Covid-19

O vacún leiteiro, exento da paralización de actividades por considerarse un servizo esencial

O Real Decreto-Lei 10/2020 aprobado onte nun Consello de Ministros extraordinario, polo que se paraliza toda actividade non esencial co fin de acelerar o cambio de tendencia da curva de infectados por Covid-19, non lle afecta ás relacionadas coa produción de alimentos, permitindo a distribución dos mesmos desde a orixe ata o destino final. Desta forma, a agricultura, a gandería, a pesca e a industria alimentaria, así como as actividades imprescindibles para asegurar o seu funcionamento, quedan exentas da aplicación do permiso retribuido recuperable para persoas traballadoras dos servizos non esenciais que se regula no citado Real Decreto-Lei.

No seu anexo, a norma publicada no BOE relaciona os traballadores aos que non lles resulta de aplicación o permiso retribuido recuperable. Relacionadas coa actividade agraria, figuran os seguintes:

  • Actividades que participan na cadea de abastecemento do mercado e no funcionamento dos servizos dos centros de produción de bens e servizos de primeira necesidade, incluíndo alimentos, bebidas e alimentación animal, permitindo a distribución dos mesmos desde a orixe ata o destino final.
  • Actividades imprescindibles para o mantemento das actividades produtivas da industria manufactureira que ofrecen as subministracións, os equipos e os materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das actividades esenciais.
  • Actividades que deban prestar os servizos de transporte, tanto de persoas como de mercadorías, que se continúen desenvolvendo desde a declaración do estado de alarma, así como daquelas que deban asegurar o mantemento dos medios empregados para iso.
  • Actividades que presten servizos en materia de xestión de residuos e transporte e retirada de subprodutos.
  • As dos centros, servizos e establecementos de atención sanitaria a animais.

OBRIGAS FISCAIS

No ámbito fiscal, a entrada en vigor deste decreto non lle afecta ao pago de tributos nin á presentación de declaracións trimestrais.

Por agora, o único adiamento de pagos tributarios que estipulou o Goberno é o de autónomos e pemes que atravesen problemas de liquidez, que poderán pedir unha prórroga de ata seis meses no pago de impostos por un valor máximo de 30.000 euros.