O valor medio dos produtos lácteos creceu un 30 % en Fonterra no último ano

Coa última poxa de Fonterra, que se celebrou hoxe, quixemos facer unha comparativa en maior profundidade sobre como foi a evolución tanto do prezo medio de venda, como dos produtos por separado. A nivel xeral, o incremento xa é moi rechamante: o ano pasado, nestas datas, o índice global de prezos do comercio de produtos lácteos crecera un 4,5 % con respecto á quincena anterior e o seu valor media estaba nos 3.111 $/tonelada. Hoxe, tras un incremento do 1 % no mesmo índice con respecto á anterior poxa, o prezo medio dos produtos sacados a poxa é de 4.011 $/tonelada. Noutras palabras: nun ano, o valor do lácteo incrementouse un nada desdeñable 28,93 %.

E EN QUE SE TRADUCE ISTO AO FALAR DE CADA PRODUTO DE XEITO INDIVIDUAL? 

 Setembro 2020Setembro 2021
Leite enteiro en po2.985 $/ton3.777 $/ton
Leite desnatado en po2.918$/ton 3.302 $/ton
Manteiga3.282 $/ton4.857 $/ton
Queixo3.674 $/ton4.274 $/ton

 

Nun ano o prezo medio do produto en orixe aumentou no mercado de referencia case un terzo, pero os gandeiros seguen recibindo condicións cada vez peores pola súa produción. Entón, a cuestión é: en que momento comezarán a impactar estes datos nos seus ingresos? Quizais cando a industria deixe de tratar aos produtores como a parte máis maltratada da cadea.

As subidas das que falan Covap, Naturleite, Iparlat, Clun e Pascual, as cales están referendadas polas anunciadas por Mecadona e Carrefour nos lineais, son insuficientes e, se destacan, é porque esperamos que, tras elas, cheguen as das grandes industrias do sector en España. Onde está Capsa, comercializadora de Central Lechera Asturiana e Larsa? Onde está Lactalis, dona de marcas tan coñecidas como Puleva, President, Reny Picot, Leite Rio e Leche Celta? A que están a esperar?

A situación está a alcanzar tal nivel de descontrol que mesmo desde o Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación están a pedir a produtores e operadores denuncien o incumprimento das condicións acordadas cos compradores. A situación váisenos das mans, e poida que así, poñendo nomes e datos sobre a mesa, os responsables atopen maiores dificultades para seguir transformando e envasando a prezo regalado un produto que, antes de chegar ás súas mans, foi producido con coidado e esforzo por unha banda do sector á que como sigan devaluando desta maneira terminará por desaparecer. E con eles, desaparecemos moitos outros.