O Craega presentou onte un estudo da biodiversidade nas granxas de produción ecolóxica de bovino

“Estudo de cuantificación dos baremos cualificativos da biodiversidade nas explotacións de produción ecolóxica de bovinos de leite e carne” é o título da publicación presentada pola Asociación Xeito Rural e que o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) fixo pública nun evento celebrado onte en Lugo.

Francisco López Valladares, presidente do Craega, inaugurou o acto dando a benvida aos asistentes e presentando a José Luis Cortiñas e Juan A. Pérez, os responsables de elaborar este estudo e de presentalo. Así pois, Juan A. Pérez interveu a continuación facendo unha introdución do artigo, que se centra nos conceptos de agricultura e gandería ecolóxicas e na biodiversidade.

A continuación, José Luis Cortiñas expuxo os datos obtidos durante a fase de investigación para a realización do estudo, na que se analizaron e compararon catro granxas de produción ecolóxica de bovinos, dúas de leite e dúas de carne: A Cernada (Palas de Rei, Lugo), María Elvira Diéguez García (Montederramo, Ourense), Bernardino González Pena (Monfero, A Coruña) e Casa de Vázquez (O Corgo, Lugo).

Unha das conclusións ás que chegaron foi que as explotacións colaboradoras reflicten fielmente o papel positivo que exerce o gando no territorio. A actividade gandeira preserva os hábitats e os recursos alimentarios para a fauna, ademais de ser imprescindibles para a flora. Outra das conclusións acadadas é que o gando, cun manexo correcto, mantén a durabilidade do chan axudando á calidade das augas.

José Luis Cabarcos, o director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), clausurou o evento coa súa intervención.