A Xunta convoca 400.000 euros de axudas para compensar o sacrificio obrigatorio, a morte de animais ou a destrución de produtos

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe aordeda Consellería do Medio Rural que regula neste 2022 a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de gando, pola morte de animais ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades. Así, o orzamento destinado a financiar este procedemento recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia ascende aos 400.000 euros neste ano.

Deste xeito, poderán ser beneficiarias das achegas as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes. Tamén os que teñan animais e produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e/ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

A maiores, a presente orde recolle dereito a compensación por animais que morreran como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.

O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, comeza mañá e prorrogarase ata o día 30 de novembro de 2022.