ENTREVISTA

B. Vallat: “Protexer á profesión veterinaria no mundo tería que ser prioritario”

Bernard Vallat exerceu durante case dúas décadas a veterinaria en países en vías de desenvolvemento. Posteriormente formou parte do Ministerio de Asuntos Exteriores en Francia, ata que foi elixido director da Organización Mundial de Sanidade Animal (OMSA), posto que ocupou durante 15 anos. Sobre a súa experiencia profesional, así como sobre o consumo de produtos de orixe animal, falounos no noso encontro no World Buiatrics Congress de Madrid, o cal se publicou en Vaca Pinta 34.

Interveu na mesa redonda do WBC sobre omnívoros. Que aspectos trataron?

Tocamos varios paus. Entre eles, abordamos os argumentos dos animalistas para convencer á xente de non consumir produtos de orixe animal, así como as estratexias que seguen e o tipo de accións que se deberían levar a cabo, en contrapartida, para dar información aos consumidores sobre os bene­ cios de criar animais e de consumir os seus produtos.

Ten unha ampla traxectoria profesional traballando en África, onde o veganismo é case inexistente. A que se debe?

A miña experiencia neste continente permíteme ter unha visión moi diferente á dos europeos. Case se podería dicir que a opción de ser vegano ou vexetariano alí vese coma un capricho. En África, consumir, por exemplo, leite ou produtos derivados é un luxo. Eles non se poden permitir comer aos seus animais, senón que os venden para ter efectivo para pagar a escola dos seus ­ llos, para comprar medicamentos... Nestas zonas en vías de desenvolvemento consideran ridículo o comportamento dos países ricos respecto ao consumo de carne.

Son realistas os argumentos dos animalistas para defender o nonconsumo de carne ou lácteos?

Non. Apuntan, primeiro, que os animais teñen os mesmos dereitos que as persoas, motivo polo cal non temos potestade para sacri­ calos para consumir os seus produtos. Apóianse en estudos que eles mesmo ­ nancian, nos que abordan as consecuencias do consumo de produtos de orixe animal para a saúde e a nutrición; pero nós tamén temos estudos para responderlles. Utilizan tamén o cambio climático e o impacto negativo que teñen a agricultura e a gandería no medio ambiente, pero esquecen dicir que os pastos son moi positivos para a captura de carbono, que son unha vantaxe para a biodiversidade, para a natureza.

Nós tamén temos argumentos para defender ao sector agrogandeiro e debemos falar deles. Hai aspectos xurídicos, de saúde e de medio ambiente dos que hai que dar detalles para poder xulgar con propiedade.


“Nas zonas en vías de desenvolvemento consideran ridículo o comportamento dos países ricos respecto ao consumo de carne”

É esta unha tendencia global?

Existen moitas diferenzas no mundo respecto ao comportamento da xente en canto a isto. Europa é o continente onde hai o maior número de partidarios desta tendencia en contra da cría de animais. En América do Norte e do Sur son movementos menos activos, pero están aí. En África e en Asia son prácticamente inexistentes.

O sector da buiatría está a sufrir dalgunha maneira as consecuencias destes movementos?

Por suposto, é algo inevitable. Por exemplo, agora, os estudantes de Veterinaria veñen na súa maioría de zonas urbanas, case o 90 % veñen de cidades. Descoñecen o campo, entran na universidade sen tocar unha vaca na súa vida e é complicado transmitirlles unha cultura que descoñecen, facelos conscientes de que esta é unha actividade positiva para a sociedade. Nese sentido temos unha tarefa pendente. Xa hai facultades de veterinaria que compraron terras con animais e que fomentan que os estudantes vaian traballar neles, e non só tratándoos, senón participando tamén en todo o proceso de produción. Creo que é algo fundamental para capacitar a todos os profesionais da veterinaria do mundo.

Estivo durante 15 anos á fronte da OMSA. En que aspectos fixeron maior fincapé durante o seu tempo no cargo?

En xeral, a xente non presta atención ao feito de que hai un risco sanitario vinculado aos animais, a pesar de que xa tivemos que manexar crises como a das vacas tolas ou a da gripe aviaria. Neses momentos nos que era director da OMSA creo que a sociedade consideraba que se trataba de danos extraordinarios e que o que había que facer era suprimir este tipo de produción para protexer á poboación humana. Traballamos moito a nivel científico e político para explicar que os medios de comunicación tiñan unha estratexia de negocio, porque o medo vende moito, que os levaba a comunicar en negativo, desinformando. Eliminar este tipo de percepcións era, xunto con promover a ciencia e a independencia, algo fundamental.

A OMSA foi a precursora dun concepto do que se está falando moito ultimamente: o One Health. De que maneira interviñeron no seu desenvolvemento?

A OMSA foi a fonte, a orixe do concepto One Health, o cal se desenvolveu xunto con varias universidades dos Estados Unidos. A lema inicial foi “one health, one medicine”, pero finalmente chegouse ao consenso de empregar só “one health”. A OMSA encargouse de comunicar este tema a nivel político, da súa difusión nos ministerios de saúde, porque naquel entón non tiñan nin idea da importancia de traballar cos veterinarios e cos especialistas no medio ambiente. Fixemos un intenso traballo político para conciencialos e finalmente chegamos a asinar un acordo mundial coa OMS e coa FAO para a promoción do concepto. A nivel persoal estiven moi implicado na súa difusión.

Cre que aínda falta implicación a nivel político e institucional para que a sociedade poida chegar a desenvolver unha maior conciencia respecto da súa importancia?

Sempre se pode facer máis. Durante a miña carreira en África, despois como xefe veterinario de Francia e posteriormente na OMSA, unha das miñas prioridades foi convencer da importancia dos veterinarios para velar polo benestar mundial da poboación.

Por exemplo, na OMSA elaboramos un sistema chamado “Proceso PVS”, que realiza unha avaliación da calidade dos servizos veterinarios, da sanidade animal e da saúde pública veterinaria. Un total de 140 países utilizaron de maneira oficial esta ferramenta e, tras empregala, máis de 100 aumentaron os orzamentos para a formación veterinaria e para promover leis que desen máis peso aos coñecementos veterinarios. Creo que esa é a senda que habería que seguir. Protexer á profesión veterinaria no mundo tería que ser prioritario.


UNHA CARREIRA CONTRA A DESIGUALDADE E POLA SAÚDE ÚNICA

O veterinario francés Bernard Vallat empezou a súa carreira profesional en África, onde traballou durante 17 anos en países en vías de desenvolvemento man a man cos médicos para protexer a humanos e animais (fundamentalmente ruminantes como camelos, vacas de cebo e cabras) de enfermidades como a peste bovina, a peripleumonía ou o carbunco. “Tamén traballamos en axudar ás poboacións a sobrevivir en condición de seca, no deserto. Foi unha experiencia moi interesante”, lembra.

Durante este tempo, parte do seu traballo orientouse cara á formación de persoas respecto ao coidado dos seus animais: “Tiñamos recursos internacionais para dispensar vacinas gratuítas e tamén para levar a cabo outras accións cos animais, pero non había servizos veterinarios, entón debiamos capacitar á poboación, a xente que non sabía nin ler nin escribir”. Así pois, Vallat ofreceu formacións moi concretas a persoas con poucos recursos para que puidesen xestionar os seus rabaños. “Isto é básico. Promover accións como estas, que os axuden a ser capaces de encargarse correctamente dos seus animais, é a maneira para que cheguen a ser autosuficientes”.

De volta en Francia, exerceu primeiro o labor de coordinación e cooperación nos países pobres no Ministerio de Asuntos Exteriores galo e posteriormente desempeñou o cargo de xefe veterinario a nivel nacional.

En maio de 2000 foi elixido director xeral da Organización Mundial de Saúde Animal (OMSA), a cal conta con 181 países membros, un posto para o que foi reelixido en dúas ocasións. Desde 2016 é director xeneral honorario da OMSA e na actualidade, xa como xubilado, traballa na promoción do consumo de produtos de orixe animal.