Xunto a estas patoloxías emerxentes, convivimos ademais con enfermidades que criamos practicamente erradicadas e que, porén, reaparecen con forza. En moitos casos, a fauna salvaxe actúa como reservorio e vector de transmisión, o que dificulta o control sanitario do gando doméstico. Este feito volve situar sobre a mesa un debate recorrente: a necesidade dunha xestión real e eficaz da fauna silvestre.
Durante anos, os medios de comunicación amosamos imaxes reiterativas de campos de millo arrasados polos xabarís ou de pradeiras levantadas pola súa acción. Máis aló do impacto visual, as consecuencias económicas para as ganderías son moi reais. Nalgúns puntos de Galicia, gandeiros víronse obrigados a abandonar cultivos tan rendibles como o millo, modificando por completo o seu sistema de traballo para poder seguir adiante. O que ás veces se presenta como unha anécdota é, en realidade, o extremo visible dun problema moito maior.
A recente detección dun gromo de peste porcina africana na contorna de Barcelona é un claro exemplo de ata que punto a situación pode escalar en cuestión de días. O impacto foi inmediato: peche de mercados, restricións comerciais e unha caída de prezos que afectou a todo o sector porcino español. A sanidade animal non entende de fronteiras nin de territorios illados.
No vacún, o risco é igualmente real. Enfermidades como a tuberculose, que dabamos por controlada, volven aparecer sen unha explicación aparente se non se ten en conta a interacción constante entre fauna salvaxe e animais en pastoreo. Ignorar esta realidade supón asumir un perigo innecesario para a sanidade animal e para a viabilidade das granxas.
Falar de control non significa procurar solucións simples nin trasladar toda a responsabilidade ao colectivo de cazadores. É imprescindible contar con políticas públicas coherentes, baseadas en criterios técnicos e sanitarios, que inclúan non só a redución de poboacións cando sexa necesario, senón tamén o seguimento do estado sanitario da fauna silvestre.
Só desde unha xestión integral e responsable poderemos afrontar con garantías os desafíos que xa están aquí, así como os que virán no vindeiro ano. Aí queda, para quen queira tela en conta, a nosa proposta de propósito para 2026.