MARTA ALONSO (LUGO)

“O proxecto ‘Minerais contra o Cancro’ é un reto, pero tamén unha grande oportunidade para ver que a saúde humana e animal están totalmente conectadas

Marta Alonso quería ser arquitecta. De pequena gustáballe o debuxo técnico, aínda que tamén desfrutaba de pasar as fins de semana na granxa dos seus avós, rodeada de animais. Por iso, ao facer as probas de acceso á universidade na Facultade de Veterinaria de Lugo, algo encaixou… e cambiou de plans. Elixiu Veterinaria, e non se arrepinte. Desde entón, o seu camiño estivo moi vinculado a esta facultade: foi alumna, fixo a tese, conseguiu unha bolsa e despois unha praza como docente. “Foi todo moi rodado”, di a protagonista deste #YoSoyCampo de Virbac, ao tempo que destaca que a sorte combinada co traballo duro foron dúas constantes na súa traxectoria laboral. Más en Vaca Pinta 54.

Como profesora e investigadora na Facultade de Veterinaria de Lugo, gran parte do traballo actual de Marta Alonso céntrase na transferencia de coñecemento, a xestión e a investigación en nutrición animal. Estuda o papel dos microminerais na dieta do gando e o seu impacto en procesos clave como o crecemento, a reprodución, a inmunidade ou a protección fronte ao estrés oxidativo. “Son fundamentais para unha produción óptima e para mellorar a saúde e o benestar animal”, subliña. Parte desa investigación trasládase despois ao campo, onde se avalía a súa eficacia en condicións reais.

Ademais, desde hai máis de vinte anos forma parte do panel de expertos da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), onde avalía aditivos utilizados na alimentación animal. “É un traballo en segundo plano”, di, “pero esencial para asegurar produtos seguros, eficientes e respectuosos coa saúde pública e o medio ambiente”.

O ONE HEALTH, MOI PRESENTE DESDE OS SEUS INICIOS

O One Health [“Unha soa saúde”] naceu vinculado ás enfermidades zoonóticas, coa necesidade de traballar de forma coordinada entre a medicina humana e a veterinaria. Pero hoxe, explica Alonso, ese enfoque ampliouse: “É unha visión holística que inclúe saúde, sostibilidade, benestar animal, medio ambiente e tamén aspectos sociais e económicos”. Segundo a súa experiencia, considera que os veterinarios e outros profesionais do sector primario, coma os enxeñeiros agrónomos, están especialmente concienciados con este enfoque porque coñecen mellor todo o ciclo: desde a orixe ata as persoas.

Esta é unha visión que incorporou moi cedo. Durante a súa tese de doutoramento, traballou cun equipo multidisciplinar e foi aí onde entendeu que o seu labor non só afectaba á saúde animal, senón tamén aos consumidores e ao medio ambiente. “Deime conta de que podía achegar algo valioso que outros perfís non tiñan”, lembra. Desde entón, defende o traballo conxunto con profesionais de distintos ámbitos. “É imposible saber de todo, pero si podes rodearte de quen sabe”. Para ela, o obxectivo está claro: protexer a saúde dos animais, das persoas e do planeta, e sempre desde unha perspectiva integrada e colaborativa.

O BONITO DA PROFESIÓN VETERINARIA

Conta esta investigadora que, para ela, o máis valioso da profesión veterinaria é o seu impacto, moito máis amplo do que a sociedade adoita percibir. “Estamos presentes desde a granxa ata a mesa”, explica. Desde o nacemento dos animais ata o control sanitario en matadoiros, lonxas, supermercados ou restaurantes, os veterinarios garanten a seguridade alimentaria e velan polo benestar animal. “Tamén estamos nos aeroportos, regulando o que se importa”, engade. Porén, recoñece que gran parte deste labor pasa desapercibido: “O público valórao cando o coñece, pero moitas veces non sabe ata onde chegamos”.

Alén do técnico, tamén hai unha dimensión vocacional. Marta defende o traballo no medio rural coma unha opción con calidade de vida. “Se che gusta a natureza e o contacto coa xente do campo, vas gozalo. É un ambiente san, con menos estrés”, sinala. Cre que moitas persoas descobren ese estilo de vida unha vez que están dentro da carreira, mesmo os que empezaron pensando en dedicarse só a animais de compañía. Fronte aos tópicos, subliña a diversidade do sector: “O veterinario de mascotas é só unha pequena parte. Estamos en moitos máis sitios dos que se podería imaxinar”.

 

MINERAIS CONTRA O CANCRO: ASÍ AXUDA O LABOR VETERINARIO Á SAÚDE HUMANA

Marta Alonso lidera “Minerais contra o Cancro”, un proxecto pioneiro que estuda o papel dos microminerais, especialmente o selenio e o zinc, na prevención e evolución de distintos tipos de cancro. Tras anos investigando carencias nutricionais no gando, o seu equipo constatou un paralelismo abraiante entre os déficits minerais en animais e en humanos. “A primeira fase do proxecto consistiu en establecer os rangos de microminerais na poboación sa e, efectivamente, vimos niveis moi baixos de selenio”, explica Alonso. Esta carencia asóciase cun peor prognóstico en pacientes oncolóxicos, como demostran estudos recentes en Europa, onde se correlacionaron niveis baixos de selenio cunha maior mortalidade por cancro e enfermidades cardiovasculares, entre outras.

FOMENTAR O CONSUMO DE PEIXE, FROITOS SECOS E LEGUMES

O proxecto xa identificou perfís especialmente vulnerables, como as persoas maiores, con déficits bastante xeneralizados de selenio. “Incrementar os seus niveis melloraría as súas defensas, o envellecemento celular e a súa resistencia ás infeccións”, sinala. Tamén se atopou unha relación estatística clara entre o consumo de peixe, froitos secos e legumes cun mellor status mineral. A graxa, en cambio, vincúlase cunha menor absorción de selenio, posiblemente polo seu impacto sobre o microbioma intestinal, clave neste proceso.

Actualmente, o equipo desenvolveu unha ferramenta de cribado dietético simplificado para detectar persoas con risco de déficit. En paralelo, estudan xa pacientes con cancro de mama en fase posmenopáusica, nas que se observa unha interacción clara entre niveis minerais, evolución do microbioma intestinal e eficacia do tratamento. “Queremos ver como evoluciona o status de microminerais ao longo da enfermidade e a súa relación coas recaídas e o prognóstico. É un estudo clínico con seguimento a cinco anos e protocolos aprobados polo comité de bioética”, explica. As extraccións de sangue intégranse nos controis rutineiros e permiten facer un seguimento sen xerar cargas adicionais ás pacientes.

UN PROXECTO CON POTENCIAL PARA AMPLIARSE NO FUTURO

O proxecto conta cun equipo multidisciplinar formado por veterinarios, oncólogos, especialistas en microbioma intestinal, estatísticos e unha enfermeira cuxa tese sentou as bases da iniciativa. Empregan análises multivariantes e técnicas de intelixencia artificial para obter o máximo rendemento dos datos. “Coa infraestrutura actual poderiamos implementar de inmediato a análise do status mineral en pacientes, como parte dos seus estudos bioquímicos habituais”, afirma Alonso. O obxectivo sería ofrecer recomendacións dietéticas personalizadas ou suplementación axeitada cando sexa necesario.

O potencial do enfoque é enorme. O equipo traballa tamén en paralelo en casos de animais con demencia e enfermidades neurodexenerativas, nos que se observa unha relación significativa entre desequilibrios minerais e deterioración cognitiva. “Non imos resolver un problema oncolóxico cos minerais, pero si podemos contribuír a reducir a inflamación, os danos oxidativos e reforzar o sistema inmune. É un reto, pero tamén unha grande oportunidade para ver que a saúde humana e animal están totalmente conectadas. Ao fin e ao cabo, debemos entender a saúde como o que é: unha soa saúde global”.