de que poden ter condicións dignas de vida, benvidas sexan: “Agardo que nun futuro máis xente se involucre e queira traballar na veterinaria de produción”.

En canto a que podería achegar a Administración para atallar esta problemática, Román declara que “todo o que poida estar informatizado e evitar traballos burocráticos, á xente nova, máis que a nós, lle vai gustar, é dicir, que as notificacións non teñan que ser en tempo real, que non haxa que andar con xeolocalizacións para demostrar que fuches a unha granxa e incentivar que o traballo vai estar ben remunerado e non tan fiscalizado nin tan difícil de realizar como é agora mesmo”.

Roi Capón pon o foco sobre este tema no papel dos gandeiros: “A maior parte da xente que está entrando na facultade e que se está querendo dedicar a grandes animais son mulleres. Teño compañeiras que se están atopando na tesitura de que, ás veces, entran a traballar en zonas onde nunca traballaron mulleres e a situación é un pouco complicada ao principio. Eu defendo que a xente teña empatía: todos comezamos, non sabemos facelo todo dende o principio. Fai falta paciencia e crear un bo ambiente de traballo para esas futuras xeracións”.

Neste sentido, engade que moitas persoas das que veñen traballar a Galicia non son galegas, senón xente que está lonxe da súa familia e moi nova. Capón insiste en que se lles introduza nun ambiente laboral que favoreza o seu crecemento e adquisición de coñecementos, para que vaian traballar contentos. Este veterinario sinala a importancia de ofrecer bos salarios e boas condicións laborais: “Se a experiencia individual é positiva, iso atraerá máis xente nova. Se entre todos remamos, facemos que estean contentos, se sintan a gusto, aprendan…, eu creo que teremos moito gañado”.

Fermín Rico é contundente con este asunto: “Agora mesmo a sociedade en xeral ten as necesidades básicas cubertas e iso fai que a demanda de emprego non sexa unha necesidade”. Por outra banda, cre que os que se acaban de licenciar non posúen coñecementos suficientes para enfrontarse ao mercado laboral sen estar supervisados por alguén. Isto xera unha dobre frustración, segundo Rico, xa que o que demanda emprego non ten unha oferta económica correspondente á súa situación e o que o oferta ten que correr o risco de pagar e de formar a unha persoa á vez.

Este veterinario pon sobre a mesa a posibilidade de implementar un sistema de financiamento mixto entre a Administración e a empresa, como se fai no caso de Medicina, para que o graduado que está empezando a traballar adquira os coñecementos necesarios, cun salario adecuado á súa formación e sen ter que costealo todo a empresa. Outro hándicap que comenta é o horario laboral, xa que, co tema de facer gardas, se se equipara a medicina, para que en veterinaria se puidese gozar dos horarios que ten un médico, o servizo custaría dúas ou tres veces máis: “Hai dúas alternativas: ou que non haxa servizo de garda ou que sexa máis caro. Non sei cal será a solución, se unha mixta ou a radical”.

“Aos veterinarios parece que non lles atrae moito o campo. Non sei se é porque o descoñecen ou porque se a maioría deles comezan na facultade pensando nos seus animais máis próximos, que na maior parte de casos son de compañía” –anota finalmente Juan Rodríguez–, “como non se fagan políticas para coñecer o rural, vai haber problemas coa remuda xeracional”.

Deste xeito, opina que lle habería que dar máis publicidade ao sector, xa que neste sistema se penaliza a maioría dos tipos de produción dos animais de granxa. “Creo que os mozos teñen reticencias cos exemplares criados en ganderías de forma intensiva e que seguramente se fosen ás granxas modelo e coñecesen os gandeiros, animaríanse a escoller a rama de animais produtores”, asegura.

En definitiva, o futuro da veterinaria de produción depende de decisións ben fundamentadas que equilibren a protección da saúde pública coa viabilidade do sector. É esencial que as administracións, veterinarios e gandeiros traballen xuntos para atopar solucións que non só garantan o benestar animal e a seguridade alimentaria, senón que aseguren a remuda xeracional e a sostibilidade da profesión. Sen estes cambios, corremos o risco de debilitar un piar fundamental para a economía e a sanidade do noso país.