Nesta gandería situada en Oliana, provincia de Lleida, moxen 480 cabezas con 8 Lely Astronaut A5 en tráfico libre e 1.100 nunha sala rotativa. Ademais, dispoñen de 200 vacas secas e 120 xovencas de preparto. O número medio de muxidos diarios en Cal Espinal supera actualmente os tres, cunha produción de arredor de 50 litros por vaca e día.
Nun primeiro momento instalaron catro máquinas, coas cales se sentiron satisfeitos: “Os primeiros días parecéronnos un pouco difíciles, tanto polo gando coma por nós, porque había que estar moi pendentes, pero, ás dúas ou tres semanas, todo comezou a ir perfecto”, explica Joan Angrill, un dos socios desta granxa familiar.
Nos parques onde comezaron a traballar cos A5 implementaron, ademais, outros cambios, como a colocación de camas de area. Con todas as modificacións, percibiron un incremento no volume de produción e unha mellora na tranquilidade dos exemplares, que agradecen o cambio do sistema de muxido. Posteriormente, adquiriron outras catro unidades noutros dous patios, tamén con camas de area e resultados moi similares.
Angrill asegura que están realmente contentos co novo sistema. De feito, a intención dos socios de Cal Espinal é colocar pronto outros catro Lely Astronaut nas súas instalacións.
A entrega da vaca roxa
Steven Lorent, responsable de vendas no clúster Francia-Iberia de Lely, estivo presente no momento da entrega da mítica vaca roxa de Lely aos socios do negocio. Esta simboliza que Cal Espinal se converteu nunha granxa XL, con oito robots de muxido en funcionamento: “Como podemos observar, temos a estampa dunha gandería moderna cun sistema robotizado que encaixa á perfección coa visión de Lely”, asevera Lorent.
O primeiro piar que a firma holandesa considera imprescindible nunha granxa Lely, como é Cal Espinal, é o benestar animal. Steven Lorent argumenta que “estamos convencidos de que a circulación libre é o mellor sistema para a vaca. Hai menos estrés nos exemplares e maior produción de leite”. En segundo lugar, viría o benestar do gandeiro, o cal redunda na diminución de tarefas repetitivas e en facilitarlle o traballo para que poida gozar de máis tempo libre. O terceiro punto céntrase na eficiencia do negocio: “Buscamos reducir os custos, aumentar a rendibilidade e detectar os problemas de saúde que sofren as vacas a tempo. Coa monitorización do rabaño podemos continuar innovando e tentar obter máis información sobre a saúde dos exemplares, para anticiparnos ante calquera posible problema. Tamén estamos investindo en intelixencia artificial para prepararnos para o futuro”, expresa Lorent. Por último, desde a compañía apuntan que buscan ser máis sostibles grazas ao tráfico libre, “o que é fundamental para coidar do planeta”.
Steven Lorent puntualiza que Cal Espinal é un excelente exemplo para comparar e ver as diferenzas entre unha rotativa e o sistema de robot de muxido Lely con tráfico libre.
Importantes vantaxes co tráfico libre e o muxido robotizado
José Alberto Sicilia, veterinario responsable da granxa, traballa en Cal Espinal desde hai 17 anos.
Cando comezaron cos catro primeiros Astronaut, fixérono en dous patios de 120 primíparas cada un. Tras o período de adaptación, comezaron a traballar de forma autónoma: “A día de hoxe, neses dous parques xa só entramos para inseminar ou para algún tema de manexo”, narra Sicilia.
Actualmente, contan con dous patios robotizados máis. Nun sitúanse 120 primíparas e, noutro, 120 animais de segundo parto. En ambos atópanse en fase de adaptación.
Cabe destacar que na época estival apenas notaron unha baixada de produción de leite nos lotes con muxido robotizado e tráfico libre. “Mantivéronse durante todo o verán entre 40 e 42 kg. Como moito, diminuíu 1 kg de leite”, comenta o veterinario, que engade que as condicións da nave son óptimas e que as xovencas manteñen mellor a lactación. “Aquí entendemos que o confort da vaca é moito maior: descansa máis e come mellor. Ademais, non tivemos problemas de accidentes desde que trasladamos estes animais”, agrega.
Na sala rotativa realizan tres muxidos ao día, mentres que cos Astronaut e o tráfico libre se obtén unha media de muxidos superior, entre 3,3 e 3,4, sen ter que arrimar case ningún animal, tal como relata José Alberto Sicilia: “Móxense cando queren e nós apenas intervimos. Permanecen máis tempo deitadas, teñen bo acceso ao robot e adaptáronse moi rápido, polo que a experiencia está a ser moi positiva”.
Tamén percibiron beneficios relacionados coa fertilidade e a alimentación dos animais. En canto a esta última, non observaron gran perda de condición corporal nas vacas a pesar de ser moi produtoras. José Alberto Sicilia declara que “a perda de condición corporal é moito menor que cando teñen unha única ración e comen todas o mesmo. Co punteo do robot queda moito máis compensado”.
As grandes beneficiarias do tráfico libre, en opinión de Sicilia, son as vacas: “Para o gandeiro, se o sistema se xestiona ben, chega un momento no que se converte en algo practicamente autónomo e ti non interfires. De feito, aquí creo que unha soa persoa pode manexar 480 cabezas, que é a idea de todo este núcleo”, conclúe.