Cimag-GandAgro volverá a Silleda do 25 ao 27 de febreiro de 2021

A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, celebrarase do 25 ao 27 de febreiro de 2021. Así o decidiu o seu Comité Organizador nunha reunión mantida esta mañá no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, onde terá lugar o certame.

No encontro tamén se abordou a promoción do evento, dirixida tanto a potenciais expositores como a visitantes profesionais, se analizaron os resultados da edición de 2019 e se valoraron posibles melloras para esta nova convocatoria.

O sector estivo representado por quince entidades, empresas e cooperativas cun gran peso no ámbito agrogandeiro, como son a Asociación Nacional de Maquinaria Agropecuaria, Forestal y de Espacios Verdes (Ansemat), o Centro Tecnolóxico Agroalimentario (Cetal), a Federación Frisona Galega (Fefriga), Cogal, Grupo Coren, Delagro, Nudesa, Farming Agrícola, Ausama,  Tecnor Lalín Maquinaria, Maquinaria Agrícola del Noroeste, Claas Ibérica, Cardelle Hidráulica-Forcar, Hermanos Villar e  Agrotec Entrecanales.

De forma xeneralizada, os asistentes mostraron a súa satisfacción pola evolución de Abanca Cimag-GandAgro e a súa edición de 2019, cualificándoa en moitos casos de “éxito”, á vez que mostraron o seu apoio a esta nova convocatoria.

A pasada edición de Abanca Cimag-GandAgro reuniu 544 firmas expositoras (un 39 % máis con respecto á edición de 2017) de 32 países, das cales 188 foron expositores directos (un 13 % máis) de seis países.