NA GRANXA | CASA ALONSO. O PINO (A CORUÑA)

O seu proxecto de futuro: unha nave nova con muxido robotizado

Este é o número especial sobre a sementeira do millo forraxeiro, por iso, este espazo dedicado a coñecer unha granxa a fondo protagonízao nesta ocasión Casa Alonso, gañadora do noso concurso “Outra vaca no millo 2023”. Roberto Alonso, un dos seus propietarios, cóntanos a historia e o futuro da súa gandería, con varios cambios importantes en marcha. Ver en Vaca Pinta 44.

Localización: O Pino (A Coruña)

Propietarios: Victoriano Alonso e Roberto Alonso

N.º total de animais: 88

Vacas en muxidura: 44

Media de produción anual: 38 l/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 4,4 %

Porcentaxe de proteína:3,4 %

RCS: 100.000 cél./ml

Venda do leite: Celega

 

A Roberto Alonso, as vacas gustáronlle desde pequeno, segundo di, “no momento no que te crías con elas, lévalo dentro”, pero ao ter que decidir que estudos cursar decantouse pola automoción. A crise que houbo arredor do 2010 fixo que se repensase o seu futuro e no 2014 incorporouse á explotación familiar.

A día de hoxe é socio, xunto ao seu tío, Victoriano Alonso, da granxa na que tamén traballa a súa nai, Carmen Baleato. Entre os tres distribúen as tarefas que implican os seus 88 animais.

Lembra como a primeira nave que fixeran os seus tíos “estaba dedicada a 8 vacas en cadeas. Logo, ampliouse para outras 4 máis; seguidamente, para 5 máis e así pouco a pouco. Facíanse obras e despois nunca chegaban. Agora, estamos no mesmo problema, por iso temos un plan de mellora solicitado para mudarnos de terreo e construír unha instalación nova pensada xa para 100 vacas”, afirma.


O robot chegará á granxa para suplir a falta de persoal e para conseguir mellor conciliación familiar

concurso outra vaca no millo 2023

GAÑADORES DO CONCURSO “OUTRA VACA NO MILLO 2023”

Con esta imaxe na que saen Martina e Elia, a gandería Casa Alonso gañou a última edición do noso concurso fotográfico en Facebook “Outra vaca no millo”, no que participaron un total de 94 imaxes referentes aos traballos de ensilado.

O ano anterior quedaron en segunda posición. “Ás nenas facíalles ilusión participar de novo e nesta ocasión conseguimos gañar”, comenta Roberto.

Tras converterse en vencedores con 1.272 reaccións, viaxamos ata O Pino para facerlles entrega da nosa parte do premio, o noso trofeo Vaca Pinta, e para coñecer máis de preto a súa gandería.

ESTABLO NOVO Á VISTA

Sen data aínda para poder comezar as obras, farán a nave moi pretiño da localización actual e alí centrarán as vacas, as secas e as xovencas máis maiores. A recría nun principio quedará nas instalacións actuais para “ir vendo pouco a pouco como vai indo a cousa”, matiza o gandeiro.

O rabaño ata entón está distribuído da seguinte maneira: na nave principal descansan a maioría das vacas en produción, unhas 32, porque “como  non hai suficientes cubículos, temos outra anexa con 12 máis”, sinala Roberto. As camas son de carbonato e serraduras, que limpan e acondicionan tres veces ao día; a limpeza dos corredores realízana con arrobadeiras de cable, e para o benestar animal contan cun cepillo rascador e con dous ventiladores para loitar coas altas temperaturas do verán. Roberto asegura que “durante estes últimos veráns si que notamos a baixada de produción, porque os estíos cada vez son máis calorosos. Cando poñemos a andar os ventiladores todas veñen para debaixo deles”.

Ten claro que sería bo instalar algún máis, pero agora, coa previsión das obras, prefire esperar a facer o investimento xa no novo establo.

Tamén están moi pendentes da limpeza dos bebedoiros, que hixienizan dúas veces ao día, á mañá e á noite.

As vacas secas mantéñenas nun único lote con cama quente de palla ou herba seca e a recría está agrupada en diferentes lotes segundo a súa idade.

As xatiñas ata a desteta están en boxes individuais con cama de palla. “A idea é eliminar estes boxes e facer un único lote con amamantadora”, comenta. Conta que a máquina lle chegue xa para finais do mes de marzo ou principios de abril, xa que agora mesmo está dando moita prioridade a este grupo de animais: “A recría adoitaba ser a grande esquecida das explotacións e agora comprendemos que son o noso futuro; entón intentamos mellorar un pouco cada día”.


  “A recría adoitaba ser a grande esquecida das explotacións e agora comprendemos que son o noso futuro; entón intentamos mellorar un pouco cada día”

XESTIÓN DA ALIMENTACIÓN

“Desde que nacen, analizamos o costro cun calostrímetro e dámosllelo canto antes”, ao que engade que “se non é suficientemente bo, suplementamos con costro en po con base natural e logo xa pasamos a leite das vacas”.

Ao redor dos tres meses, cando chegan a un peso e a unha talla que consideran óptimas, inician a súa desteta e a partir de aquí comen penso e palla ou herba seca, “en función do prezo da palla”.

A partir dos seis meses ata que se inseminan comen ración das vacas de leite e desde que son inseminadas, aliméntanse coa ración das secas.

Procuran non inseminalas ata os 14 meses. “O certo é que moitas, case o 100 %, podiamos inseminalas antes, pero vemos que despois cústalles moito arrancar, están máis baixas. É por iso que non seguimos esa pauta de inseminalas canto antes”, recoñece.

A ración das vacas de leite leva 36 kg de silo de millo, 14 kg de silo de  herba, 10 kg de concentrado e 0,5 kg de palla, mentres que a das vacas secas está composta por 12 kg de silo de millo e 7 kg de palla picada. “A maiores, dámoslles todos os días penso individualmente, porque o carro das secas non se fai todos os días, prepárase cada dous ou tres”, apunta.

O servizo do carro mesturador téñeno contratado coa Cooperativa Perpetuo Socorro, de Arzúa, á que pertencen e coa que tamén realizan outro tipo de traballos de campo.

O ROBOT, EN MENTE

Na actualidade, moxen as súas 44 produtoras nunha sala antiga de seis puntos en espiña de pescado.

O gandeiro coruñés adianta que un dos puntos do plan de mellora da súa granxa é a robotización do muxido por falta de persoal e por buscar máis flexibilidade no traballo e mellor conciliación familiar. “O muxido é un dos traballos máis delicados dentro da gandería e conseguir persoal responsable e cualificado é cada vez máis difícil. O robot non che quita todo o traballo, pero cremos que nos permitirá traballar doutra maneira e acomodarnos mellor, sobre todo para o coidado das nosas fillas”, resume.

AUTOSUFICIENTES CON HERBA E MILLO

En canto a cultivos, centran os seus esforzos e as súas 35 hectáreas na rotación de millo e de herba. “Tan só rotamos o millo coa herba en 25 ha, porque o resto as deixamos como pastos permanentes”, concreta.

Botan sempre o millo o antes posible, “o ano pasado sementamos un ciclo 500 o 28 de abril e un ciclo 400 o 30 de maio. Recollemos a primeira parte a mediados de setembro e a outra a finais de mes”, recorda.

Ensilan todo para a ración das súas produtoras e o ano pasado, a maiores, dedicaron unhas 3 ha a facer gran húmido. “Esperamos abaratar os custos da ración, xa que a idea é reducir a cantidade de penso, pero ímolo comprobar agora, pois en breve abriremos as salchichas onde o fixemos”, detalla.

Para a herba utilizan mesturas de vezas, trevos e raigrás co obxectivo de cumprir os requisitos para o cobro das axudas da Política Agraria Común (PAC). Na pasada campaña conseguiron rendementos de millo de 54.000 kg/ha e de herba, en materia verde, de 14.000 kg/ha. Con isto, Roberto confirma que son autosuficientes e que tan só teñen que comprar a palla.

Os labores de fertilización, arado, sementeira e recolección contrátanos a empresas de servizos externas, así como tamén a xestión dos xurros, que utilizan na súa totalidade para fertilizar as súas parcelas. Teñen unha fosa aberta de 300.000 litros que cubrirán coas obras do plan de mellora.


“Estamos facendo queixos para a casa, porque temos en mente a idea de montar unha queixería pequena”

XENOTIPAR PARA MELLORAR CON SEGURIDADE

Roberto Alonso está dándolle bastante prioridade á xenética dos seus animais e para iso decidiu xenotipar a todos aqueles que nacen na súa granxa, co fin de mellorar con pasos máis seguros.

Entre os criterios aos que máis importancia lles dá están a lonxevidade, os trazos de saúde e a conformación dos ubres e das patas. “Tamén reviso a velocidade de muxido, porque non queremos vacas duras; de feito, aquelas que temos con esta característica xa non as estamos recriando”, concreta.

A detección de celos en Casa Alonso continúa a ser visual, aínda que con certas vacas que presentan problemas botan man de protocolos de sincronización. A media de inseminacións por preñez é de 2,3 para vacas e de 1,5, para xovencas e a media de número de partos aproxímase a 2,5.

Apostan ao 100 % pola raza holstein e ao 90 % por seme sexado. “Todas aquelas vacas que queremos recriar inseminámolas con sexado e o resto é seme de azul belga ou de angus para conseguir animais para venda”, describe.

Segundo di Roberto, o seme de angus aporta máis facilidade de parto e é máis fértil, mentres que co azul belga se obteñen animais con mellor rendemento para a venda: “O último becerro que saíu de aquí vendeuse na poxa de Silleda por 498 euros. Hai moita diferenza con respecto aos frisóns, que andan polos 100 euros”.

MÁIS VALOR AO LEITE

Tamén conta con dous exemplares doutras razas, unha jersey e outra montbeliarde. “A presenza destas dúas vacas na granxa ten un fundamento e é que estamos facendo queixos para a casa, porque temos en mente a idea de montar unha queixería pequena”, desvela.

Tanto a jersey como a montbeliarde dan leite cun rendemento queixeiro superior ao das holsteins. “Nos últimos meses antes do secado –remarca–, a jersey chegou a dar un 9 % de graxa e case un 6 % de proteína”.

A muller de Roberto, Alba Fernández, pretende incorporarse ao proxecto familiar cunha rama que valorice a venda do seu leite. Sen unha data fixa polo momento, será ela quen lidere a xestión desta futura queixería.

Ata facer efectivos todos estes plans, véndenlle toda a súa produción a Celega e están cobrando uns 45 céntimos por litro, a graxa a 2 euros por tonelada e a proteína a 6 euros por tonelada.