Lectura da saúde das vacas a través dos datos de control leiteiro

Sobre as múltiples posibilidades que ofrece a avaliación do perfil de ácidos graxos no leite conversan os investigadores Aurélien Thery e Ramiro Fouz neste artigo publicado en Vaca Pinta 41.

No marco do Congreso Anembe deste ano, tivo lugar un simposio sobre nutrición e produción en gando leiteiro no que un dos oradores foi o enxeñeiro de desenvolvemento de ruminantes de Valorex Aurélien Thery, que presentou un novo produto baseado en sementes de liño seleccionadas polo seu contido en omega-3.

Un dos aspectos máis importantes para conseguir a mellor eficiencia alimentaria é lograr unha redución do metano que producen as vacas. Neste sentido, apunta o francés, o produto que desenvolveron actúa seleccionando a flora ruminal e potenciando máis propiónico e non tanto acético e butírico, o que permite baixar as emisións de metano, á vez que se aumenta a produción grazas á ganancia acadada.

CÁLCULO DE METANO A TRAVÉS DO LEITE
Galicia é pioneira na análise de ácidos graxos directamente no leite, labor que realiza o control leiteiro. A través deste, estímase a emisión de metano que están a producir as vacas con base nesa configuración de ácidos graxos. 

“As aproximacións que realizamos agora son moito máis próximas á realidade porque teñen en conta todos os ácidos graxos presentes no leite”, sinala Thery. Empregan os datos que facilita o control leiteiro ao respecto para calcular a produción de metano, o que á vez permite controlar como está a ser a fermentación no rume. 


 “Á hora de medir os efectos dos nosos produtos é moi importante ter a información en canto a enerxía e proteína, pero tamén poder ler a saúde dese animal no leite”

Thery participou no seu momento, xunto con outros investigadores como o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Ramiro Fouz, nun programa apoiado pola Unión Europea para desenvolver un programa en varios países de Europa, entre eles España, cuxo obxectivo era medir os ácidos graxos. “Empregamos os datos que nos proporcionou o control leiteiro para calcular o metano, tamén medimos este de maneira física e fixemos unha correlación que nos facilitou validar a ecuación que usamos. Todo isto non o poderiamos levar a cabo sen o labor do control leiteiro en Galicia”, remarca.

Este proceso estase implementando de maneira sistemática, conta Fouz. “Cada vez que se realiza o control leiteiro, faise unha estimación en todas as vacas, sobre todo a partir do palmítico, que é o ácido graxo que máis se correlaciona coa produción de metano”. O obxectivo inicial e central tras a posta en marcha deste proceso, explica, radicaba en axudar ao gandeiro a concienciarse de que é un produtor de gases de efecto invernadoiro “e, sobre todo, proporcionarlle unha ferramenta para que vexa como calquera cambio no manexo da súa granxa pode facer que vaia cambiando mes a mes esa produción de metano; en definitiva, que comprobe el mesmo como pode ser máis ou menos eficiente neste sentido”, destaca. 

Son datos moi necesarios, valora o francés. “Á hora de medir os efectos dos nosos produtos é moi importante ter esta información en canto ao equilibrio nutricional entre enerxía e proteína, pero tamén, máis aló diso, poder ler a saúde dese animal no leite, porque sabemos que unha vaca sa presenta un correcto perfil de ácidos graxos no leite”, explica o enxeñeiro de Valorex. 

Ademais, esta información tamén se está empregando para coñecer a porcentaxe de ácidos graxos de novo e preformados. “En función da súa orixe podemos establecer tamén unhas estimacións para ver a saúde ruminal”, apunta Fouz, quen engade que é interesante tratar de que as vacas produzan moita graxa e que esta teña unha alta porcentaxe de ácidos graxos de novo, porque a presenza destes se correlaciona directamente con como está a funcionar o rume. “Se queremos que unha vaca dea moito leite debe ter saúde ruminal”, lembra.

Así mesmo, todo isto impacta na cantidade de graxa: se no rume da vaca non hai unha ruminación suficiente, non produce graxa. “Ao final, desta maneira estamos a lograr traballar cun amplo abanico de parámetros que antes non se podían medir, así que se podería dicir que xa non só a saúde ruminal, senón tamén a metabólica, se poden ler no leite”, aseveran estes investigadores.  


CLASIFICACIÓN DE ÁCIDOS GRAXOS

Os ácidos graxos do leite pódense clasificar segundo a súa orixe en "de novo", "preformados" ou "mixtos". Os de novo proceden dos ácidos graxos que se sintetizan na glándula mamaria, os preformados veñen directamente do alimento ou da mobilización da graxa corporal e os mixtos teñen ambas as orixes.

Así, dada a súa procedencia, unha baixa porcentaxe de de novo correlaciona cun mal funcionamento ruminal e unha alta porcentaxe de preformados tras o parto correlaciona co feito de que a vaca estea a perder moita condición corporal.