Nas seguintes liñas, os investigadores J.A. Hernández-Malagón, R. Muíño e M. Camiña (Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela); C. Rodríguez (Deputación de Lugo); E. López (Innogando); M.E. Rodríguez e J. Cantalapiedra (Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia), e P. Vaz (Escola Agraria Superior de Ponte de Lima) analizan as características e sintomatoloxía desta enfermidade, e ofrecen algunhas recomendacións para a súa prevención e control.
A enfermidade nodular cutánea bovina [en inglés, Lumpy Skin Disease ou LSD], tamén coñecida como dermatite nodular contaxiosa (DNC), é unha enfermidade vírica que lles afecta principalmente aos bovinos. O virus transmítese principalmente por mosquitos, táaáns e outros insectos hematófagos, e, en menor medida, polo contacto directo con secrecións nasais, saliva, leite e lesións cutáneas de animais infectados.
Presente de forma habitual en moitos países da África subsahariana, na última década espallouse a Oriente Medio, os Balcáns e Europa sudoriental (Grecia e Bulgaria). Nos últimos anos notificáronse brotes en varios países da contorna, como Francia e Italia, e recentemente confirmáronse focos en España, todos eles na provincia de Xirona (Cataluña). Dada a rápida capacidade de propagación do virus e as graves consecuencias económicas que pode ter para o sector bovino, resulta esencial manter un alto nivel de prevención, alerta e vixilancia por parte dos gandeiros e dos servizos veterinarios oficiais.
É importante aclarar que esta patoloxía non é unha zoonose e, polo tanto, non se transmite ás persoas, nin por contacto directo cos animais nin polo consumo de produtos de orixe animal (leite ou carne).
CAUSA, HOSPEDADORES E EVOLUCIÓN DA DOENZA
A enfermidade nodular cutánea bovina está causada por un virus do xénero Capripoxvirus, da familia Poxviridae, á que tamén pertencen os virus da varíola ovina e caprina. É un virus moi resistente, capaz de sobrevivir no ambiente durante períodos de ata 35 días, mesmo en crostas secas desprendidas da pel dos animais. Por este motivo, a limpeza e desinfección rutineira nas explotacións son fundamentais na prevención desta enfermidade. En estudos realizados de forma experimental en condicións de campo, determinouse un período de incubación de 1 a 5 semanas, aparecendo os primeiros síntomas de febre entre os días 6 e 9, e as primeiras lesións cutáneas no lugar da inoculación entre os días 4 e 20 (CFSPH, 2009).
Os principais hospedadores son os bovinos (Bos taurus e Bos indicus) e o búfalo de auga (Bubalus bubalis), aínda que tamén foron declarados casos de xeito puntual en órices (Oryx beisa), xirafas (Giraffa) e impalas (Aepyceros melampus).
Na Unión Europea (UE) está catalogada coma unha enfermidade de declaración obrigatoria (EDO de categoría A), o que significa que, no caso de aparición dalgún foco, se deberán aplicar medidas de erradicación, control de movementos (MAPA, 2025) e vixilancia epidemiolóxica, tal e como se recolle nos Regulamentos da UE 2016/429 e 2020/2002.
A incidencia, sintomatoloxía e gravidade desta enfermidade son moi variables e dependen de múltiples factores, coma as condicións climatolóxicas e de bioseguridade, o control de vectores, as vías de inoculación, a limpeza, a susceptibilidade do hóspede, a raza, a idade e a orientación produtiva, entre outros. En xeral, aparecen máis casos en climas húmidos e cálidos, e teñen maior susceptibilidade os xatos, as vacas en período de lactación, o gando vacún de orientación leiteira e os bovinos europeos (Bos taurus).
A mortalidade adoita ser baixa, inferior ao 3 %, aínda que nalgúns brotes excepcionais se rexistraron valores de ata o 20 %. A recuperación dos animais adoita ser lenta, afectando considerablemente a súa produción, e moitos quedan con cicatrices profundas na pel, o que reduce o valor comercial das peles.
SIGNOS CLÍNICOS
Os signos clínicos (táboa 1) poden variar moito, desde animais que apenas amosan síntomas na inspección visual ata casos graves moito máis evidentes.
O primeiro signo adoita ser a febre alta (40-41 ºC), que aparece aos poucos días da infección. Pouco despois do inicio da febre, e xeralmente entre os días 7 e 19 tras a infección, aparecen nódulos na pel e nas mucosas.
Son lesións firmes, ben delimitadas, de superficie plana e de 1 a 7 cm de diámetro, que poden observarse en distintas zonas do corpo (figura 1).
Estes nódulos poden supurar e necrosarse no centro, formando unhas costras duras e afundidas, moi adheridas á pel e ao músculo. Estas lesións, coñecidas como sit-fasts, son características da enfermidade e, ao desprenderse, poden deixar cicatrices profundas. Con frecuencia, este proceso complícase coa aparición de infeccións bacterianas secundarias, ulceracións nas mucosas e ubres, e inflamación dos ganglios linfáticos.
Táboa 1. Resumo dos síntomas en gando bovino da dermatose nodular contaxiosa
|
• Febre alta (40-41 °C) |
|
• Diminución do apetito e abatemento |
|
• Aparición de nódulos firmes (1-7 cm) na pel e nas mucosas |
|
• Lesións ulcerativas en boca, nariz e xenitais |
|
• Secreción nasal e ocular, linfadenite |
|
• En casos graves: perda de peso, baixada na produción, abortos ou infertilidade |
Figura 1

Figura 2. Localización habitual dos nódulos

Foto 1. Nódulos repartidos por o corpo | Foto 2. Nódulos en cabeza e pescozo | Foto 3. Nódulo roto, con úlcera, no ubre
Fotografías: Tsviatko Alexandrov, obtidas da base de datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA)
Se as lesións afectan aos pulmóns ou á traquea, poden aparecer pneumonías.
Na cabeza é común observar secrecións nasais e oculares que, ao principio, son serosas e despois derivan en mucopurulentas. Tamén poden darse rinite, conxuntivite e queratite. As coxeiras, se aparecen, adoitan deberse á inflamación e necrose dos tendóns ou ao edema nas patas.
O aparato reprodutor tamén pode verse afectado, o que provoca diminución da fertilidade, con abortos nas femias e esterilidade nos machos.
Todo isto repercute no estado xeral dos animais, que sofren perda de apetito, adelgazamento e caída da produción de leite e carne.
DIAGNÓSTICO
A sospeita clínica da enfermidade baséase na presenza de febre, nódulos típicos na pel e nas mucosas e inflamación dos ganglios linfáticos superficiais. Estes signos permiten ao veterinario identificar rapidamente un posible caso.
Porén, hai outras enfermidades que poden provocar lesións semellantes, como a hipodermose (larvas baixo a pel), estomatite papular, mamite nodular, infeccións por fungos ou bacterias, reaccións a picadas de insectos ou carrachas, besnoitiose ou mesmo a tuberculose cutánea. Por este motivo, a confirmación definitiva desta patoloxía realízase sempre no laboratorio, mediante probas específicas como a PCR, o illamento do virus ou a seroloxía.
CONTROL DA ENFERMIDADE
Actualmente non existe un tratamento terapéutico específico para esta enfermidade, aínda que existen no mercado vacinas vivas atenuadas contra este virus. A profilaxe baséase na implementación de medidas que impidan a introdución da enfermidade desde o exterior e a diseminación da enfermidade unha vez detectada, apoiándose no control dos desprazamentos dos animais vivos e co fortalecemento do sistema de diagnóstico e información epidemiolóxica en tempo real.
As principais medidas establecidas polo MAPA inclúen:
• Control do movemento de animais e inspección das explotacións.
• Detección e confirmación da enfermidade no laboratorio no menor tempo posible.
• Denuncia ás autoridades competentes de todos os casos declarados sospeitosos.
• Identificación rápida das explotacións, produtos, matadoiros e outras instalacións potencialmente infectadas.
• Limpeza e desinfección dos transportes.
• Illamento e sacrificio dos animais infectados e susceptibles de contraer a enfermidade, seguido de desinfección e baleiro sanitario das explotacións afectadas.
Dependendo da situación epidemiolóxica, poderíase optar polo sacrificio parcial dos animais clínicamente afectados.
• Establecemento de zonas de protección e vixilancia onde se poñan en funcionamento medidas específicas de control da enfermidade: limitación do movemento de animais, seguimento clínico, toma de mostras etc.
•Vacinación de urxencia nos casos que sexa necesario debido á situación epidemiolóxica, densidade de poboación etc., tanto para o control do brote nas zonas afectadas coma para a prevención de poboacións de animais susceptibles en zonas libres con risco de entrada da enfermidade.
CONCLUSIÓN
Para rematar, debemos lembrarlles a todos os sectores implicados que a enfermidade nodular cutánea bovina supón unha ameaza real para as nosas explotacións, polo que debemos insistir na prevención e na aplicación de medidas de bioseguridade e control de entrada e saída dos animais para evitar a súa aparición.
NOTA DOS AUTORES
A situación epidemiolóxica actualizada desta enfermidade pódese consultar na páxina web do MAPA
BIBLIOGRAFÍA
European Food Safety Authority-EFSA | UE, 2021. Lumpy skin disease. 2021. Dispoñible en https://www.efsa.europa.eu/en/topics/topic/lumpy-skin-disease (último acceso 24/09/2025).
Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación Goberno de España, Dermatosis nodular contagiosa. Dispoñible en https://www.mapa.gob.es/es/ganaderia/temas/sanidad-animal-higiene-ganadera/sanidad-animal/enfermedades/dermatosis-nodular-contagiosa/dermatosis_nodular_cont (último acceso 24/09/2025).
The Center for Food Security and Public Health: CFSPH ISU, Dermatosis Nodular Contagiosa. CFSPH-español. Dispoñble en https://www.cfsph.iastate.edu/es/enfermedades/disease/?disease=lumpy-skin-disease&lang=es (último acceso 24/09/2025).
UE (2016). Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo de 2016, relativo ás enfermidades transmisibles dos animais e polo que se modifican ou derrogan algúns actos en materia de sanidade animal (“Lexislación sobre sanidade animal”). A DNC inclúese no Anexo II como unha das enfermidades obxecto de aplicación do Regulamento.
UE (2018). Regulamento de Execución (UE) 2018/1882 da Comisión, do 3 de decembro de 2018, relativo á aplicación de determinadas normas de prevención e control a categorías de enfermidades enumeradas na lista e polo que se establece unha lista de especies e grupos de especies que supoñen un risco considerable para a propagación da devandita enfermidade da lista. A DNC aparece categorizada como A+D+E, sendo por tanto de aplicación medidas inmediatas para a súa erradicación ante a súa detección, medidas de prevención durante os movementos e medidas de vixilancia.
UE (2020). Regulamento delegado (UE) 2020/687 da Comisión, do 17 de decembro de 2019, polo que se completa o Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello no referente ás normas relativas á prevención e control de determinadas enfermidades da lista.
UE (2020). Regulamento delegado (UE) 2020/688 da Comisión, do 17 de decembro de 2019, polo que se completa o Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello no referente aos requisitos zoosanitarios para os desprazamentos dentro da Unión de animais terrestres e de ovos para incubar.
UE (2020). Regulamento delegado (UE) 2020/689 da Comisión, do 17 de decembro de 2019, polo que se completa o Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello no referente ás normas de vixilancia, os programas de erradicación e o estatus de libre de enfermidade con respecto a determinadas enfermidades da lista e enfermidades emerxentes.
UE (2020). Regulamento delegado (UE) 2020/692 da Comisión, do 30 de xaneiro de 2020, que contempla o Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello no referente ás normas para a entrada na Unión, e para o desprazamento e a manipulación tras a entrada, das partidas de determinados animais, produtos reprodutivos e produtos de orixe animal.
UE (2020). Regulamento de Execución (UE) 2020/2002 da Comisión, do 7 de decembro de 2020, polo que se establecen normas de desenvolvemento do Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello relativas á notificación á Unión e ao envío de informes á Unión sobre enfermidades da lista, ao sistema informático de información, así como aos formatos e os procedementos de presentación e envío de informes relacionados cos programas de vixilancia e erradicación da Unión e coa solicitude de recoñecemento do estatus de libre de enfermidade.
UE (2023). Regulamento delegado (UE) 2023/361 da Comisión, do 28 de novembro de 2022, polo que se completa o Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello no referente ás normas de uso de certos medicamentos veterinarios a efectos de prevención e control de determinadas enfermidades da lista (1).