Os Encontros Ibéricos de Calidade de Leite expuxeron a importancia das rutinas, a xestión e o manexo de datos

Os Encontros Ibéricos de Calidade de Leite expuxeron a importancia das rutinas, a xestión e o manexo de datos
Un total de 110 profesionais reuníronse este ano en Zamora para participar nos IV Encontros Ibéricos de Calidade de Leite, convocados por Anembe e o CPSU cun propósito eminentemente práctico: compartir estratexias de traballo para avanzar na calidade do leite desde a saúde de ubre, a hixiene e a xestión. Máis en Vaca Pinta 57.

O Centro Cultural La Alhóndiga de Zamora acolleu, o 29 e o 30 de xaneiro, unha nova edición da reunión anual sobre calidade do leite organizada pola Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe) e o Consello Portugués de Saúde de Ubre (CPSU).

O programa estruturouse en mesas temáticas que abordaron métodos de traballo en ganderías convencionais, granxas XL e sistemas robotizados. Ademais, contouse cun relatorio maxistral sobre inmunoloxía en periparto e cun peche centrado no caso de Leche Gaza.

A cita deixou unha mensaxe transversal: a calidade sostense cun sistema (rutina, limpeza, mantemento, datos e formación), non cunha medida illada. Cambian as ferramentas, pero a lóxica é a mesma: observar, medir, decidir e comprobar se o cambio se mantén. E, sobre todo, converter recomendacións en tarefas executables: sen equipo, comunicación e seguimento, o dato non mellorará por si só.

Sistema convencional: a rutina como primeiro “tratamento”

A mesa de explotacións convencionais estivo moderada por Carlos Noya (Uddervet) e centrouse na consistencia da rutina. Insistiuse en reducir variacións entre quendas e persoas, porque esas pequenas diferenzas adoitan traducirse en cambios de hixiene, lesións de teto ou repuntas en recontos.

Mónica García (Centro Veterinario Meira) describiu un esquema de visitas mensuais ou bimensuais orientadas a observar o muxido e corrixir puntos críticos. Mencionou a importancia de evitar sobremuxidos e valorou as salas informatizadas como apoio para ordenar información e dar continuidade ao seguimento. Como ferramenta diagnóstica, explicou que utiliza o test de California en granxas sen control leiteiro e tamén en granxas con control cando se superan as 200.000 células.

João Sousa (Segalab) achegou a mirada do laboratorio. Explicou o seu traballo con microbioloxía en tanque e mostraxes por animal para orientar tratamentos (coa excepción das mastites clínicas) e engadiu que tamén analizan aflatoxinas e augas. Compartiu un exemplo de esixencia na súa contorna: durante un período, o grupo recolledor deixou de recollerlles leite a ganderías que superaban 400.000 células en cinco visitas. Sousa mencionou, ademais, o programa de control de Streptococcus agalactiae e defendeu que as medidas funcionan mellor cando se acordan co gandeiro e se revisan con seguimento.

No debate repetiuse a dificultade de traballar sen control leiteiro e comentáronse vías intermedias, como usar o test de California de forma dirixida en vacas sospeitosas. Tamén se falou do compoñente humano do asesoramento: como sinalar problemas de hixiene ou rutina sen romper a relación. No operativo citouse a temperatura da auga de lavado como punto crítico (60 ºC), compartíronse reservas sobre certas experiencias con sistemas automáticos de lavado e mencionouse o secado selectivo como opción cando é aplicable.


As tres mesas debuxaron realidades distintas, pero converxeron nun mesmo punto: a excelencia en calidade do leite non se alcanza cunha medida illada, senón cun sistema

Granxas XL: Procesos, mandos intermedios e un informe “usable”

A mesa de explotacións XL, moderada por OriolFranquesa (Q-Llet), formulou o reto principal das estruturas grandes: converter a calidade nun proceso que resista quendas, rotación de persoal e crecemento. Falouse de mandos intermedios, formación e documentación breve pero clara: en granxas grandes, unha recomendación que non se traduce en tarefas concretas dilúese.

Cristian Paniagua Echevarría (Gescal Veterinarios) abordou a súa experiencia desde a epidemioloxía de mastites e o rexistro sistemático. Sinalou que traballan na certificación de ganderías vinculadas a Gaza e achegou un marco de referencia: situou a media de reconto celular en tanque en Castela e León arredor de 300.000 células, fronte a arredor de 200.000 nos seus clientes. Mencionou a vacinación fronte a E.coli e S.uberis e citou o limiar de 20 litros como referencia en recomendacións vinculadas ao secado.

Unha das súas mensaxes máis operativas foi como pechar as visitas: un informe final conciso, co responsable presente, recomendacións sempre por escrito, explicación de datos e do grao de cumprimento de obxectivos, e separación entre medidas xerais e individuais. A idea é que o informe sexa unha ferramenta de xestión e non un documento para arquivar.

Ema Roque (Diessen S.V.) describiu unha metodoloxía adaptable en granxas de 200 a 1.000 vacas, axustando a frecuencia de visitas segundo resultados (de dúas ao mes a unha cada dous meses). Explicou que, antes de empezar, solicita unha proba de tanque e que, durante as visitas, observa muxido, mastites e instalacións. Insistiu en incorporar o control leiteiro cando non existe e citou a formación como panca, especialmente con rotación ou barreiras idiomáticas: fotografías e vídeos para estandarizar rutinas. Tamén defendeu escoitar máis e falar menos para axustar obxectivos á realidade de cada equipo.

O coloquio abordou diferenzas entre granxas abertas e pechadas (compra de animais, recría externalizada), a motivación do persoal (condicións laborais e salarios) e asuntos que seguen pesando na práctica: mantemento, consumibles, axuste de parámetros e xestión do material de cama, ademais da necesidade de equilibrar control e carga de traballo.

O periparto como punto de inflexión: inmunoloxía e risco en saúde de ubre

O relatorio maxistral correu a cargo de Julio Benavides (CSIC) e estivo centrado na inmunoloxía en periparto e no seu papel na saúde de ubre. Benavides explicou aspectos de resposta inmunitaria sistémica e factores que inflúen nela, como microbiota e estrés, e abordou cambios en células como os neutrófilos. Subliñou, ademais, unha dificultade de base: avaliar o sistema inmunitario non é sinxelo sen expoñer o animal ao patóxeno, o que obriga a interpretar con cautela indicadores indirectos e a entender o periparto como unha etapa especialmente sensible.

Aínda que a charla se moveu nun plano máis fisiolóxico, a mensaxe conectou coas mesas de forma natural: a prevención, o manexo e a calidade non son capítulos separados. O que ocorre na transición condiciona o risco posterior e, polo tanto, o traballo en muxido, en robot ou en convencional.

Robotización: interpretar indicadores sen esquecer camas, limpeza e fluxo de traballo

A mesa sobre explotacións robotizadas estivo moderada por Jorge Eseverri (Albaikide) e centrouse en como cambia a xestión cando o muxido se automatiza. Insistiuse en dúas ideas: os datos só serven se se interpretan en conxunto e o robot non “compensa” un ambiente deficiente. Cubículos, corredores, bebedoiros, densidade de animais e manexo do silo seguen marcando a saúde do ubre.

Borja Apellániz (Albaikide) describiu un método de revisión orientado a obxectivos: garantir calidade hixiénico-sanitaria, detectar precozmente alteracións de saúde de ubre, minimizar riscos de mastites e optimizar eficiencia. A revisión, sinalou, arrinca no software (visión xeral, informes de saúde e eficiencia, muxidos falidos e listaxe de animais para intervir) e complétase contrastando co espazo.

Apellániz destacou o “tempo libre” do robot como indicador de xestión: con tempo libre superior ao 10-15 % a prioridade pasa pola integridade do teto e o confort do muxido; con tempo libre por debaixo do 5-10 % formúlanse axustes (limpeza e estimulación, baleiro e pulsación, retirada de tetoeiras) para non penalizar animais. Sobre muxidos malogrados, apuntou causas como conformación de ubre, nerviosismo ou mastites, e citou como referencia un obxectivo aceptable por debaixo de 5 (óptimo 0). Repasou indicadores como condutividade eléctrica, desviacións de produción, cambios de cor, células somáticas, temperatura, cambios en visitas e tempos de colocación.

Recordouse que a condutividade por si soa ten sensibilidade limitada (18 %-43 %) e que mellora cando se combina con produción ou outros indicadores.

Luís Pinho (S.V.A.) achegou o contexto portugués, onde describiu casos con robots antigos, incluso de segunda man, con software de hai dúas décadas. Presentou un programa de saúde de ubre que inclúe apoio mensual, auditorías, avaliación de máquinas, mostraxes de rabaño, formación do persoal e análise de datos, e comentou que a formación aínda pesa pouco como fonte de ingresos dentro do servizo. En bioseguridade e mantemento citou a desinfección con vapor de auga e ácido peracético, e cuestións de rutina como o uso prolongado do mesmo xogo de tetoeiras. Tamén se mencionou o baleiro controlado por fluxo polo seu efecto no fluxo e a duración do muxido.

Na quenda de preguntas comparáronse experiencias entre robot convencional e sistemas tipo batchmilking, e comentáronse tendencias: desde Portugal mencionouse que algúns gandeiros volven do robot á sala por motivos económicos e de crecemento, mentres que Apellániz indicou que na súa zona (Navarra) non perciben esa volta. Tamén se insistiu en que robot e control leiteiro se complementan; citouse, como exemplo, un control cada 45 días en Navarra.


Ao longo do encontro, os relatores insistiron en que a calidade é técnica, pero tamén é xestión e comunicación

Leche Gaza: unha aposta pola calidade e o valor engadido ao socio

O peche centrouse no caso “Leche Gaza, unha aposta pola calidade”, con intervencións de JoséLuis Calvo, exxerente, e Félix Roncero, secretario, nunha sesión moderada por Manuel Morales (Oceva).

Calvo e Roncero repasaron a orixe e a razón de ser do proxecto: unha empresa nacida co propósito de xerar valor engadido para as explotacións propietarias, con compromisos asociados como asegurar a recollida, remunerar por riba doutras industrias, amortecer flutuacións e traballar na mellora de explotacións mediante formación, técnicas produtivas e rendibilidade. Nese marco vinculouse a calidade do leite cunha estratexia máis ampla: manter actividade, arraigamento e produción no territorio.

Enumeráronse claves de éxito a longo prazo, como a necesidade real que motivou a súa creación, a corresponsabilidade, a capitalización, a xestión profesional, a disciplina de participación e o espírito innovador. Tamén se expuxo a súa estrutura societaria e o sistema de participacións, citando o criterio de 10 litros diarios por participación e normas asociadas a campañas.

No seu percorrido lembráronse campañas históricas vinculadas a sanidade e calidade (tuberculose, brucelose, redución de mastites e pagamento por bacterioloxía) e insistiuse na necesidade de adaptarse ás demandas sociais sobre como se produce. Nese contexto mencionouse o impacto da remuda xeracional e a evolución do número de gandeiros: de 57 en 2011 a 29 en 2025, xunto co incremento da produción total.