Ao redor desta cuestión conviven sensibilidades diferentes dentro do propio sector. Hai quen considera que, ante calquera risco, habería que extremar a prudencia e limitar ao máximo os puntos de concentración de animais, como poxas, concursos ou outros eventos gandeiros. Tamén os hai que poñen o foco na necesidade de contar cunha información máis clara, máis rápida e máis útil por parte da Administración, tanto para as granxas coma para os equipos veterinarios que traballan sobre o terreo.
Outros profesionais cren que a prioridade debería situarse no control dos movementos de animais, xa sexa reforzando a vixilancia entre comunidades autónomas ou endurecendo as medidas na fronteira. Xunto a isto, xorde unha liña de opinión que formula revisar o actual encaixe sanitario da enfermidade, para evitar que a resposta ante un posible caso desemboque necesariamente en medidas tan drásticas como o baleiro sanitario. E, por suposto, tampouco falta quen considera que, polo menos polo momento, o nivel de inquietude xerado é superior ao risco real e que conviría actuar con vixilancia, pero sen alimentar unha alarma excesiva.