NA GRANXA I GRANXA PAZOS (MAZARICOS, A CORUÑA)

Gandería de nova creación e de crecemento estratosférico

É a definición que se nos vén á cabeza despois de visitar Granxa Pazos, un negocio dedicado á produción leiteira que parte da unión de tres familias e que encabeza a día de hoxe Marcos Alvite, quen decidiu cambiar a súa empresa de electricidade e a súa vida en Santiago por apostar pola súa terra e a creación dunha familia con maior calidade de vida. Ver en Vaca Pinta 43.

Localización:Mazaricos (A Coruña)
Propietarios: Jesús Otero, Guadalupe Pita, Marcos Alvite, Silvia González, Rocío Alvite e Javier Carreira
N.º total de animais:522
Vacas en muxidura: 252
Media de produción: 40,7 litros/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 3,73 %
Porcentaxe de proteína: 3,55 %
Venda do leite: Entrepinares

Só seis anos pasaron desde que os socios de Granxa Pazos fundaron a sociedade e puxeron en marcha unha nova gandería de vacas leiteiras na localidade coruñesa de Mazaricos.

“Todo xurdiu grazas á unión de tres familias da zona. Dúas das partes propuxéronmo a min e, tras case un ano sen durmir, tireime á piscina sen saber se había auga”, lembra entre risas Marcos Alvite, quen nos abriu as portas do seu negocio.

Tiña unha empresa de electricidade en Santiago e a vida asentada coa súa parella, Silvia, na capital galega, pero a proposta dos veciños, a situación da súa nai, con tan só 14 vacas en pastoreo, e a idea de formar unha familia gañaron peso á hora de decantarse por vender a súa parte da empresa, volver ás súas orixes e apostar por unha explotación leiteira que aproveitase as súas terras.

“A empresa íame ben e viviamos en Santiago, unha cidade que nos gusta moito, pero Silvia e mais eu falabamos moitas veces de que, se criabamos alá os fillos, chegaría un momento no que irían ao colexio, farían alá os seus amigos e a posibilidade de que mantivesen vínculo con isto ía ser moi pequena”, ao que engade que a axuda da súa nai sería moi boa e que a comodidade e a calidade de vida aumentarían.

Moxen 252 vacas cunha media de produción de 40,7 litros por animal e día

Tomada a decisión e sen saber nada de vacas en sistema intensivo, Marcos recoñece que no primeiro mes de traballo perdeu sete quilos, “aprendín a marchas forzadas e coa axuda indispensable dos técnicos e veterinarios, que me ensinaron todo e me fixeron moitas veces de psicólogos”.

A tranquilidade, que pensou que ía ser positiva, tamén comezou a pesar e o gandeiro fala de que, “acostumado a ter moita relación coa xente no ámbito laboral, botaba moito de menos ese contacto e a tranquilidade converteuse en algo abafador. Ese aspecto das relacións sociais custoume, pero a chegada da pandemia axudoume a ver o lado bo de todo isto. Se a tivese que ter pasado nun piso, sería un suicidio”.

Os inicios foron duros, con 105 vacas en muxidura, algunhas secas e moi pouca recría, que entraron nas instalacións en novembro de 2017. “Eran os animais que xuntamos das tres granxas socias e a partir de aquí comezamos a comprar para poñer a gandería ao 100 %”, indica.

Aos dous anos, tiveron a primeira visita de Queserías Entrepinares, pois fixéranlle a solicitude para subministrarlle o leite, e naquel momento non puideron incorporarse á industria: “Pedíannos unha entrega diaria de 10.000 litros e daquela non o alcanzabamos”.

Motivados por esta petición, deron o paso de ampliar as instalacións e continuar comprando cabezas ata chegar ao día de hoxe, no que están muxindo unhas 252 produtoras dun rabaño total duns 522 animais.

Cunha produción anual media de 40,7 litros por vaca e día, cunhas porcentaxes de graxa de 3,73 % e de proteína de 3,55 %, entréganlle o leite, agora si, a Entrepinares e están cobrando un prezo de 0,49 €/litro, aínda que “a tendencia que nos comunicaron é que en xaneiro e febreiro levariamos unha baixada ata 0,48. Veremos a ver como evoluciona o mercado”, afirma.

“A idea de fixar dúas quendas veu un pouco derivada de poder presentar ofertas de emprego atractivas”

A XESTIÓN DE PERSOAL, UN DOS PUNTOS MÁIS COMPLEXOS

Dos seis socios que conforman a sociedade, traballan na gandería só tres, Marcos, Silvia e Javier, e a maiores están contratadas seis persoas máis.

As quendas de traballo repártense en dúas, a de mañá e a da tarde. “Somos nove traballadores, catro en cada quenda e eu, que me centro máis na xestión e cubro ademais as baixas e as vacacións”, apunta Alvite.

A busca de traballadores é para Marcos, como o é para o resto do sector, unha das eivas máis importantes. “A idea de fixar quendas veu un pouco derivada de poder presentar ofertas de emprego atractivas”, indica ao considerar que todas as empresas que o rodean son competidoras á hora de seleccionar persoal e “nós debemos proporcionar algo medianamente bo e atractivo”.

A maiores, cre complicada a propia xestión do persoal contratado. “Hai que ter moi en conta –sinala– o carácter e as habilidades de cada un á hora de deseñar os diferentes equipos de traballo, para que estean compensados”.

INSTALACIÓNS CON POUCA DENSIDADE 

Os animais de Granxa Pazos están distribuídos en tres localizacións diferenciadas: a nave principal, onde están as vacas de produción, as secas, as vacas a punto de parir e a recría ata a desteta; outra nave con xovencas a partir de 12 meses, e unha terceira coa recría destetada ata os 11 meses.

Para as secas teñen 62 cubículos, porque adoitan moverse entre 20 e 30 secas máis as xovencas preñadas; no lote de baixa e de media produción teñen 96 cubículos e, como máximo, 90 vacas en cada un e no lote de alta contan con 64 cubículos e, normalmente, non máis de 60 vacas.

granxa pazos
A orientación do establo favorece a correcta ventilación e que os animais apenas amosen síntomas de estrés por calor

“Intentamos ter sempre en torno a un 5 % de camas libres, porque comprobamos que vender aqueles animais que non están sendo rendibles e deixar máis espazo aos que realmente nos están producindo fainos obter maiores beneficios”, asegura Marcos.

Mantendo unha densidade menor no establo conseguen un retorno económico polas vendas, un aumento na produción e un maior descanso e tranquilidade do seu rabaño.

Todos os cubículos da nave principal teñen camas de area, que limpan e airean dúas veces ao día no momento dos muxidos. Na recría máis pequena e na zona de preparto decántanse pola cama quente de palla e na nave do resto da recría as camas teñen colchoneta con carbonato e serraduras.

A limpeza dos corredores realízana con arrobadeiras de cable que recollen todo o xurro cara a dúas fosas cubertas de 6 millóns de litros, na nave principal, e de 900.000 litros na granxa da recría.

En canto á xestión das camas quentes de palla, Alvite asegura que “non supón ningún problema”. Utilizan un produto que acelera a descomposición da materia orgánica, incluso reduce olores, e “conseguimos unhas boas características do xurro, o que facilita bastante o traballo”, di.

“Tentamos ter sempre ao redor dun 5 % de camas libres”

Baleiran as fosas completamente para enriquecer as súas terras antes de botar o millo e “non nos produce ningún tipo de obstrución na maquinaria nin nada”, destaca.

En canto aos comedeiros do establo principal, Alvite subliña unha particularidade da súa granxa: “A maioría adoita ter un corredor central e neste caso temos un comedeiro en cada lateral e o espazo de camas no centro, o que fai que haxa menos cornadizas que número de animais e nos obriga a ter comida sempre dispoñible para os animais”.

As produtoras necesitan poder rotar continuamente os seus sitios para chegar ao alimento, o que implicaba estar arrimando a ración case día e noite. Como era algo bastante difícil, solucionaron este detalle cun robot arrimador de comida, “que lles mantén sempre a alimentación ao seu alcance”.

Os comedeiros están cubertos con resina, xa que os socios de Granxa Pazos, despois de valorar a resina e o aceiro, decidiron que a resina sería mellor: “O aceiro é moito máis esvaradío coa humidade e á hora de varrer ou de arrimar a comida poderíanse levantar máis facilmente as súas partes. Coa resina evitamos estes dous aspectos”.

Para os bebedoiros calculan 8,5 centímetros por vaca, límpanos dúas veces ao día e a auga mantéñena nunha temperatura axeitada, que non sexa moi fría, grazas “ao arrefriador de placas polo que pasa o leite. A temperatura que lle quita ao leite para ir ao tanque aproveitámola para temperar a auga e así evitamos problemas dixestivos e que o consumo sexa menor”.

Para maior benestar, as vacas contan con varios cepillos rascadores en cada grupo e a nivel de ventilación, Marcos Alvite describe a zona como “de temperaturas bastante suaves”. A nave non ten paredes exteriores e a súa orientación facilita unha boa ventilación durante todo o ano.

“Nestes anos –indica– teño comprobado que poden vir días moi puntuais ou unha semana, como moito, en pleno verán de moita calor e neses días si que pode baixar un pouco a produción, pero é algo que enseguida recuperamos”. De feito, lembra como en 2023 o mes de maior produción foi xullo, con 42,2 litros medios por vaca e días de moita calor.

En cifras de reprodución tampouco notan cambios transcendentais. Entón “aínda que sempre se podería facer algo para eses días puntuais, son investimentos tan fortes que de momento preferimos continuar así”.

Onde si colocaron varios ventiladores con aspersión de auga foi na sala de espera para o muxido, xa que “nesa área e nese momento, no que se aglutinan moitos animais, si que nos parecía necesario axudarlles con este sistema”.

DOUS MUXIDOS E SECADO SELECTIVO

Realizan dous muxidos, ás 5:30 h e ás 17:00 h, nunha sala 2x12. O muxido dura aproximadamente tres horas e encárganse dúas persoas en cada quenda. “Facelo unha persoa soa sería pouco adecuado, porque se alongarían moito os tempos de espera e de colocación”, valora Alvite.

Coas funcións de cada traballador perfectamente protocolizadas, levan tamén varios anos co secado selectivo. “Implantámolo antes de que fose unha obriga e si recordo que tiñamos un pouco de medo”, lembra.

Amparándose en que o reconto celular era moi baixo, sempre inferior a 100.000 células somáticas por mililitro, decidiron dar o paso e ademais de maneira definitiva. Segundo di, “non empezamos progresivamente, fomos de golpe e non causou ningún tipo de problema”. Dos beneficios salienta “o cumprimento da lei e o aforro en antibióticos”.

De cara ao futuro, a idea do terceiro muxido está xa barallándose na mente de Marcos e dos seus socios, porque ven que “hai moitas vacas de alta produción que están nos 46 ou 48 litros de media” e que necesitarían dun terceiro muxido, pero para iso “debemos contar con máis persoal ou decantarnos por outro tipo de sistema de muxido. É algo que sempre se pon enriba da mesa nas nosas conversas, pero de momento non valoramos seriamente”.

O CICLO DAS RACIÓNS 

Todas as xatas que nacen en Granxa Pazos aliméntanse os primeiros meses de varias tomas de leite. “A primeira semana toman en torno a seis ou sete litros e despois váiselles subindo gradualmente de quince en quince días ata que chegan a tomar nove litros en tres tomas”, indica Marcos.

Esta primeira etapa están en boxes individuais e ao mes e medio, máis ou menos, pasan a lotes con cornadiza e cama quente de 8 ou 9 animais. Comeza a desteta pouco a pouco e incorpóraselles comida de vacas de lactación e un pouco de palla, “segundo din a palla estimula mellor o rume e vanse habituando á comida das vacas de leite”, engade. A baixada de leite é progresiva ata os 74 días, aínda que hai veces que “chega ata os 84 ou 86 días, dependendo da condición corporal”.

Logo, pasan a outro grupo de 12 cabezas, tamén con cama quente e comida de vacas de leite e palla, ata os catro meses e medio. Continúan pasando os meses en lotes de 15 coa mesma comida e aos sete meses agrúpanse nun lote máis grande dunhas 30 ou 40 xatas co mesmo sistema e a mesma alimentación, pero cunha zona exterior.

As racións de produción constan principalmente de cinco ingredientes: silo de millo, silo de herba, bagazo, colza e concentrado

“Aos 11 ou 12 meses pasan a unha zona da nave con cubículos onde lles colocamos os colares de monitorización para a detección de celos e aos 13-14 facémoslles a primeira inseminación”, resume o gandeiro. Nesta fase cámbianlles a comida, “porque se non engordarían demasiado”, e pasan a comer 24 kg de silo de herba, 2 kg de palla e 1 kg de concentrado ata que finalmente quedan preñadas.

As xovencas preñadas comen unha ración composta por 8 kg de silo de millo, 6,5 kg de palla, 1,5 kg de colza e 1 kg de concentrado e cando lles faltan dous meses para parir xa se pasan para a nave principal, ao lote de vacas secas, onde comen 8 kg de silo de millo, 8,5 kg de palla, 1,5 kg de colza e 1 kg de concentrado.

Para as vacas de produción preparan dúas racións diferenciadas. Por un lado, para os lotes de alta e de media produción, que case consideran de alta aos dous, realizan un unifeed con 40 kg de silo de millo, 6 kg de silo de herba, 8 kg de bagazo, 6 kg de colza e 7 kg de concentrado. Por outro lado, ás de baixa fanlles unha ración de 43 kg de silo de millo, 6 kg de silo de herba, 8 kg de bagazo, 5 kg de colza e 5 kg de concentrado.

135 HECTÁREAS

Das 135 hectáreas que manexan, 92 delas propias, contan con 5 ha demasiado húmidas ás que só poden acceder en verán para facer os cortes de herba. O resto rótanas entre herba e millo.

“A produción de millo nestes últimos anos foi moi boa, polo que cultivamos 90 ha e o resto quedou a pradeira permanente, cunha mestura de raigrás inglés, diploides, tetraploides e festuca, que nos aporta cortes cada 35 días con moita proteína”, explica Marcos.

Estes bos resultados do millo anímaos a recortar 10 ha máis para este ano que vén e contan botar só 80-85 ha a millo para quedarse con 45-50 a herba e así poder sacar máis cortes de herba, pois “coa herba andamos sempre un pouco máis escasos e interésanos a nivel proteico e dixestivo, ademais a recría consome moita”, matiza.

Nos cultivos de herba tamén sementaron 18 ha de mesturas de leguminosas con veza para cumprir cos criterios esixidos pola PAC.

Alvite considérase privilexiado por ter as fincas concentradas e “o 100 % delas nun radio dun quilómetro e medio con centro na súa granxa”. A nivel loxístico poden contratar moitos servizos externos a prezos moi razoables. Así, contratan practicamente todos os traballos, “facemos a fertilización dos campos, a aplicación de fitosanitarios e tamén a maioría dos labores que implica o xurro. Para o resto, chamamos sempre a empresas que nos botan unha man”.

LITROS, FERTILIDADE E SAÚDE

A compra de tantos animais para a posta en marcha da gandería provocou que o rabaño de Granxa Pazos fose un grupo moi pouco homoxéneo e que finalmente Marcos se decantase por xenotipar todos os seus exemplares para comezar a facer unha selección xenética moito máis precisa.

“Mellorar a produción, en líquido e sólidos, buscar que a fertilidade fose o máis positiva posible, e conseguir uns trazos de saúde máis altos” son os tres obxectivos que xestiona agora mesmo. “Busco vacas correctas, sen obsesionarme coas cualificacións nin os tipos”, engade.

Na súa selección xenética buscan mellorar a produción, en líquido e sólidos, a fertilidade e os trazos de saúde

Para a detección de celos utilizan os colares de monitorización tanto nas vacas como nas xovencas: “Conseguiamos unha taxa de preñez moi boa e por iso decidimos incorporalos tamén na recría”, remarca.

A maiores, facilítanlles moito o traballo diario e cos datos de inxestión, ruminación e descanso detectan rapidamente anomalías na produción ou posibles problemas de saúde nos seus animais.

“Compramos as doses dos touros exclusivamente a unha casa americana e normalmente apostamos polos xenómicos, para un progreso máis rápido aínda asumindo un pouco máis de risco”, admite.

Segundo os valores dos xenotipos, utilizan seme sexado en todas aquelas vacas que queren recriar e no resto, seme de carne, angus nun 90 % das veces. O seme convencional é case inexistente nesta granxa.

“Con este sistema sabemos de que vacas queremos descendencia e, cando preñan, como norma xeral obteremos femias. O cruzamento con angus achéganos animais cun valor bastante bo para a venda. É unha estratexia boa”, cre.

MÁIS CALIDADE DE VIDA

A nosa entrevista con Marcos remata falando de futuro, dun futuro que cualifica de incerto pola situación do mercado, pero no que ten moi claro o que quere: “Mellorar as producións, estabilizar o rabaño e lograr mellor calidade de vida para todos, pero para min en especial, porque vexo todo moi dependente da miña persoa”.

Carlos Noya
Carlos Noya. Asesor de Calidade do Leite (Seragro SCG)
“Os dous factores máis vantaxosos do secado selectivo son a tranquilidade e a simplificación do traballo”

Como foi a súa traxectoria como veterinario?
Licencieime en Veterinaria no ano 2000 pola Universidade de Santiago de Compostela e os primeiros oito anos da miña carreira dediqueinos á clínica de vacas, principalmente.
Agora, xa levo 17 anos especializado en control de calidade do leite e saúde do ubre nas explotacións de vacún, fundamentalmente en Galicia.

Dedica tamén parte do seu tempo profesional á faceta investigadora. É así?
Si. Desde que estou centrado en traballar en calidade do leite e saúde do ubre, colaborei con diferentes laboratorios e asociacións que se dedican a este ámbito da produción. Ademais, participo en dous grupos de traballo de calidade do leite: no grupo de mamite de técnicos de Calidade do Leite de España do Laboratorio Boehringer e no grupo de Calidade do Leite tamén nacional de Laboratorios Zoetis. Damos diferentes formacións, colaboramos e publicamos diferentes artigos técnicos en calquera destes dous ámbitos. 
Despois tamén presentei varios estudos en congresos nacionais e internacionais e colaboro habitualmente co Conselho Português de Saúde do Ubre. O que fago é expor diversos estudos con datos e análises do meu traballo diario. Un dos últimos foi dirixido ao Congreso Mundial de Anembe. Supoño que o aceptarán e alí estarei.

Foi, ata hai pouco, coordinador da sección de Calidade do Leite de Seragro durante 10 anos e impulsou ao longo dese tempo certas certificacións. Por que as creu necesarias?
A primeira certificación que puxemos en marcha foi a que titulamos como Guías Correctas de Hixiene e Manexo nas Explotacións, a primeira que houbo en España e a primeira que as industrias leiteiras empezaron a esixirlles ás granxas.
Por mor diso empezamos a traballar intensamente no ámbito das certificacións de benestar animal baseadas no Protocolo Welfare Quality, que é o que máis se demanda agora e practicamente todas as industrias leiteiras esixen, e mesmo priman, nas explotacións que son provedoras.
Sempre o crin interesante, porque é un tema que axuda a mellorar as explotacións. Se partimos dun bo confort, dun benestar animal correcto, todos os ámbitos da produción se van potenciar moito máis. 
Agora estamos a pór o noso foco en como se pode facer unha certificación en relación á pegada de carbono. Creo que por aí pode haber moito campo de acción nos próximos anos.

Como foron cambiando as explotacións gandeiras en todos estes anos?
A evolución das explotacións nestes últimos anos é abismal e claramente positiva. Se volvemos a vista atrás 10 ou 15 anos, a calidade do leite non ten nada que ver co que é agora, nin as explotacións, nin o manexo, nin nada.
O cambio foi moi positivo grazas ao noso traballo e grazas ao grande esforzo dos gandeiros. Nós, como asesores, fomos inculcando certas maneiras de traballar e certas pautas de manexo, pero, ao final, o gandeiro é quen ten que colaborar con todo iso.
Grazas a este conxunto, a calidade do leite, a incidencia de mamite e a saúde do ubre non teñen nada que ver.

De que maneira axudou neste proceso a irrupción das novas tecnoloxías e dos sistemas de monitorización?
Estes sistemas, tanto en granxas robotizadas como naquelas con salas convencionais, fornécennos dunha serie de datos que nos serven no día a día para controlar moito mellor a incidencia de calquera patoloxía.
Cando eu empecei, practicamente contabamos cos datos do control leiteiro unha vez ao mes e coas mostras de tanque do Laboratorio Interprofesional, pero hoxe en día, con todos os sistemas de monitorización presentes nas granxas, temos unha visión moito máis inmediata e concreta do día a día de cada explotación. 
Ademais, desde que empecei a traballar en calidade do leite, sempre fun un gran defensor da prevención. Os problemas hai que previlos antes de que sucedan. Unha vez que se desbordan, é moito máis difícil resolvelos. 
O noso traballo está baseado fundamentalmente na prevención e con estas tecnoloxías podemos desenvolver o noso traballo moito mellor. Evidentemente, se contamos con máis información e con máis datos, poderemos anticiparnos de maneira máis fácil.

En que materias está a afondarse hoxe en día?
Trabállase en todos os temas, pero algo no que se insiste intensamente desde hai uns anos é na diminución do uso de antibióticos e na aplicación do secado selectivo.
Outro asunto que está a causar moito interese e no que tamén me estou formando é na análise de datos. Temos unha gran cantidade de datos, pero se non os sabemos filtrar e manexar, non podemos sacar correctas conclusións.

Como cre de importante e necesario este tipo de programas de calidade do leite nas granxas?
Creo que un asesoramento en calidade do leite, como en calquera outro ámbito da produción, é necesario e todas as granxas deberían contar con el, porque, se tes un técnico ou un asesor que che está dicindo como tes que facer as cousas, sempre é máis fácil anticiparse aos problemas e realizar as tarefas de maneira correcta.
Á parte, cada vez hai máis temas lexislativos que cumprir e a mamite e a calidade do leite teñen un impacto económico moi grande nas granxas. 
Canto máis asesorados esteamos, haberá menos mamites, mellor calidade do leite e todo iso suporá mellores resultados do negocio a nivel económico.

Se nos centramos en Granxa Pazos, desde cando a está asesorando e por que?
En Granxa Pazos comecei a traballar hai tres anos e a verdade é que non había unha problemática grave.
A granxa naquel momento estaba a crecer, comprara moitos animais e, por mor das  auditorías de benestar animal, necesitaba organizar os protocolos na sala de muxido. Ademais, implantamos o secado selectivo, mesmo antes de que fose obrigatorio por lexislación.
Os criterios que uso para facer o secado selectivo nesta gandería son a incidencia de mamite clínica e os recontos de células somáticas dos últimos tres meses. Aquelas vacas que non tivesen esta patoloxía e non rexistrasen recontos superiores a 200.000, levan simplemente un tapón selador.
Dado que a saúde do ubre nesta explotación é excelente, están a secarse con antibióticos de secado soamente o 15 % dos animais. 
Que beneficios lle achega o secado selectivo ás ganderías? 
Antes de nada, cumpres coa lexislación vixente. A nivel económico non creo que se note moito, pero o maior beneficio é a tranquilidade de muxir esas vacas posparto, coas que garantes que non hai residuos de antibióticos en tanque. Non tes que esperar e mirar vaca por vaca para saber cando pode servir o seu leite. 
Desde o meu punto de vista, os dous factores máis vantaxosos que ten este sistema son a tranquilidade e a simplificación do traballo.


Que protocolos está a recomendarlles para unha boa calidade do leite? 
A calidade do leite está influenciada por todo o que sucede nunha granxa. Eu fago visitas mensuais e controlo todos os puntos críticos que pode haber para que non haxa mamite ou que non empeore a calidade do leite.
En canto ás rutinas de muxido, fago formacións periódicas co persoal de muxido para que se manteñan os mesmos protocolos e se garanta así un muxido eficiente e en boas condicións para non deteriorar a saúde do ubre.
Realizo tamén recoñecementos periódicos da máquina de muxido, para comprobar que todo funcione correctamente, e despois verifico todos os demais factores, como poden ser o estado das vacas, a limpeza, as camas, a densidade do establo, se hai sobrepoboación ou non, ou todo o relacionado coa alimentación e coa produción de forraxes, tanto de millo como de herba. 
É necesario controlar periodicamente o estado dos silos, para que estean ben conservados e non haxa zonas deterioradas que terminen na ración dos animais. Tamén recomendo unha xestión adecuada da auga.
Se algo non funciona correctamente, debemos corrixilo e anticiparnos a posibles erros e problemas.  

 

Por último, están tentando mellorar algún aspecto concreto en Granxa Pazos?
A calidade do leite nesta granxa é excelente. Todos os meses está por debaixo de 100.000 células somáticas en tanque e a incidencia de mastites é practicamente residual. O ano pasado tratáronse só cinco vacas con antibiótico.
É un exemplo de que traballando con boas rutinas se pode conseguir que non haxa incidencia de mamite nunha explotación.
É unha gandería que funciona moi ben, con datos moi bos e o que queremos é manternos así.