ENTREVISTA

G. Fernández: “É moi importante establecer equipos multidisciplinares, xa que ninguén ten todo o coñecemento”

Para afondar na perspectiva que ten o gremio veterinario da pandemia por covid-19 que atravesa o planeta, en Vaca Pinta 17 falamos co experto en enfermidades infecciosas da Área de Sanidade Animal da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Gonzalo Fernández. Membro do equipo de investigación Invesaga de BioReDes e da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, Fernández céntrase nalgúns conceptos clave, entre os que destaca especialmente a importancia da vixilancia epidemiolóxica activa.

Como veterinario, hai algo que lle chame especialmente a atención deste virus?

A verdade é que non, porque é unha combinación de como se comportarían varios virus, pero non ten nada especial. O que ten de especial é que nos está complicando a vida, pero, como enfermidade, non é algo raro.

Que opina da denominada “inmunidade de rabaño”? É unha posible solución?

Espero que non, porque supoñería que un tanto por cento moi alto de poboación morrería. Fálase da inmunidade de rabaño coma se fose unha panacea, cando non o é. A inmunidade de rabaño hai que conseguila cunha vacina. Se aparece de súpeto un tratamento ou unha vacina, pois cambiaría a cousa. 

Os coronavirus son frecuentes en moitas especies animais. En que se parece a covid-19 que está a afectar aos humanos ás infeccións deste tipo que tratan os veterinarios?

En humana, a estrutura da poboación é diferente. Pero tamén é verdade que, en animais, os veterinarios estamos afeitos a traballar con diferentes especies e a estrutura e os movementos que teñen as granxas de porcino non se parecen en nada ás de vacún, adaptámonos a este tipo de variacións. Con todo, sempre hai uns principios básicos de control que coinciden, os cales despois hai que aplicar axustándose ás diferentes estruturas e enfermidades.


 “En veterinaria temos os mellores especialistas en bioseguridade que hai no país: os veterinarios de granxas de aves e de porcino”


Como son aplicables estes protocolos nunha epidemia en humanos?

Primeiro, hai que establecer un sistema de vixilancia, saber como é o iceberg. Temos a parte de vixilancia pasiva, que é cando hai un clínico, un animal ou unha persoa enferma; iso sería só a punta. Pero nós temos que montar un sistema para vixiar o fondo do iceberg, o que chamamos vixilancia activa. É importante porque, se sei onde está a enfermidade, podo saber de verdade onde se está libre e establecer medidas en base a iso. Así, podería, por exemplo, zonificar e tomar decisións de bioseguridade en función do risco real.

Hai algunha praxe en concreto que se estea adoptando neste caso que vostedes non usen en veterinaria?

Unha das cuestións que me chama a atención é que se está falando moito de persoas, pero as persoas vivimos e traballamos con xente; fálase de que un positivo ten que illarse, pero non os que viven con el, sen descartar se xa están infectados ou non. Así, íllase o enfermo, non o infectado, e segue a transmisión. Habería que facer investigacións epidemiolóxicas de cada caso, como se fai en veterinaria, onde, cada vez que tes un brote nunha granxa, buscas por onde puido entrar, por onde puido diseminarse... De feito, os nosos gandeiros saben perfectamente que, se unha granxa ten animais con, por exemplo, brucelose, a ninguén se lle ocorre comprar vacas desa granxa. Primeiro, porque o prohibe a lei e, segundo, porque non sería unha compra segura. 

E é posible realizar esa trazabilidade cando estamos a falar dunha pandemia que non entende de fronteiras nin de idiomas?

Póñoche un exemplo. No ano 2000, houbo un brote moi importante de febre aftosa en Inglaterra (sacrificáronse 4 millóns de animais) e eu naquel momento era o responsable de gandería da provincia de Lugo. Sabiamos que se levaran animais dende Inglaterra a varios países e estabamos moi preocupados, porque a entrada de febre aftosa nunha rexión como Galicia sería a ruína para o sector gandeiro. Naquel momento, os servizos oficiais dirixidos por unha veterinaria francesa detectaron, con vixilancia pasiva (clínica), un caso en vacas e fíxose unha investigación para saber como chegara a febre a esa granxa. Descubriuse que a orixe estivera nunhas ovellas que, sen síntomas (vixilancia activa), chegaran de Inglaterra á explotación dun veciño e contaxiaran ás vacas. Estudáronse todos os pasos desas ovellas dende que entraron en Francia e buscáronse todas as granxas ás que foran os animais que tiveran contacto con esas ovellas. Así acabou a febre aftosa en Francia. Ese é o sistema. 


“Parece que os animais son bastante resistentes a esta infección e non hai evidencias de que poidan contaxiar ás persoas”


Pero podería facerse un seguimento así en humanos?

Isto funciona cando estás ao principio da infección: cando tes poucos casos, tes capacidade de facelo. Se non, unha vez que chegas á fase de redución, é o momento de empezar porque é cando podes estudar cada caso. Agora, grazas a medidas de restrición de contactos e a un custo social e económico moi alto, estamos nunha fase de diminución da prevalencia e non podemos permitirnos que esa baixada sexa lenta. Ten que ser o máis rápida posible e a única forma de facelo é con vixilancia activa e estudos epidemiolóxicos.

Que fai falta para poder desenvolver eses estudos e esa vixilancia activa?

Decisión. Pode ser que non haxa laboratorios suficientes, pero hai posibilidades de aumentar (o meu equipo de investigación e outros tantos contan con laboratorios cos equipamentos adecuados). Hai problemas de falta de kits e de reactivos, pero tampouco é cuestión de facerlle probas a todo o mundo, iso é inasumible. O importante é facer as mostras necesarias para levar á práctica esa vixilancia activa o máis eficaz posible e equipos de persoas preparados para esta tarefa na que os veterinarios, xunto a outros sanitarios, tamén podemos colaborar coa nosa experiencia. Non é nin toda a poboación nin só os casos clínicos. 

Que limitacións pode ter un laboratorio para poder realizar análises?

Ten que poder facer o PCR, que é unha técnica moi sensible e específica. En Lugo xa hai varios que poderían e cónstame que xa se están realizando probas no Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, que é un laboratorio veterinario. Despois, ocorre que algúns xa estamos afeitos a traballar con patóxenos, entón seríanos máis fácil adaptarnos, pero tamén hai que ter os reactivos, organizar a recollida de mostras, o envío, como se vai manexar a información dos resultados... Todo iso leva o seu tempo e, canto máis tardemos en empezar, peor, porque, por cada positivo que detectemos, estarémonos aforrando moitísimos infectados. En Inglaterra, por exemplo, malia que aínda non teñen kits suficientes, xa se están preparando. Están a montar a rede de diagnóstico máis importante que houbo no país en toda a súa historia.

Os veterinarios están máis afeitos a traballar con grupos de “pacientes”, algo menos común en medicina humana. Fai falta unha maior visión de conxunto para afrontar o control desta pandemia?

Si, e estase reflectindo nas medidas que se están tomando. Hai un concepto que a todo o mundo lle gusta usar, o de One Health, que é moi apropiado para falar disto, xa que o 60 % das infeccións que afectan ás persoas teñen orixe ou tiveron orixe nos animais. Compartimos moitas infeccións (zoonose) e o control de pandemias e epidemias ten as mesmas bases. Por iso é moi importante establecer equipos multidisciplinares, xa que ninguén ten todo o coñecemento. Nin os epidemiólogos sabemos o suficiente de viroloxía, nin un virólogo sabe o suficiente de epidemioloxía. Canta máis información e formación teñamos, máis fácil será que se actúe mellor. 

Necesítanse representantes do sector dentro do comité asesor do Goberno?

A min o que me estraña é que ante un problema que ten tales consecuencias sanitarias, económicas e sociais, se poida prescindir dalgún coñecemento. Todos podemos achegar en cada un dos campos nos que temos experiencia e creo que a profesión veterinaria non debería ser unha excepción. Eu creo que é descoñecemento, pero a verdade é que en veterinaria temos grande experiencia no control de infeccións en poboacións e contamos cos mellores especialistas en bioseguridade que hai no país: os veterinarios de granxas de aves e de porcino. 
 


“En ningunha enfermidade a inmunidade é completa por infección"

Algo que xera moito debate é o carné de seropositivo. Como se aplica en veterinaria?

Este é un exemplo de debates absurdos que se expoñen cando non se considera a experiencia previa  en control de enfermidades en animais.  Aos veterinarios chámanos moito a atención isto do carné de seropositivo, coma se un seropositivo puidese considerarse sen risco de infectarse. En ningunha enfermidade a inmunidade é completa por infección e nesta tampouco se demostrou o contrario. De feito, nós xamais cualificamos as granxas con seropositividade con mellor situación sanitaria que unha granxa libre, porque a seropositividade sempre é indicador dun certo risco: se houbo contactos, pode habelos outra vez.

Agora empézase a falar da posibilidade de que a enfermidade se poida transmitir do humano ao animal. Podemos saber xa cales son os riscos reais de contaxio?

Pensar nisto, coa situación que temos, é coma se estivésemos nun terremoto, se nos estivesen caendo as casas enriba e nos preocupásemos por se nos esmaga un avión. Home, a posibilidade non debe descartarse e hai que seguir vixiante, pero agora mesmo a prioridade é protexerse do terremoto. A Organización Internacional de Epizootias (OIE), equivalente á OMS en veterinaria, xa estableceu un sistema de vixilancia internacional, de forma que calquera país do mundo ten que comunicar calquera incidencia que haxa. A día de hoxe, as incidencias que se comunicaron están relacionadas fundamentalmente con animais de compañía: un tigre, un león, tres ou catro casos en cans e algún en gatos (case todos mal documentados) e o contaxio sempre foi de persoas a animais.

Son todos casos de infección?

Unha cousa é contaminar e outra é infectar. Os animais pódense contaminar, igual que os obxectos, e por iso usamos luvas e lavamos as mans. En canto a infección, temos evidencias dalgunhas especies, principalmente gatos e mustélidos, pero, aínda así, estamos a falar de casos moi contados en todo o mundo. Ademais, en animais de produción de consumo humano, non hai ningunha evidencia de infección. En xeral, parece que son bastante resistentes a esta infección, non son importantes dende o punto de vista epidemiolóxico e non hai evidencias de que poidan contaxiar ás persoas. Creo que o risco, neste momento, somos nós para eles.

Como se debe proceder cos animais que nos rodean?
Debemos seguir vixiantes e tomar precaucións xerais. Calquera persoa que estea en contacto con eles, xa sexan de compañía ou de produción, se nota síntomas, se está a esperar o resultado ou se xa sabe que é positivo, non pode ter contacto con ningún ser vivo, e iso inclúe persoas e calquera animal. Hai que evitar todo tipo de contaxio ou contaminación e, se hai algunha zona onde haxa casos, por precaución, porque poderiamos ter unha infección subclínica, deberían utilizarse luvas e máscara se vai haber un contacto moi directo cos animais. 
 


VER MÁIS ALÓ DA PUNTA DO ICEBERG: A VIXILANCIA EPIDEMIOLÓXICA ACTIVA
Falando do procedemento seguido ata o de agora para controlar a pandemia, Fernández cre que se está vendo unicamente a punta do iceberg. “Neste tipo de enfermidades, se fas vixilancia epidemiolóxica tendo en conta soamente os casos con síntomas (pasiva), estás a ver só a punta, pero en realidade o problema é moito máis grande, incluída a parte que non se pode ver, que son os casos subclínicos (que só podemos detectar con probas, é dicir, con vixilancia activa)”. No entanto, non cre que a solución sexa analizar a toda a poboación, senón optimizar as mostras para poder utilizalas da maneira máis eficiente: “O importante é cubrir todas as necesidades da vixilancia epidemiolóxica optimizando as probas dispoñibles. Se só se poden facer vinte mostras de cada caso para facer o seguimento, pois iso será mellor que non facer ningunha, aínda que sería mellor facer cen”. 
A vixilancia epidemiolóxica activa, afirma, é unha ferramenta fundamental tamén nesta fase de descenso de medidas na que nos atopamos: “Non podes levantar as medidas e esperar. Non basta co rastrexo de casos, tamén existen grupos de risco e zonas sen casos clínicos onde é necesario realizar vixilancia”. En zonas sen casos clínicos, en veterinaria a vixilancia realízase, por exemplo, mediante o que se denominan “sentinelas asintomáticos”, os cales son seleccionados en base a unha análise de risco e que en humanos poderían ser, entre outros, médicos con contacto con enfermos, transportistas, comerciantes e colectivos sensibles aos que habería que tomarlles mostras periódicas para saber se entrou a infección na zona. “Os sentinelas asintomáticos son moi útiles para adiantarse ao problema porque, para cando detectas un caso clínico, a diseminación na poboación xa existe”, explica.