Agromuralla sitúa en 60 céntimos o prezo mínimo de renovación dos contratos lácteos

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla establece o mínimo de venta do leite nos 60 céntimos. Faino a dúas semanas da renovación da maioría dos contratos de compra de leite en Galicia e pedindo aos produtores "que non se deixen influenciar pola estratexia premeditada que están a levar a cabo as industrias para tentar revisar á baixa os contratos que rematan o vindeiro 31 de marzo".

Defenden para isto que os custos de produción seguen á alza, polo que os prezos do leite teñen que manterse nos niveis actuais para que as explotacións poidan facer fronte a estes incrementos e seguir producindo leite.

Segundo os datos facilitados por Agromuralla, en base aos custos reais das súas granxas socias, no último ano productos como os fertilizantes viron triplicado o seu prezo, pasando de 230€/tonelada en xaneiro de 2022 a 900€ a día de hoxe. O mesmo aconteceu co gasóleo, que pasou no mesmo periodo de 0,73 céntimos a 1,32€ (unha suba do 81 %), ou o recibo de autónomos, que se incrementou ata nun 60 %, os pensos (un 31,5 %), os plásticos dos silos (un 31 %), ou a electricidade (un 27 %).

"Se o prezo do leite baixa de 60 céntimos as explotacións deixarán de ser viables", afirman os voceiros da asociación, ao tempo que advirten de que isto podería desencadear nun descarte masivo de vacún leiteiro. "A cabana gandeira non deixou de minguar no último ano, caeu en torno a un 8 %, e sen vacas é imposible que se poida producir leite. Ese é o motivo de que a produción de leite diminuira un 3 % no último ano en España", aseguran.