Cumprimos dous anos co lanzamento de Vaca Pinta 15!

Xa está dispoñible na hemeroteca desta web a edición en castelán do número 15 de Vaca Pinta, a revista técnica do vacún leiteiro, que hoxe celebra o seu segundo aniversario de existencia. Coincidindo con esta efeméride, publicamos a certificación oficial de tirada da revista, que acredita a empresa Información y Control de Publicaciones SA.

Entre os contidos de Vaca Pinta 15 atoparedes un especial sobre o ensilado de herba, unha reportaxe sobre a gandería A Pradeira de Carballo (A Coruña) e senllas entrevistas aos profesores Sergio Calsamiglia (UAB), sobre a fermentación microbiana do rume, e Marta Alonso (Universidade de León), sobre as principais correntes relacionadas coa produción eticamente sustentable.

ESPECIAL: ENSILADO DE HERBA

Veterinarios de Nutricor asinan un artigo no que desenvolven as claves para un ensilado de herba de calidade e o director técnico de Adial Nutrición, Alexandre Udina, enuncia os principais parámetros que debe incluír un ensilado de calidade co fin de obter a maior rendibilidade en granxa e de cumprir cos requisitos actuais en materia de bioseguridade e hixiene na conservación de forraxes.

ALIMENTACIÓN

Na sección de ‘Alimentación’ englóbanse tres artigos. No primeiro, por orde de aparición na revista, exponse a seguinte pregunta: ‘Cales son os factores que poden afectar o consumo de concentrado no robot en granxas robotizadas?’ Asínano A. Correa (estudante da Facultade de Veterinaria, USC), Yolanda Trillo (Lely Center Los Corrales), M. Rico (Facultade de Veterinaria, USC) e F. J. Diéguez (Facultade de Veterinaria, USC).

De novo unha pregunta encabeza o seguinte artigo: ‘Teñen as vacas requisitos de amidón?’ A resposta arguméntaa Álvaro D. García, profesor titular da Universidade Estatal de Dakota do Sur (EE.UU.).

O terceiro artigo asínao o consultor nutricionista en vacún leiteiro Adrián González e trata sobre a acidose ruminal subaguda (SARA) e como reducir o seu risco de aparición a través do emprego dos azucres como complemento a niveis medios de amidón nas racións.

AGRICULTURA E MANEXO

No apartado ‘Agricultura’, o xornalista agrario Ángel Pérez ofrécenos un amplo percorrido polo parque actual dos tractores en Galicia, mentres que no de ‘Manexo’ varias profesoras da Facultade de Veterinaria de Lugo (USC) e o director xerente de Africor Lugo analizan que razas bovinas se adaptan mellor para a produción en ecolóxico.

ZONA WELFARE

Outra pregunta –‘Que importancia ten o benestar animal para o consumidor?’– é a que expoñen J. Cantalapiedra, M. Camiña, I. Blanco-Penedo, Y. Trillo e E. Fernández nun dos artigos que integran esta sección. No outro, que asinan os investigadores da área de benestar animal do IRTA Aranzazu Varvaró, Aida Xercavins, Joaquim Pallisera, Antoni Velarde e Antoni Dalmau, explícanse os parámetros da metodoloxía de control Welfair™, que nace con base nos proxectos europeos Welfare Quality® e AWIN®.

INVESTIGACIÓN E SAÚDE PODAL

O profesor do CIFP La Granja Gregorio Salcedo mostra un traballo de investigación no que se estiman os gases de efecto invernadoiro nas explotacións de carne en Cantabria.

Na sección de ‘Saúde Podal’ atoparedes unha reportaxe sobre a International Hoof Health and Welfare Conference, celebrada en Zaragoza do 5 ao 7 de febreiro e na que se debateron as últimas novidades na área de saúde podal.

ACTUALIDADE E A PÉ DE PISTA

Na sección de ‘Actualidade’ atoparedes outra reportaxe sobre a quinta reunión do Dairy 4 Future, un proxecto interrexional no que participa, entre outros, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria. En ‘A Pé de Pista’ recollemos os resultados do certame frisón Swiss Expo 2020 e do celebrado na localidade portuguesa de Ponte de Lima.

OPINIÓN

En Vaca Pinta 15 contamos coa opinión de Alba Álvarez (gandeira asturiana) e de Carlos Neves (secretario xeral da Asociación de Produtores de Leite de Portugal).