CARLOS RIVEIRA - VETERINARIO CLÍNICO (A PASTORIZA, LUGO)

“Os veterinarios aínda poderían empezar a contribuír nesta nova fase de contención”

Durante o estado de alarma provocado polo SARS-CoV-2 houbo que modificar un pouco a estrutura de traballo, por exemplo, non programamos celos nas vacas ou vacinacións nas tres primeiras semanas da alerta. Agora imos incorporando esas tarefas aos poucos e para algunhas consultas sinxelas, nas que se pode solucionar o tratamento sen necesidade da miña presenza, si que as resolvemos telematicamente.

Incorporamos as máscaras ao equipo de traballo, pois o resto das medidas xa se implementan ao longo de todo o ano. Onde máis esforzos fixen foi a nivel informativo. Desde o primeiro momento establecín contacto cos clientes para explicarlles a rutina que iamos levar a cabo e coloquei carteis no vehículo para recalcar a necesidade da distancia, da hixiene de mans e de non tocar a cara. Ademais, definimos desde o primeiro momento o tipo de persoas que non poderían estar presentes en determinados momentos, como pode ser a asistencia en partos ou as operacións, e que tipo de equipamentos mínimos deberían ter. Tentei simplificar os procesos marcados polo Goberno central e a Xunta de Galicia, buscando sempre que fosen aplicables, proporcionados, efectivos e sinxelos. Dentro das recomendacións nas que insistín continuamente, á parte da distancia, hixiene de mans e non tocarse a cara, incidín de maneira especial en dous aspectos: saber identificar puntos de risco dentro do rural, tanto os endóxenos, derivados do traballo en común, coma os esóxenos, a través dos fluxos de visitas ás explotacións, e, sobre todo, coñecer pautas de protección da xente de risco, persoas maiores ou con patoloxías asociadas que vivan na casa ou teñan ao seu cargo.

En canto ao comité asesor do Goberno, creo que non aproveitar todo o coñecemento dispoñible é sempre unha mágoa. Neste caso concreto, dada a natureza da pandemia e o coñecemento acumulado dos veterinarios sobre control da saúde colectiva, pódese deducir que a perda de oportunidades ao non estar incorporados no comité asesor foi considerable. Agora ben, chegado este momento, paréceme necesario que isto sirva como punto de inflexión para que, dunha vez por todas, se fortifique e se lle dea a importancia que precisa á prestación da Saúde Pública dentro do Sistema Nacional de Saúde. Iso pasa por, entre outras medidas, dotarse dunha estrutura multidisciplinar que opere baixo o concepto One Health, no que inexcusablemente deben estar incorporados os profesionais sanitarios veterinarios para que se poida traballar de forma integral e eficaz dándolles forma a protocolos que permitan actuar preventivamente nas fases de contención e non se teña que chegar a fases de mitigación tan dramáticas como as que están a ocorrer en moitos países.

Os veterinarios aínda poderían empezar a contribuír nesta nova fase de contención que supón a desescalada. Aínda nos falta moito por percorrer nesta aventura do coronavirus. 


BLINDAR O RURAL FRONTE Á COVID-19
Carlos Riveira lanzou a campaña “Blindar o rural da covid-19” para tratar de achegar o seu gran de area na loita contra esta enfermidade. El mesmo fala de como naceu:

“Do convencemento de que a actitude e aptitude das persoas na autoprotección da súa saúde é un alicerce fundamental xurdiu a iniciativa ‘Blindar o rural da covid-19’, para potenciar esa corresponsabilidade da sociedade desde a prevención activa, adecuando as medidas xerais de bioseguridade ás particularidades propias do traballo no campo, simplificando procesos ou identificando posibles riscos que poidan derivar dunha confusión ao ter tanta información.

O coronavirus SARS-CoV-2 non pode paralizar o mundo, porque a vida continúa, a xente no campo ten que seguir traballando e precisa de claridade e capacidade para xestionar a súa propia saúde. O confinamento para a xente gandeira non é unha opción, de modo que ten que saber coidarse e coidar os que ten na casa. Isto non é só necesario no rural, tamén é extrapolable ao ámbito urbano, confinar é unha medida sinxela de levar a cabo, pero nalgún momento hai que volver á rúa e nesa volta a capacidade da xente para autoprotexerse é fundamental.

Para chegar ao maior número de xente posible, a iniciativa desenvolveuse coa implicación de compañeiras veterinarias a través da colocación de carteis informativos moi sinxelos nos locais abertos (cooperativas, tendas, farmacias, centros de saúde...) de diversos concellos colaboradores. O labor dos carteis é que sirvan de punto de atención para lembrar e reforzar as recomendacións básicas de autoprotección e tamén os puntos críticos onde pode estar circulando o coronavirus con maior intensidade nas localidades rurais, así como unha breve listaxe de pautas que debemos seguir dependendo do tipo de ameaza.

A campaña difundiuse na páxina de Facebook ´Blindar o rural covid-19’ tamén a través dos grupos de WhatsApp cos nosos clientes e de diferentes asociacións e iremos abordando proxectos por fases para reforzar ese concepto sanitario da autoxestión da saúde en todas as franxas de idade, incluída a xente máis nova, que considero clave”.


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE