Os prezos de venda de lácteos seguen á alza en mercados internacionais

A situación replícase nos dous extremos do globo: tanto Nova Zelandia como o mercado de futuros da bolsa de Chicago continúan anotando cifras positivas na evolución de prezos do comercio de produtos lácteos.

NOVA ZELANDIA

Tras rexistrar fai quince días a segunda subida máis forte do ano (ascendeu un 1,9 % ata os 2.979 $/tonelada), na poxa pechada esta mañá os rexistros seguen mellorando. Fonterra pechou hoxe cun incremento do índice global de prezos do comercio de  produtos lácteos do 8,3 % con respecto ao 16 de xuño. Desta maneira, o prezo medio de venda alcanza os 3.197 $/tonleada.

O leite enteiro en po anotou o incremento máis destacado da xornada e chega os 3.208 $/ton, un 14 % máis que na última quincena. Así mesmo, o prezo do leite desnatado en po chegou hoxe aos 2.694 $/ton, cun aumento do 3,5 %. Ademais, a manteiga, que descendera lixeiramente na última quincena, recupérase e sobe un 3 % ata acadar os 3.717 $/ton.

ESTADOS UNIDOS

No mercado de futuros da bolsa de Chicago as expectativas tamén son boas. En maio as exportacións de produtos lácteos acadaron o maior volume en dous anos: producíronse un total de 210.429 toneladas (un 18 % máis que no mesmo período o ano pasado) e alcanzouse un valor total de venda de 585,2 millóns de dólares.

Destacan especialmente os datos relativos á exportación de queixo: maio de 2020 pechouse como o segundo mellor mes na exportación deste derivado desde que hai rexistros grazas a unha subida das vendas a mercados internacionais do 7 %.