A xornada Africor Pontevedra celebrarase o 10 de abril en Finca Mouriscade

O mércores 10 de abril é a data elixida para a celebración da xornada técnica de Africor Pontevedra, que terá lugar en Finca Mouriscade (Lalín, Pontevedra). Ás 10:45 horas inaugurarase o encontro da man de Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra. A moderadora da cita será María Manteiga.

Tras unha pausa para o café, comezarán os relatorios do día. O primeiro correrá a cargo de Héctor Martínez, xefe da Sección de Gandería de Finca Mouriscade, quen falará da evolución e das novidades da granxa. A continuación intervirá o veterinario de Gav.Allfeed, José Taboada; a súa charla centrarase na adaptación ao novo plan sanitario integral, traballo sen antbióticos e antiparasitarios farmacolóxicos. Seguidamente chegará a quenda de María Goreti Dogambide, bióloga do departamento de I+D do grupo Soaga, quen afondará nas novas normativas para a agricultura en España.

O presidente de Africor Pontevedra, Jesús Manteiga, clausurará o acto e, a continuación, os asistentes gozarán dunha comida. A capacidade é limitada, co cal os interesados en asistir deberán inscribirse previamente chamando ao 986 580 462.