ENXEÑEIRO AGRÓNOMO

A. Jurado: “Se nunha granxa hai máis produción, rendibilidade e lonxevidade, notarase na conta de resultados e o gandeiro quedará satisfeito”

Alberto Jurado, enxeñeiro agrónomo responsable de instalacións gandeiras na Covap, participou o pasado mes de maio no XXV Congreso de Anembe cunha charla sobre o time budget en ganderías de alta produción. Cabe destacar que en novembro tamén estará presente na nova edición das Xornadas de Seragro. Nesta entrevista de Vaca Pinta 41 falamos con el sobre o seu desenvolvemento profesional e sobre as principais claves tratadas na comunicación impartida no Congreso de Anembe.

Como foi evolucionando a túa traxectoria desde o principio ata o día de hoxe?
Nos meus inicios, estudei Enxeñería Agrónoma na Universidade Politécnica de Madrid e traballei na granxa familiar que os meus tíos teñen en Córdoba. As miñas tarefas como profesional sempre estiveron ligadas á parte práctica, na que hai que pasar moito tempo nas ganderías de forma directa e presencial. Máis tarde, empecei nun estudo de enxeñería e, logo, comecei o Máster en Produción de Leite da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Con posterioridade, rematei na Cooperativa Agraria Provincial da Coruña (CAP). Agora, desde hai sete anos, traballo na Cooperativa Ganadera del Valle de los Pedroches (Covap), onde me dedico ao tema de instalacións e xurros, así como á xestión técnico-económica. En definitiva, a miña función céntrase nunha xestión global do que é a explotación.


Que temáticas tocaches durante o teu relatorio no congreso?
Falei da importancia do time budget en ganderías de alta produción. Consiste en saber en que invisten as vacas o tempo para reflexionar sobre como darlles unhas boas condicións e aplicar certas medidas de maneira que poidan aproveitar ao máximo o seu potencial, é dicir, trátase de saber canto tempo dedican a comer, a muxirse etc., e, a raíz disto, buscar como interactuar pouco cos animais para que poidan estar o máis cómodos posible.


"É vital que coidemos as vacas e que lles demos o tempo que elas realmente necesitan para comportarse de forma natural"

O resumo que eu faría da conferencia é que lles debes proporcionar ás vacas o tempo que necesitan para ser vacas e sentirse cómodas, que teñan un comportamento natural, o cal desemboca nunha mellor saúde dos nosos animais, unha maior produción e, sobre todo, máis lonxevidade. Eu sempre insisto en que nós como técnicos temos que conseguir que os produtores obteñan ganancias; non debemos esquecer que son os que nos pagan o soldo. Entón, se nunha granxa hai máis produción, rendibilidade e lonxevidade, notarase na conta de resultados e o gandeiro quedará satisfeito co noso labor.


Cales son os puntos da túa exposición que che gustaría que a xente poña en práctica?
Fundamentalmente, que os muxidos sexan rápidos e que as vacas nunca estean máis dunha hora na sala, xa que ese é o momento no cal máis interactuamos con elas e limitamos o seu comportamento natural.
Outro factor é que hai que encontrar un equilibrio tanto na eficiencia produtiva das vacas como na laboral; se non poñemos as cousas fáciles aos empregados, que son os que realmente teñen esa tarefa de outorgarlles comodidade aos animais, non a van realizar correctamente e fai falta que se leve a cabo de maneira eficaz.
Para rematar, é vital que coidemos as vacas e que lles demos o tempo que elas realmente necesitan para comportarse de forma natural. 

FUTURA PARTICIPACIÓN NAS XORNADAS DE SERAGRO
O enxeñeiro agrónomo, responsable de instalacións gandeiras na Covap, formará parte proximamente das XX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, que se celebrarán na Facultade de Veterinaria de Lugo o 16 e o 17 de novembro.
Jurado inaugurará o segundo día do encontro, o venres 17 ás 11:00 horas, coa súa presentación, que leva por título “Por que o meu veciño produce máis ca min? Deseño e manexo das instalacións”.