O LEITE

A información pseudocientífica nesgada, a outra inimiga do sector

A carne vermella produce cancro. O sector produtor é o culpable da fame no mundo. A gandería é a principal causante do quecemento global. Os animais son máis contaminantes que a industria do transporte. Sobre estas mentiras e verdades a medias conversamos en Vaca Pinta 40 co investigador Francisco Javier Giráldez.

Na última edición do Congreso Anembe, celebrado en maio en León, quíxose poñer o foco sobre a problemática que xorde por mor de informacións pseudocientíficas que empregan os medios para defender ideas como, por exemplo, o impacto da gandería na emisión de gases de efecto invernadoiro e a repercusión do consumo de carne vermella na incidencia do cancro de colon.

Para desmontar estas falacias, contaron coa exposición do doutor Francisco Javier Giráldez, experto en nutrición de ruminantes e membro do Instituto de Gandería de Montaña, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Universidade de León. Durante a súa carreira, Giráldez centrouse en aspectos referentes ao rendemento produtivo dos animais, á calidade dos produtos derivados (carne e leite), ao benestar animal e ao impacto ambiental que carrexa este sector.


Giráldez é especialmente crítico coas publicacións que empregan datos nesgados para fomentar o medo entre a poboación

De maneira máis concreta, durante a súa intervención no congreso este investigador analizou as evidencias científicas que hai respecto de temas especialmente controvertidos na actualidade, como son a relación entre a gandería e o impacto ambiental no que se refire ás emisións de gases de efecto invernadoiro; a conexión que algunhas organizacións establecen entre a gandería e a competencia polos recursos co home (consideran que a gandería é responsable dunha parte importante da fame no mundo), e a ligazón entre o consumo de carne e a saúde (e de forma máis específica a relación que existe o entre consumo de carne vermella e cancro de colon).

“O meu obxectivo foi reflexionar sobre as evidencias científicas que existen en relación con estes temas para separar o que é ciencia de opinión. Creo que é moi importante, xa que en determinadas informacións úsanse datos nesgados e estase dando unha mensaxe que non está amparada por evidencias científicas; en ocasións utilízanse de forma moi parcial os datos”, advirte Giráldez.


 “En determinadas informacións úsanse datos nesgados e estase dando unha mensaxe que non está amparada por evidencias científicas”

GANDERÍA E QUECEMENTO GLOBAL

“No que se refire ao peso da gandería no total da actividade antropoxénica a verdade é que os valores ás veces son moi parciais”, sinala. “Por exemplo, nos anos 2006 e 2013 a FAO publicou unha serie de documentos que establecían que as emisións de gases relacionadas coa gandería oscilaban entre o 18 e o 14,5 %; o problema é que no seu momento fixeron unha comparación moi inadecuada: dixeron que as emisións debidas ao gando eran maiores que as de transporte e iso, obviamente, é unha interpretación inapropiada”, aclara.

Por outra banda, e xa centrados no caso español, Giráldez avaliou como de relevantes son a nivel mundial as emisións de ruminantes derivadas do censo gandeiro do país: “Os datos reflicten que a redución da nosa gandería contribuiría moi pouco a rebaixar as emisións a nivel mundial porque temos un censo moi pequeno –ao redor de seis millóns de vacas e preto de 19.000.000 cabezas entre gando ovino e caprino.

A cuestión, apunta este experto, está en que non se debe magnificar o problema e que hai que ter en conta, en primeiro lugar, a certeza das evidencias e, despois, analizar vantaxes e inconvenientes: “A gandería ten moitas bondades, logo hai que tomar as medidas con cautela e tentando que o beneficio supere ao prexuízo”.

Por outra banda, para facer comparacións como a da FAO é esencial que se teña en conta todo o ciclo produtivo. No caso do sector lácteo, isto incluiría o cambio do uso da terra como primeira etapa, o balance de carbono dos cultivos, as emisións relacionadas co transporte, o procesado dos cereais nas fábricas, as emisións dos animais en granxa e a transformación e transporte do leite ata a súa chegada aos lineais do supermercado.

“No caso do gando vacún si se fixeron todas estas estimacións, pero co transporte só se tiveron en conta as emisións derivadas do uso dos vehículos”. Para facer unha comparativa xusta, no transporte teríanse que valorar tamén as emisións realizadas na produción de coches (aluminio, plástico, caucho, pinturas…), as do propio proceso de fabricación, as que supoñen o transporte deses vehículos, o impacto que se produce cando se utilizan e, por último, aquelas relacionadas coa súa recollida e reciclado ao final da súa vida útil.

“A FAO cometeu un erro metodolóxico, pero, de calquera xeito, creo que non ten ningún sentido comparar sectores”, puntualiza este investigador. “O interesante é facerlle seguimento ao longo do tempo para ver se mellora, ou analizalo en diferentes países; as comparativas entre sectores non teñen sentido ningún”, desbota. “Se a gandería contamina, o que temos que facer é tentar mellorar o sistema para que contamine menos e deixarnos de sinalar os que son máis contaminantes ca nós; iso non axuda en nada”.

OS DATOS DO INVENTARIO NACIONAL DE GASES DE EFECTO INVERNADOIRO
O Ministerio de Transición Ecolóxica publica anualmente o Inventario Nacional de Gases de Efecto Invernadoiro, no que están distribuídas todas as emisións estimadas por sector e por actividade. “Cando colles os datos asepticamente e os comparas, ves que as emisións de transporte representan ao redor do 30 % do total a nivel nacional, mentres que as de gando son menos do 10 %, co cal creo que non fai falta comentar nada máis”, subliña Giráldez. 

A COMPETENCIA DE RECURSOS

Falando da competencia de recursos incide Giráldez na importancia de facer fincapé no que é opinión e o que é evidencia científica. “Hai moitísimas ONG que falan do concepto de “alimentación xusta”; tamén o fan algúns partidos políticos e, por mor disto, desenvolveuse un discurso moi negativo cara á gandería”, lamenta.

Nalgúns casos relacionouse a gandería coa fame no mundo e considérase que se está utilizando a maior parte do alimento que se produce a nivel global (millo, trigo, centeo, cebada, colza, soia, arroz…) para a alimentación animal, no canto de ser utilizado directamente para alimentación humana. “Polo tanto, segundo eles, se se empregase para alimentación humana sería máis eficiente porque para producir un quilo de carne de calquera especie necesitamos moitos quilos de cereal”. Esgrimen o argumento de que se se reducise a produción animal e se utilizase alimentación vexetal directamente para consumo humano acabaríase coa fame no mundo.

“Nesa formulación están a mesturarse verdades con mentiras. Por exemplo, defenden que dous terzos da superficie agrícola mundial se usan para alimentación animal, e iso é verdade, pero non implica que a maior parte da produción de alimento que se produce sexa para alimentación animal”, aclara o investigador.

Para dar co porqué non fai falta afondar demasiado: do total de superficie agrícola dispoñible no mundo, non toda é adecuada para o cultivo polas características do chan. Existen moitas áreas que, pola súa orografía, só poden ser utilizadas para producir alimento para gando de forma natural, pero non para cultivos. “Considérase que, de toda a superficie agrícola do planeta, só un 40 % é apto para o cultivo e, desta porcentaxe, só un 31 % se usa para alimentación animal; o resto resérvase para consumo humano”, sinala Giráldez.


 “Se a gandería contamina, o que temos que facer é tentar mellorar o sistema para que contamine menos e deixarnos de sinalar os que son máis contaminantes ca nós”

Ademais, apunta que a realidade é que a porcentaxe de cereais empregada para alimentación animal está por baixo do 25 %; a gran maioría destínase a consumo humano. “Se se utilizan 2.700 millóns de toneladas de cereais ao ano, máis de dous mil millóns de toneladas úsanse para consumo humano, é dicir, a maior parte e, se facemos o cálculo, podemos ver que nos sobraría para alimentar a toda a poboación mundial, co cal non se pode atribuír a fame no mundo á gandería”, afirma.

As causas son outras. A primeira, que os alimentos se empregan en moitas ocasións como activo financeiro e/ou como arma de guerra. En segundo lugar, a situación de desequilibrio a nivel mundial: nestes momentos hai máis poboación con sobrepeso e obesa que desnutrida (estímase que hai ao redor de 800 millóns de persoas con desnutrición, fronte aos máis de dous mil millóns con problemas de sobrepeso e obesidade). O terceiro factor clave é o destino do alimento, xa que unha cantidade moi destacada non se dedica á alimentación, senón á obtención de produtos como bioetanol, biodiésel, cervexa… O cuarto e último factor é o malgasto: cada ano refúganse máis de 900 millóns de toneladas de alimentos, isto é, sete veces o que se necesitaría para acabar coa fame no mundo.


De toda a superficie agrícola do planeta, só un 40 % é apto para o cultivo

A REGRA DOS TRES C COMO FILTRO ANTE A PSEUDOINFORMACIÓN

Outro aspecto tratado, en relación cunha publicación en redes do Partido Animalista co Medio Ambiente (PACMA) na que se dicía que a carne vermella é igual de canceríxena que o amianto e o tabaco segundo a OMS, foi a relación entre o consumo de carne e a tendencia ao desenvolvemento deste tipo de enfermidade. “Esta información é obviamente falsa. Primeiro, porque a carne vermella foi clasificada como “probablemente canceríxena”, non como “canceríxena”, e segundo, porque se nos referimos a risco relativo, este sería moito menor ao do tabaco ou ao do amianto”, detalla o relator.  

“Eu non nego que poida existir unha relación”, apunta Giráldez, “só digo que a certeza que hai nestes momentos é baixa no que respecta á asociación entre o cancro de colon e o consumo de carne vermella, e creo que non procede levantar unha alarma e facer comparacións que son falsas e que o único que fan é crear preocupación na poboación”, critica.

Neste sentido, apuntou na súa exposición cara á importancia de aplicar a regra dos tres C á hora de analizar unha información deste tipo, isto é, concepto, certeza e contexto.

  • Concepto. Neste caso, pasa por ter claro o que significa “risco relativo”, xa que cando se fala de parámetros científicos estatísticos hai que saber que implican exactamente.
  • Certeza. As evidencias científicas poden ter un grao alto ou baixo de certeza, algo que tamén se debe ter en consideración.
  • Contexto. Para facer unha valoración xusta débese poñer o risco no conxunto xeral e en relación con todos os demais factores que entren en xogo.

Como conclusión, di este investigador que “está ben que teñamos un consumo moderado en xeral de calquera nutriente, incluída a carne, pero hai que escapar do alarmismo e ter unha visión crítica ao ler artigos na prensa ou nas redes que lanzan mensaxes moi catastrofistas e que ás veces o que fan é utilizar información científica de maneira nesgada”, advirte.